Hai que remontarse ao 22 de febreiro de 2007 para atopar unha imaxe dun pacto político en Galicia en torno á lingua galega. Aquel día, a daquela conselleira socialista de Educación, Laura Sánchez Piñón, compareceu ante a prensa en San Caetano sentando ao seu carón a Manuela López Besteiro, noutrora conselleira de Fraga e nese momento responsable de temas educativos no Grupo Parlamentario do PP na oposición.
Cómpre remontarse a 2007 para atopar o último pacto político en torno ao galego. Foi para acordar o decreto de uso das linguas no ensino, do que o PP se desmarcou pouco despois
Na mesma mesa, xunto ao resto de altos cargos de Educación, e o deputado do PSdeG Guillermo Meijón, sentaba o tamén deputado popular Ángel Bernardo Tahoces e os parlamentarios do BNG Bieito Lobeira e Manuel Parga. Viñan de acordar un novo decreto de uso do galego no ensino. Conforme ao fixado por unanimidade no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega tres anos atrás, aínda con Fraga na Xunta, garantiría a impartición dun mínimo do 50% das materias escolares en galego.
Como é sabido, o consenso foi efémero. Nun contexto no que os populares galegos se afanaban en evitar calquera fuga de voto que lles impedise retornar á Xunta en 2009 cara a forzas de marcado carácter centralista como UPyD e en plena cruzada dos de Mariano Rajoy contra o novo Estatuto de Catalunya, a formación liderada dende un ano antes por Alberto Núñez Feijóo acabou baixando do pacto. O resto, entre alertas de "imposición", é historia.
As negociacións que principia esta semana o conselleiro López Campos están inevitablemente marcadas polos recentes datos de uso do galego divulgados polo IGE e polos Orzamentos Xerais para 2025 que a Xunta vén de empezar a tramitar
Dezasete anos despois daqueles acontecementos, o actual conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, aborda esta semana cos grupos do Parlamento a oferta de "gran pacto pola lingua" que, di, quere acadar o Goberno que preside Alfonso Rueda. López Campos asegura abordar as negociacións sen "liñas vermellas". Mesmo contemplando a posibilidade de inserir modificacións no denominado decreto do plurilingüismo do ano 2010, declarou este pasado domingo á Cadena SER, aínda que desbotando derrogalo por completo e partir de cero na regulación dos idiomas no ensino. Na mesma liña, Rueda subliñaba este luns a ausencia de "liñas vermellas" máis alá da "lóxica" de que "non se converta nunha imposición".
Estas negociacións estarán inevitablemente marcadas polos recentes datos do IGE que, con información correspondente a 2023, acreditan aspectos como que o castelán xa é o idioma predominante en Galicia ou que o uso do galego retrocede en todo o país, sobre todo nas áreas urbanas. E tamén chegan no inicio do trámite dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2025 que, no apartado de normalización lingüística, continúan practicamente conxelados.
O orzamento real de Lingua, case un 60% por baixo de 2009
O proxecto de contas públicas entregado pola Xunta ao Parlamento o pasado sábado contempla 11,96 millóns de euros na súa partida de fomento da lingua galega. Supón un incremento porcentual superior ao 8% que equivale a menos dun millón de euros. Son, daquela, tres anos seguidos co orzamento na contorna dos 11 millóns, sen que o feito de elevar Lingua á denominación dunha consellería e mudar a Secretaría Xeral de Política Lingüística en Secretaría Xeral da Lingua con dúas subdireccións (Política Lingüística e Planificación e Dinamización Lingüística) trouxese consigo alzas significativas.
O orzamento de fomento da lingua galega leva tres anos na contorna dos 11 millóns. Para equipararse en termos reais ao de 2009, contando a inflación, cumprirían case 17 millóns máis. A perda acumulada nestes quince anos ascendería a uns 237
O actual Goberno continúa, daquela, destinando a política lingüística un orzamento nominal moi inferior ao que deixou elaborado o Executivo de PSdeG e BNG en 2009, antes de que socialistas e nacionalistas perdesen o Goberno. Aquelas contas públicas estaban dotadas con 21,8 millóns de euros, polo que o previsto para 2025 estaría un 45% por baixo.
Pero a diferenza é aínda maior ao aplicarmos a aquela cantidade de 2009 a inflación acumulada nestes anos, dun 32,8% en Galicia, segundo o INE. Para dotar a política lingüística con fondos equiparables aos de hai quince anos cumprirían 28,91 millóns de euros, isto é, faltarían case 17 millóns nos Orzamentos de 2025, que supoñen case un 60% menos dos reais de 2009. Ao realizarmos o mesmo exercicio con todos os anos previos é posible afirmar que a política lingüística perdeu, acumuladamente, algo máis de 237 millóns neste tempo.
Rueda relativiza as diferenzas do actual orzamento de política lingüística cos de anos atrás. Di estar "convencido" de que "noutras partidas tamén se vai abordar" o fomento do idioma aínda que non figure nelas
As partidas que máis sufriron a diminución de fondos neste tempo foron, sobre todas, as incluídas no epígrafe de investimentos de carácter inmaterial. Por exemplo, en 2009 o Goberno de coalición reservou 5,24 millóns para campañas de normalización lingüística e en 2025 serán apenas 2 millóns. Neste mesmo apartado, as actividades de formación para a normalización lingüística pasaron de case 3 millóns a apenas 800.000 euros e os convenios con medios de comunicación, de 3 millóns a 325.000 euros.
Preguntado ao respecto tras o Consello do pasado luns, Rueda relativizou estas diferenzas. Alén de evidenciar que será López Campos quen explique as contas do seu departamento polo miúdo na súa quenda de comparecencia ante o Parlamento, o presidente di estar "convencido" de que "noutras partidas tamén se vai abordar" o fomento de idioma "sen estar especificamente na partida de normalización lingüística"