A dirección dos medios de comunicación públicos dá un novo prazo aos aspirantes a unha praza na CRTVG para que poidan realizar as probas en castelán, en liña cos cambios legais inseridos por Feijóo
O actual director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, ditou unha resolución o pasado 31 de xaneiro na que outorga un prazo extra de cinco días naturais para que as aspirantes ás probas de acceso convocadas o 30 de novembro de 2023 para "o ingreso como persoal laboral fixo en diversas categorías do persoal da Corporación, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición" poidan escoller entre o galego e o castelán como idiomas para a realización dos exames.
A resolución, feita pública este luns pola Corporación e divulgada tamén pola A Mesa pola Normalización Lingüística, dá conta de que este cambio de lingua é un "trámite excepcional", motivo polo que se abre agora unha nova ventá temporal para escoller de novo o idioma no que realizar as probas. Dende o Comité Intercentros da CRTVG inciden en que se trata dunha "escolla ideolóxica" da dirección do ente público, en sintonía coa nova lei de medios que se está a debater no Parlamento e pola que convocaron unha xornada de folga o 28 de xaneiro.

"Trátase dun trámite excepcional que se inclúe neste proceso selectivo por ser o primeiro en realizarse tras o cambio de sistema e que non se repetirá en vindeiros procesos de selección", especifica o documento asinado por Sánchez Izquierdo, no que tamén se facilita o enderezo electrónico ao que se deben dirixir as persoas que se van presentar a este concurso-oposición para comunicar ese cambio de idioma, que na práctica supón a escolla do castelán, pois as probas viñan realizándose en galego.
O Comité Intercentros incide en que se trata dunha "escolla ideolóxica" relacionada coa nova lei de medios impulsada pola Xunta, que abre a porta aos contidos en castelán na TVG e na Radio Galega
A Corporación da Radio e Televisión de Galicia, que neste 2025 fai 40 anos desde a súa primeira emisión, inclúe na convocatoria deste proceso selectivo, publicada o 30 de novembro de 2023, a opción de realizar as probas escritas en castelán, coa "excepción" da parte dos exames "que teñan por obxecto demostrar o coñecemento da lingua galega".
O Comité Intercentros, representación legal das traballadoras e traballadores da CRTVG, propuxo eliminar a opción do castelán para os aspirantes a este concurso-oposción durante a negociación previa á convocatoria dos exames, mais a dirección do ente público non atendeu á súa petición, como confirman agora a Praza.gal desde o Comité.
Pola súa banda, a dirección dos medios públicos manifesta a Praza.gal, a propósito da causa para que a Corporación Radio Televisión de Galicia ofreza neste proceso a posibilidade de realizar probas en castelán, que "todo posto de traballo ofertado na CRTVG leva aparellado de forma expresa e imprescindible a acreditación do coñecemento da lingua galega".

Desde a Corporación sinalan que "de feito, na categoría de Redactor/a non é abondo estar en posesión do CELGA 4. A maiores, os aspirantes deberán pasar un exame de galego eliminatorio de redacción e locución". Fontes sindicais da CRTVG consultadas por Praza.gal inciden en que este cambio supón "unha renuncia á normalización do idioma propio", aínda "máis grave nun medio que ten entre as súas misións de servizo público promover e normalizar o uso do galego".
Unha das primeiras leis que promoveu Feijóo tras chegar ao poder en Galicia no ano 2009 foi a reforma da lei da función pública para eliminar a norma aprobada polo Goberno de PSdeG e BNG, segundo a cal nos procesos selectivos da Xunta cumpría realizar, cando menos, un exame en lingua galega. Agora a CRTVG argumenta, na súa resposta a Praza.gal, que deben "permitir que a proba tipo test se podía realizar en castelán en cumprimento da lei vixente".
O coñecemento do galego para os traballadores públicos limitouse a unha proba específica da lingua coa chegada de Feijóo á Xunta, unha directriz consolidada na lexislación galega e que afecta a todas as empresas públicas
O texto legal ao que se refire a Corporación é a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, que no seu artigo 51, referido aos requisitos lingüísticos, "garante os dereitos constitucionais e lingüísticos das persoas tanto respecto ao galego, como lingua propia e oficial de Galicia, como ao castelán, lingua oficial en Galicia". Esta lei de 2015 consolidou a reforma levada a cabo por Feijóo en 2009 e afecta a todas as empresas públicas do país. O feito de que as convocatorias de acceso por concurso-oposición á CRTVG leven anos sen convocarse provoca que a escolla de lingua para as probas escritas apareza así agora por primeira vez.
A decisión de ampliar ao castelán a realización das probas escritas de acceso á CRTVG coincide tamén co interese da nova lei de medios en ampliar os contidos en castelán nos medios de comunicación públicos do país. Unha lei que previsiblemente o PP aprobará cos seus votos no Parlamento e que xa está incluída entre as ameazas á liberdade de prensa en Europa que monitoriza o proxecto Mapping Media Freedom.
A nova lei dos medios públicos impulsada pola Xunta prevé o "impulso á produción propia de contidos" con "programas e servizos 100% en lingua galega", aínda que cunha salvidade: "Sen prexuízo do uso doutras linguas" para "dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra da comunidade autónoma".