Tras trinta e dúas xornadas de mobilización con paros en diferentes formatos, este 13 de decembro o persoal mobilizado na CRTVG ao abeiro da convocatoria lanzada polo seu comité intercentros culminou a súa folga. Fíxoo cun paro de vinte e catro horas -chegará tamén ao sábado 14 para o persoal cuxa xornada remata alén da medianoite- que volveu lograr frear a programación da Televisión de Galicia e da Radio Galega.
"Tamén caerá o emblemático Luar", advertiu o comité horas antes de que o programa non puidese ser emitido pola folga
A primeiras horas da tarde deste do que tamén é o venres negro número 343 do colectivo Defende a Gaelga, o comité xa se felicitaba polo que consideraba un éxito. "Malia as 149 persoas en servizos mínimos, o paro afectou á programación", resumen. A representación do persoal destaca que "non se emitiu" o tramo matinal do Galicia por Diante na radio pública, os espazos do Diario Cultural e o programa Pensando en ti. "Tampouco o Ziz Zag e as seccións de deportes" na TVG onde, afirman, "tamén caerá o emblemático Luar", como xa sucedera na folga de marzo de 2023. A cancelación do programa musical, efectivamente, volveuse producir.
Xunto ao propio paro laboral, os sindicatos mobilizados quixeron facer ver a súa reivindicación sacándoa á rúa, desta volta cunha concentración na compostelá Praza do Toural. Lemas como "queremos informar e non manipular" volveron ecoar nun contexto no que o rexeitamento á inxerencia gobernamental na liña informativa dos medios públicos se combina co sinalamento do que consideran unha excesiva produción a través de empresas privadas, co programa O Termómetro como principal expoñente.
Tras o paro deste venres, a folga "entra en suspensión á espera de que transcendan os plans da dirección sobre a programación e a produción propia para a volta de xaneiro"
O que suceda con ese espazo, precisamente, será o que determine o que aconteza coa folga tras as festas do Nadal, Aninovo e Reis. Dende mañá, sábado, "a folga entrará en suspensión á espera de que transcendan os plans da dirección sobre a programación e a produción propia para a volta de xaneiro, cando remate a programación especial de Nadal. Nestes vindeiros días, explican, "xa sabemos que reporán compactados cos mellores momentos d'O Termómetro daqueles escasos días nos que puido emitirse por non haber folga".
Nestes últimos días o comité fixo especial fincapé no agradecemento ao persoal mobilizado pola "participación, a constancia, a confianza e a alegría" nunha "longa e complexa mobilización". No correspondente preaviso ás autoridades laborais, remarcan, deixan claro tamén que a folga "pódese reactivar no formato que se determine axeitado" se, tras as festas, "a dirección non dá sinais de recuperación da produción propia".
Praza.gal trasladou á CRTVG unha consulta sobre os datos de participación na folga deste venres. No momento de publicar a presente información aínda non obtivera resposta.