Dende principios de decembro o Parlamento tramita a nova lei dos medios públicos impulsada pola Xunta. Permitirá ao PP nos vindeiros meses remudar o director xeral da actual Corporación Radio e Televisión de Galicia só cos seus votos. Isto é, substituír a Alfonso Sánchez Izquierdo, designado por Feijóo en 2009 cando a lei de 1984 aínda permitía o nomeamento directo dende o Goberno, sen chegar a cumprir unha soa vez a normativa vixente, a de 2011, que condiciona a elección ao apoio dunha maioría reforzada de 50 ou 45 escanos do Parlamento, o que obrigaría os populares a acordar o nome con, cando menos, un dos dous grupos da oposición.
A lei que impulsa a Xunta permitirá ao PP remudar o director xeral da CRTVG só cos seus votos ao rebaixar a maioría reforzada esixida pola normativa de 2011, que nunca chegou a aplicarse
Tanto o BNG coma o PSdeG dan por feito que os populares non cederán neste aspecto no trámite parlamentario. Así o evidenciou o presidente do Executivo ao remitir o texto ao lexislativo. Contemplar o nomeamento da dirección xeral dos medios públicos -que segundo a nova lei deixarán de denominarse CRTVG para dar lugar á Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, CSAG- por maioría absoluta se non hai apoio dunha maioría reforzada pretende evitar "situacións de interinidade indefinida", defendeu Alfonso Rueda cando Sánchez Izquierdo está a piques de cumprir unha década xusto nesta situación grazas a unha reforma legal aprobada polo PP en solitario.
Neste escenario, nacionalistas e socialistas prevén aproveitar o debate da lei para opoñerse a ela, pero tamén para formular as súas alternativas para rexer a Televisión de Galicia e a Radio Galega. Fano a través de senllas emendas á totalidade do texto -mecanismo polo que un grupo solicita a devolución dunha lei á Xunta para que o Goberno a reformule- e, no caso do Bloque, tamén mediante a presentación dunha lei alternativa completa.
A lei do BNG
O Bloque propón elixir a dirección xeral e o consello de administración dos medios públicos por concurso público, no que un comité de persoas expertas avaliaría os proxectos de cada aspirante, que finalmente terían que recibir o visto e prace final por maioría reforzada do Parlamento
Nesa lei alternativa, rexistrada polo Bloque como emenda ao texto do Goberno, a escolla do consello de administración e da dirección xeral dos medios públicos, que seguirían denominándose Corporación RTVG, realizaríase mediante concurso público "ao que poderán optar todas aquelas persoas que reúnan as condicións de idoneidade, capacitación e prestixio profesional que se establezan" nunha convocatoria aprobada polo pleno do Parlamento.
O tribunal encargado de resolver ese concurso sería "un comité de persoas expertas" cun mínimo de dez anos de experiencia "no eido da comunicación". Para asumir ese labor terían que ter o apoio de "polo menos, tres grupos parlamentares" -actualmente, implicaría unanimidade- ou un mínimo de tres quintas partes do hemiciclo (45 escanos).
Ese comité tería que avaliar o "proxecto para os medios públicos audiovisuais de Galiza" presentado por cada aspirante ao consello e á dirección xeral da CRTVG. Unha vez peneiradas por esta vía, as persoas candidatas terían que recibir o visto e prace definitivo do Parlamento por maioría reforzada dun mínimo de dous terzos dos escanos (50).
Sinala a vicevoceira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, que este procedemento garantiría que a selección da dirección xeral e do consello da CRTVG estivese rexido por "criterios profesionais" nunha elección baseada en proxecto e non "en afinidades políticas nin acordos de mesa camilla". Pola contra, lamenta, a lei que impulsa a Xunta e que o PP pretende aprobar en solitario afonda no "control gobernamental" tras anos "cruzando todos os límites de "manipulación" e "arrastrando pola lama o prestixio" dos medios públicos.
A emenda á totalidade do PSdeG
O PSdeG, pola súa banda, bosquexa a través da súa emenda á totalidade os contidos mínimos que, ao xuízo do grupo que encabeza José Ramón Gómez Besteiro, debería ter a nova lei da CRTVG. Entre eles, a "elección por maioría cualificada" da dirección xeral, o Estatuto Profesional do persoal e o Consello de Informativos, aspectos xa recollidos na lei de 2011 pero nunca aplicados.
O PSdeG fixa como aspectos mínimos da nova lei manter a maioría cualificada para a dirección xeral, atender as recomendacións do Colexio de Xornalistas ou "blindar o uso da lingua galega"
A elaboración dun novo texto, advirten os socialistas, tería como mínimo que respectar o novo Regulamento Europeo de Liberdade dos Medios de Comunicación dos devanditos aspectos e comezar por "dialogar" co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A entidade profesional vén advertindo nos últimos meses da súa oposición "frontal" á reforma por "afondar no control político" da CRTVG.
A "conservación, análise e construción do arquivo audiovisual da CRTVG", a "blindaxe do uso da lingua galega" ou os "órganos de participación profesional" que "garantan a independencia e amparen a deontoloxía dos xornalistas" son outros dos aspectos mínimos que, para o PSdeG, debería contemplar a nova lei. Pola contra, censuran, o que os populares teñen en marcha é "un retroceso" a respecto da lei de 2011.