O PP despreza as emendas á nova lei dos medios públicos e segue adiante malia á folga na CRTVG

Persoal da CRTVG concentrado ante o Parlamento CC-BY-SA CUT CRTVG

O PP volveu sacar a apisoadora para blindar o seu control dende a Xunta da CRTVG a través da futura lei de medios públicos. No pleno deste martes, os 39 votos dos seus deputados e deputadas rexeitaron senllas emendas á totalidade do texto de BNG e PSdeG —e polo tanto a devolución ao Goberno para que a reformule— así como a lei alternativa completa presentada pola formación nacionalista. 

Os populares continúan así coa tramitación da nova lei impulsada pola Xunta, que lles permitirá nos vindeiros meses remudar o director xeral da actual Corporación Radio e Televisión de Galicia só cos seus votos. Isto é, substituír a Alfonso Sánchez Izquierdo, designado por Feijóo en 2009 cando a lei de 1984 aínda permitía o nomeamento directo dende o Goberno, sen chegar a cumprir unha soa vez a normativa vixente, a de 2011, que obrigaría ao PP a acordar o nome con, cando menos, un dos dous grupos da oposición. 

Persoal da CRTVG en folga protesta ante o Parlamento durante o debate das emendas á nova lei de medios públicos, este 28 de xaneiro

O PP pasou a apisoadora para rexeitar no Parlamento as emendas de BNG e PSdeG á nova lei de medios públicos e ante a protesta fóra do persoal mobilizado da CRTVG

Todo nun pleno do Parlamento ao que chegaban os berros de protesta que ás portas realizaba o persoal mobilizado da CRTVG, xunto ao apoio de entidades civís ou sindicatos, nunha nova xornada de folga contra a nova lei por "afondar no desmantelamento, manipulación e privatización dos medios públicos". Outro paro que volveu afectar a programación da TVG e da Radio Galega. E outra xornada na que a realidade explicada polo PP e a Xunta distaba un mundo da que os traballadores, membros do sector audiovisual ou do Colexio Profesional de Xornalistas —presentes no debate— e oposición relataron. Unha vez máis. 

Os 39 votos en contra do PP ás propostas socialista e nacionalista deixaron en nada os 34 da oposición e a abstención de Democracia Ourensana. E mentres o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, defendía o proxecto de lei gabando a súa busca de consenso, a defensa da lingua galega e a súa achega para "recoñecer as noticias falsas e os procesos de desinformación que resultan perigosos pola súa desestabilización", a deputada do BNG Olalla Rodil anunciaba que a súa formación viña de interpoñer unha demanda xudicial contra a CRTVG. Para lograr que rectificase a "groseira manipulación" tras varias pezas informativas nas que "sen vergonza nin pudor ningún" se advertía da ausencia de representantes do Bloque nun acto polo 75º cabodano de Castelao malia a presenza de varias dirixentes. 

O conselleiro Diego Calvo di que a nova lei axudará a "recoñecer as noticias falsas e os procesos de desinformación perigosos pola súa desestabilización"

"Arrastran polo chan os medios públicos deste país. Todo ten un límite, ata aquí chegamos", dixo Rodil, que respondeu con dureza ás palabras de Calvo, que insistiu na busca de "consenso" e na "man tendida" que supoñía o proxecto de lei. Porque o texto remitido ao Parlamento, igual que o anteproxecto, establece que a dirección xeral da CRTVG ten que ser escollida por maioría reforzada, pero cunha cláusula de escape. Se o nome proposto non logra o apoio de dous terzos (50 escanos) do Parlamento volverá ser sometido a votación un mes despois e daquela abondarán tres quintos (45). Se esa cifra tampouco se logra, no seguinte pleno será dabondo a maioría absoluta para, di a postura oficial do Goberno, evitar "situacións de interinidade indefinida". 

Así, o BNG expresou o seu rexeitamento á proposta precisamente por "incrementar o control partidista dos medios" e lembrando que o PP "sempre se negou a renovar" a dirección dos medios públicos malia ás múltiples propostas por parte do BNG. "Non lles interesa consenso nin acordo, o único que pretenden é seguir poñendo a dedo unha persoa que siga facendo de correa de transmisión dos intereses do PP", espetou Rodil. 

Ana Pontón, co persoal da CRTVG concentrado ante o Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

"O único que pretenden é seguir poñendo a dedo unha persoa que siga facendo de correa de transmisión dos intereses do PP", advirte Rodil (BNG)

Pola súa banda, Silvia Longueira, deputada do PSdeG, insistiu no interese do PP de "seguir controlando os medios de comunicación públicos" e ve na lei "un exemplo maxistral de como disfrazar o control político e a destrución da calidade" da CRTVG. "Unha xogada turbia para manipular, desprezar os iguais e ser parte dunha involución democrática", dixo tras acusar a Xunta de "cabalgar pola fina liña que hai entre a crueldade e a manipulación". 

Ademais, Rodil advertir de que o PP "abre a porta ao uso de linguas diferentes ao galego" coa lei, unha cuestión que cualifica de "vergonza", máis aínda coñecidos os últimos datos de uso do galego. "Como se non estivesemos vendo recoñecementos e premios a producións literarias ou audiovisuais feitas en galego", lembrou a deputada nacionalista, ao igual que tamén fixo Longueira. 

"A lei é un exemplo maxistral de como disfrazar o control político e a destrución da calidade da CRTVG", di Longueira (PSdeG)

Tamén, BNG e PSdeG coincidiron en sinalar que o texto que pretende a Xunta "fulmina os dereitos profesionais do persoal da CRTVG" por suprimir o estatuto profesional e o consello de informativos "que nunca crearon en 14 anos malia estaren previstos por lei". "Amosan un desprezo absoluto p ola deontoloxía profesional", dixo Longeuira, que advertiu tamén de que o PP "abre a porta" coa nova lei "a non incrementar a produción propia, a seguir externalizando e a aafstar os profesionais da compañía da produción de contidos". 

Mentres a oposición insistía nas críticas e advertía de que eran as mesmas que fóra facía o persoal mobilizado en folga, o Colexio de Xornalistas ou o mundo do audiovisual —"teñen a todo o sector en contra", lembrou Longueira—, o PP respondía presumindo de audiencia e de contas e tirando do bipartito e de Pedro Sánchez. 

Deputados e deputadas do PSdeG, co persoal da CRTVG mobilizado ante o Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

Así, a deputada popular Carmen Pomar acusou a BNG e PSdeG de "usar a CRTVG como arma arreboladiza para intentar danar o PP" e de "rebentar o proxecto de lei". Tamén de levar a cabo unha "campaña de desprestixio, presión e sinalamento a xornalistas ao máis puro estilo trumpista". 

"Pretenden conolizar a CRTVG como están a facer con todas as institucións públicas e mesmo con empresas do Ibex, como levan facendo os socialistas desde a chegada de Sánchez á Moncloa", chegou a dicir Pomar, que mesmo negou un malestar profundo entre o persoal dos medios. 

A deputada do PP Carmen Pomar acusou a oposición dunha "campaña de desprestixio, presión e sinalamento a xornalistas ao máis puro estilo 'trumpista"

Ante este resumo dos feitos, a deputada socialista Silvia Longueira pediu "perdón" ao persoal mobilizado e presente na Cámara. "O que oídes non ten sentido, nada que ver coa realidade... É irrisorio", dixo entre a indignación e o fastío. "Non sei de que televisión fala o PP, pero non van deixar escapar a presa, non van deixar de exercer a caza contra os medios de comunicación públicos", resumiu. 

"Os paxaros tirándose ás escopetas", engadiu Rodil, que advertiu de que o PP "non ten intención ningunha de abrir espazos de participación". "Viñeron tomar por asalto os medios públicos para seguilos utilizando cun obxectivo partidario e electoralista en contra dos principios que deben rexer, os de ser reflexo da pluralidade, diversidade e veracidade deste país", rematou, antes de dicir que "nin hoxe nin nunca" o BNG permitirá que a CRTVG sexa "o gabinete de propaganda particular do PP". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.