O PP avala a proposta do PSdeG de María Xosé Porteiro como adxunta á Valedora do Pobo, que rexeitan En Marea e BNG

Sede do Valedor do Pobo, xunto ao Parlamento de Galicia © Google

Populares e socialistas ratifican o pacto para repartirse a designación dos cargos da institución tras a dimisión de Milagros Otero, acordo contra o que cargan o resto de grupos, que gaban o perfil feminista da ex-deputada socialista

O PP avalou este luns no Parlamento de Galicia a proposta do PSdeG de que a ex-deputada socialista María Xosé Porteiro sexa a adxunta á nova Valedora do Pobo, a maxistrada Dolores Fernández Galiño, elixida a pasada semana a proposta dos populares co apoio dos socialistas. Concrétase así o pacto entre os dous partidos para repartirse a designación dos cargos da institución tras a dimisión da anterior Valedora, Milagros Otero, por interferir nun proceso de selección para darlle un posto a unha sobriña de Manuel Fraga, irmá do portavoz do PP no Parlamento, Pedro Puy. 

Ao igual que ocorreu co nomeamento de Fernández Galiño como Valedora, na Comisión de Peticións que analizou este luns a candidatura de Porteiro o resto de grupos da oposición amosaron o seu rexeitamento ao acordo “bipartidista” acadado entre PP e PSdeG. Con distinto grao de críticas, e malia gabar o perfil feminista de Porteiro, En Marea e BNG votaron en contra da proposta e o Grupo Mixto abstívose. 

María Xosé Porteiro ©

Os socialistas xustificaron o acordo co PP salientando que "ningún outro grupo da oposición se achegou” a eles para negociar

A máis crítica coa proposta de Porteiro como adxunta foi a deputada do BNG Montse Prado, para quen os socialistas optaron por unha figura “partidaria” cuxo “perfil feminista parécenos moi ben pero non suficiente”. En Marea tamén votou en contra de Porteiro pero centrando a súa argumentación, por boca da deputada Carmen Santos, no xeito en que PP e PSdeG acordaron o seu nome e lamentou que nin intentasen o consenso co resto de grupos. Polo Grupo Mixto, Paula Vázquez Verao argumentou a súa abstención dicindo que, malia desexar un maior diálogo no procedemento de designación, Porteiro “é unha muller feminista que podería encaixar nese perfil de muller que pode tender pontes entre a esquerda no seu conxunto”. 

A socialista Patricia Vilán defendeuse das críticas lembrando que o nomeamento da Valedora e da súa adxunta requiren dunha maioría reforzada que obriga a pactos entre os grupos do Parlamento pero que “ningún outro grupo da oposición se achegou” ao PSdeG para negociar. 

"Agardamos que a profesionalidade de Porteiro estea por riba da súa traxectoria política”, dixo o PP para xustificar o seu voto favorable

Pola súa banda, a popular Paula Prado contrapuxo a proposta formulada polo PP para o posto de Valedora de Fernández Galiño, que cualificou como “unha persoa sobre todo independente”, fronte á proposta do PSdeG para o cargo adxunto de Porteiro, da que salientou a súa traxectoria política. Malia esa crítica, Prado ratificou o “pacto” cos socialistas: “Agardamos que a profesionalidade de Porteiro estea por riba da súa traxectoria política”, rematou.

Tras o visto bo da Comisión de Peticións do Parlamento, con votos ponderados que supoñen 55 a favor, 16 en contra e 4 abstencións, agora será a Valedora, que xa tomou posesión do cargo o pasado venres, a que nomee formalmente a Porteiro como a súa adxunta.

Dolores Fernández Galiño na súa toma de posesión como Valedora do Pobo o pasado venres © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.