"A documentación achegada pola CRTVG no marco das actuacións de fiscalización non acredita axeitadamente a carencia de medios persoais dispoñibles nin a necesidade de realización do contrato para a prestación do servizo". O Consello de Contas publicou este venres un informe de fiscalización relativo á contratación do servizo de produción e transmisión de sinal de directos da CRTVG, S.A. (actual CSAG), correspondente aos exercicios 2018, 2021 e 2023 para informativos e outros programas.
"A documentación achegada pola CRTVG non acredita axeitadamente a carencia de medios persoais dispoñibles nin a necesidade de realización do contrato para a prestación do servizo"
Tras analizar os contratos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) con produtoras privadas a este respecto, emite unha "opinión favorable con reservas" sobre o cumprimento da normativa de contratación pública. Fundaméntaa na "insuficiente xustificación da falta de medios persoais propios e da necesidade de recorrer a contratos externos para prestar o servizo".
Así mesmo, o ente fiscalizador considera que existe unha "falta de motivación" na elección dos criterios de adxudicación aplicados polos medios públicos e uns "subcriterios de valoración pouco definidos, de carácter amplo e sen ponderación individual". Constatouse tamén "a falta de publicidade das prórrogas ordinarias e extraordinarias" das licitacións.
Contas lembra que a lei de contratos do sector público recolle que "só debe accederse ao recurso da contratación externa cando resulte material e estritamente preciso e quede debida e formalmente acreditada tal circunstancia", e conclúe que "nin os informes dos expedientes nin a documentación posterior remitida pola Corporación permiten demostrar adecuadamente a inexistencia de medios propios, requisito imprescindible para xustificar a externalización" da produción e transmisión en directo na TVG.
Pola súa banda, a dirección dos medios de comunicación públicos sinala a existencia de "eventuais xuízos de intención", "obcecación", "suficiencia desmedida e intrusiva" e "xuízos de valor pouco respectuosos" por parte do Consello de Contas no anteproxecto deste informe durante o habitual trámite de alegacións, como recolle o documento definitivo.
A dirección dos medios de comunicación públicos reprocha "obcecación", "suficiencia desmedida e intrusiva" e "xuízos de valor pouco respectuosos" por parte do Consello de Contas
Aposta polas conexións móbiles con prexuízo da calidade
A contratación externa deste servizo prodúcese nun contexto de coexistencia coa realización de directos efectuado con persoal e medios propios adscritos aos medios de comunicación públicos. Na súa análise, Contas explicita que no que atinxe ás prestacións contratadas, partíase en 2019 dun servizo baseado no emprego de dúas estacións transportables DSNG (Digital Satellite News Gathering, que permiten a transmisión por satélite dende os puntos de directo ata os estudos de televisión) capaces de prover un mínimo de dous directos simultáneos. "Así proporcionou os directos o 94,5% dos días do período correspondente ao primeiro contrato. Congruentemente, o 95% das conexións corresponderon á tecnoloxía satélite en detrimento das fornecidas pola rede de telefonía móbil", figura no informe.
Dende o ano 2021 evidénciase "unha transición" caracterizada pola irrupción crecente da utilización dun só vehículo DSNG conxuntamente cunha ou dúas mochilas de tecnoloxía móbil que, con todo, "non chegan a superar ao emprego simultáneo de dous DSNG nin coa agregación dos supostos de utilización exclusiva de mochilas 4G/5G" para eses directos.
Ata finais de setembro de 2023 mantense o peso das conexións satélite, medrando nun 45% o total de conexións a consecuencia dun "crecemento exponencial do emprego da rede de telefonía móbil", segundo se describe no informe. Esta tendencia acaba cunha "redución drástica" (86%) da utilización simultánea de vehículos DSNG en favor da utilización conxunta do vehículo DSNG máis a mochila de 4G/5G, "convertida xa na modalidade preeminente de realización dos directos". En 2024 "as conexións efectuadas a través da rede móbil superan por primeira vez ás realizadas a través de satélite", a pesar de que "non acadan os niveis de calidade e seguridade" da emisión por satélite.
En 2024 "as conexións efectuadas a través da rede móbil superan por primeira vez ás realizadas a través de satélite", a pesar de que "non acadan os niveis de calidade e seguridade" da emisión por satélite
Cálculo de menos profesionais externos
A maiores, o informe de Contas considera "moi relevante" o incremento do custo de persoal incluído nos orzamentos das contratas de 2018, 2021 e 2023. "A porcentaxe que supuxo do custo total presupostado o total dos conceptos previstos para o gasto de persoal pasou sucesivamente neses tres exercicios do 58,7 ao 75,25 e finalmente ao 78,19%", describe a fiscalización para engadir que "nun contexto de forte subida do gasto, a parte correspondente ao persoal supón no último contrato practicamente 4/5 do importe total do contrato".
Sobre este aumento, a CSAG xustifica que é "resultado directo dunha política corporativa deliberada que quere propiciar unha aproximación xusta, coherente, dos salarios pagos nas empresas fornecedores do sector cos percibidos polo seu propio persoal nunha extensión do seu compromiso cun emprego de calidade que é proxección da súa responsabilidade social empresarial".
Os medios públicos contemplan que precisarían 21 traballadores públicos para realizar o labor que se externaliza, nunha licitación que só especifica a necesidade de ter a 15 profesionais
"A Corporación sostén que o custo de executar o servizo de directos con medios propios suporía multiplicar por 2,6 o valor neto efectivo da súa provisión externa", asegura o informe, para matizar que "a rendibilidade económica non é, en todo caso, o factor determinante que autorice para poder adoptar a decisión de externalizar un servizo de competencia pública". Constatando ademais que os medios públicos contemplan que precisarían 21 traballadores públicos para realizar o labor que se externaliza, nunha licitación que só especifica a necesidade de ter a 15 profesionais.
Recomendacións
Entre as recomendacións do Consello de Contas de Galicia para os medios de comunicación públicos, no suposto de que se manteña a necesidade de externalizar estes servizos, resaltan a importancia de "verificar e deixar debidamente acreditada no expediente a concorrencia das circunstancias que permiten o recurso á contratación de medios externos, tendo en conta os recursos propios humanos e materiais preexistentes".
Adicionalmente, no informe instan a CSAG a "adoptar medidas que permitan incrementar a concorrencia efectiva de licitadores" e a "motivar a elección dos criterios de adxudicación xustificando a súa relación co obxecto do contrato e explicando en que medida contribúen a seleccionar a mellor oferta". Tamén indican que é preciso "evitar que na avaliación das ofertas se dispoña dunha liberdade ilimitada para a emisión do xuízo de valor que na práctica signifique unha excesiva marxe de discrecionalidade na elección entre as alternativas presentadas".