O venres negro 398 coincide con seis meses de bloqueo da renovación do órgano de goberno da CSAG que dá representación minoritaria á oposición e que leva catro meses cunha vacante
Tras ano e medio en funcións, o PP vén de desbloquear a renovación da Valedora do Pobo, co mandato caducado desde agosto de 2024. Unha renovación que segue pendente no Consello de Administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), coa súa composición herdada da anterior CRTVG exercendo en funcións desde hai agora 6 meses e cunha vacante desde hai 4 meses entre as súas seis vogalías. Un bloqueo do órgano que dá representación minoritaria á oposición que cumpre medio ano ao tempo que o persoal dos medios públicos chega ao seu venres negro número 398 en protesta contra a manipulación informativa.
A lei que transformou a CRTVG en CSAG mantendo o control sobre ela do PP como grupo maioritario entrou en vigor a comezos de abril e estableceu que en tres meses a nova corporación debía contar cuns novos estatutos. Nese momento a anterior Dirección Xeral e o Consello de Administración entrarían en funcións ata que se producisen uns os novos nomeamentos.
Os estatutos entraron en vigor o 3 xullo, e só cinco días despois o Parlamento nomeaba, co voto exclusivo do PP, a Concepción Pombo como nova directora xeral en substitución de Alfonso Sánchez Izquierdo, no cargo desde 2009. Pero nada volveu saberse da renovación do Consello de Administración.
Os estatutos da CSAG entraron en vigor o 3 de xullo e cinco días despois o PP nomeaba en solitario directora xeral a Concepción Pombo, pero seis meses despois segue pendente a renovación do Consello de Administración, que precisa dous terzos do Parlamento
A lei establece que o Consello de Administración da CSAG, como antes o da CRTVG, está formado por seis vogais ademais da presidencia, ocupada pola Dirección Xeral. Pero se a Dirección Xeral pode elixirse por maioría absoluta, como así fixo o PP, o Consello de Administración debe ser elixido por unha maioría reforzada dous terzos do Parlamento, o que na práctica fai que tanto na CRTVG como na nova CSAG o PP pode elixir 4, garantíndose o control do órgano e deixando 2 para a oposición.
Ata agora un dos dous postos da oposición fora elixido polo PSdeG e outro polo BNG. Pero co actual reparto de escanos os socialistas non terían garantida representación e precisarían que PP ou BNG lles cedan cota.
Ademais, desde comezos de setembro, hai catro meses, está vacante a anterior vogalía elixida polo PSdeG. E así segue malia que a comezos de novembro o PSdeG solicitou ao Parlamento iniciar o proceso de designación desa vacante. Así que o Consello de Administración non só está en funcións desde hai seis meses senón que desde hai catro meses conta só con seis dos seus sete membros, dos cales seis foron elixidos polo PP e só unha polo BNG.
A renovación pendente do Consello de Administración non ten por que supoñer cambios nos membros que o conforman. A nova lei estableceu que o mandato dos seus membros dura cinco anos e pode renovarse unha vez, isto é, ata un máximo de dez anos. Pero tamén matizou que para a primeira renovación que se faga ao amparo da nova lei, a que está agora pendente, "non se terán en conta os mandatos en que as persoas propostas, se for o caso, exercesen os mesmos cargos cando a sociedade tiña a denominación de Corporación de Radio e Televisión de Galicia". Isto é, unha vogal podería estar ata 20 anos no cargo.