O PP quere que siga a actual Valedora do Pobo e ofrece ao BNG propoñer o cargo adxunto

Dolores Fernández Galiño na súa toma de posesión como Valedora do Pobo en 2019 © Parlamento de Galicia

Tras 16 meses en funcións e retirarlle o control da Lei de Transparencia, os populares queren renovar para outros cinco anos a María Dolores Fernández Galiño, para o que precisan do voto dalgún outro grupo

Tras deixar que leve 16 meses en funcións e retirarlle o control da Lei de Transparencia, o PPdeG vén de activar a renovación do Valedor do Pobo coa proposta de que siga sendo outros cinco anos María Dolores Fernández Galiño, no cargo desde 2019. 

O nomeamento require do apoio dalgún outro grupo do Parlamento de Galicia, para o que os populares veñen de ofrecer ao BNG que propoña o nome do cargo de adxunto ou adxunta á Valedora. 

Para a elección do valedor ou valedora a lei require unha maioría das tres quintas partes do Parlamento, 45 dos 75 escanos actuais. Fernández Galiño foi nomeada en 2019 tras un acordo de PP e PSdeG polo que os socialistas, daquela segunda forza no Parlamento, propuxeron como a súa adxunta á ex-deputada María Xosé Porteiro. Agora, co PP con 40 escanos, os populares precisan cando menos outros cinco votos, polo que veñen de ofrecer ao BNG que, como actual segunda forza da Cámara, propoña o nome do adxunto ou adxunta á Valedora.

O mandato por cinco anos de Fernández Galiño rematou en agosto do pasado ano e seguiu ata agora en funcións sen que o PP, como grupo maioritario, activase a súa renovación. O proceso de renovación chega agora ao tempo que o PP está a tramitar unha modificación legal acelerada para retirar á Valedora do Pobo o control da Lei de Transparencia tras emitir decisións favorables á cidadanía ou a algúns medios de comunicación que veñen causando malestar no Goberno galego. Ese órgano que vela pola aplicación da Lei de Transparencia vai pasar, con menos pluralismo, ao Consello Consultivo.

Esa retirada de competencias fíxose sen comunicación previa á institución. E preguntada posteriormente Fernández Galiño pola mudanza apelou a que "a Valedora ten e segue tendo competencia e facultade de supervisión das administracións en materia de transparencia, de feito temos unha área que se chama Transparencia e tramita máis de cen queixas cidadás".

Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo, nunha comparecencia no Parlamento © Valedora do Pobo

Fernández Galiño sería a primeira valedora renovada en tres décadas e a primeira en dúas décadas que non se ve obrigada a dimitir tras facelo os seus antecesores Benigno López e Milagros Otero por senllas polémicas

A renovación de Fernández Galiño para outros cinco anos sería a primeira que se rexistra desde que en 1995 foi reelixido o primeiro Valedor do Pobo, José Cora Rodríguez, nomeado por primeira vez en 1990 e no cargo ata 2002. Fernández Galiño, maxistrada de carreira, tamén é a primeira valedora que non se ve obrigada a dimitir en dúas décadas. 

A anterior valedora, Milagros Otero, profesora de Dereito na USC, dimitiu en 2019 tras facilitar un posto a unha sobriña de Manuel Fraga e irmá do daquela portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy Fraga. O seu antecesor, Benigno López, tamén maxistrado, dimitira igualmente en 2012 tras criticar no Parlamento a Lei de Dependencia por excesiva e xustificar recortes en servizos sociais. Entre ambos o cargo foi exercido tres anos en funcións polo daquela vicevaledor, José Julio Fernández, tamén polémico por defender que as fotografías publicadas por El País reveladoras da amizade de Feijóo con Marcial Dorado non tiñan "interese xornalístico".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.