Vacante o cargo da Valedora, primeira que non dimite en dúas décadas

A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que vén de declarar vacante o cargo para iniciar o proceso da súa renovación CC-BY-SA Imaxe: Parlamento de Galicia | Montaxe: Praza Pública

O Parlamento inicia o proceso de renovación do cargo estatutario 16 meses despois de expirar o mandato de María Dolores Fernández Galiño, a quen o PP vén de retirar o control da Lei de Transparencia

O presidente do Parlamento de Galicia, o popular Miguel Santalices, vén de declarar vacante o cargo de Valedora do Pobo, ocupado desde 2019 por María Dolores Fernández Galiño. O seu mandato por cinco anos expirou o 2 de agosto do pasado ano, polo que leva máis de 16 meses en funcións, pero non é ata agora que, con esta resolución, se pon en marcha o proceso para a renovación do cargo. Fernández Galiño é a primeira Valedora que remata do seu mandato sen verse obrigada a dimitir por algún escándalo desde 2007.

O proceso de renovación chega ao tempo que o PP está a tramitar unha modificación legal acelerada para retirar á Valedora do Pobo o control da Lei de Transparencia tras emitir decisións favorables á cidadanía ou a algúns medios de comunicación que veñen causando malestar no Goberno galego. Ese órgano que vela pola aplicación da Lei de Transparencia vai pasar, con menos pluralismo, ao Consello Consultivo.

A figura dun defensor do pobo galego está contemplada no artigo 14 do Estatuto de Autonomía e regulada por lei desde 1984. Esa norma establece que o cargo debe ser elixido por tres quintas partes do Parlamento -no actual de 75 escanos os 40 do PP precisan doutros 5 dalgún outro grupo- e ten un mandato de cinco anos. Cando expira o mandato a lei establece que o presidente do Parlamento "declarará a vacante" e iniciará o proceso de elección dun novo Valedor. Mentres non se produce ese novo nomeamento, o anterior "seguirá no desempeño do seu cargo con prórroga de funcións ata que se produza a nova elección".

A renovación do cargo require de 45 dos 75 escanos do Parlamento, polo que o PP precisa sumar outros 5 aos seus 40 deputados e deputadas

No caso de Fernández Galiño, tomou posesión o 1 de agosto de 2019, polo que o 2 de agosto de 2024 rematou o seu mandato, pero non é ata agora, 16 meses despois, que o presidente do Parlamento aplica a lei para declarar o cargo vacante. A resolución con que o fai, publicada este martes 9 de decembro no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, sinala que terá os efectos previsto no punto da lei que establece que "vacante o cargo, iniciarase, no prazo non superior a un mes, o procedemento para a elección dun novo Valedor do Pobo".

No proceso que se abre agora de renovación do cargo nada impide que Fernández Galiño poida ser reelixida para outros cinco anos. Porén, son varios os sinais que amosan descontento do PP coas actuacións desta Valedora. As habituais reprimendas ás administracións por dar un trato indebido á cidadanía, propias do cargo que ocupa, vénse acrecentadas neste caso por outros desencontros. 

Resolución publicada este martes no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia coa que se inicia o proceso de renovación do cargo de Valedor do Pobo tras 16 meses co mandato expirado CC-BY-SA Praza Pública

Xa en 2023 se produciu cando menos un desaxuste entre a Valedora e o PP cando este adscribiu á súa institución a Autoridade Independente de Protección do Informante cunha reforma legal que contemplou a posibilidade de que persoal asesor elixido discrecionalmente poida investigar irregularidades denunciadas na administración. O PP atribuíu a medida á propia Valedora pero esta desmarcouse da decisión dos populares e asegurou que esas tarefas só as faría persoal funcionario.

Á Valedora tamén está adscrita desde 2016 a Comisión da Transparencia de Galicia, que vela polas peticións de transparencia que formula a cidadanía e que vén emitindo resolucións incómodas para o Goberno galego. Neste contexto, a Xunta e o PP están a tramitar de xeito acelerado, coa lei de acompañamento dos Orzamentos para o vindeiro ano, unha reforma legal pola que a Comisión da Transparencia pasará a estar adscrita ao Consello Consultivo, sen participación da Valedora e con menor pluralismo.

Esa retirada de competencias fíxose sen comunicación previa á institución. E preguntada posteriormente Fernández Galiño pola mudanza apelou a que "a Valedora ten e segue tendo competencia e facultade de supervisión das administracións en materia de transparencia, de feito temos unha área que se chama Transparencia e tramita máis de cen queixas cidadás".

O ex-Valedor Benigno López, con Feijóo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Desde 2007 non remata o mandato dun Valedor por expiración do prazo, xa que en 2012 Benigno López tivo que dimitir por xustificar recortes sociais e en 2019 fixo o mesmo Milagros Otero por facilitar un posto a unha sobriña de Fraga

Neste contexto, e co BNG pedindo ao PP que cumpra a lei tras 16 meses coa Valedora en funcións –o PSdeG garda silencio–, é no que chega o proceso de renovación do cargo. Será o primeiro que se produce por expiración do mandato sen que dimita o anterior valedor ou valedora desde 2007. Aquel ano o segundo Valedor, José Ramón Vázquez Sandes, cumpriu cinco anos no cargo e foi substituído polo maxistrado Benigno López, elixido tras un acordo do daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, con Alberto Núñez Feijóo, líder da oposición, no marco de negociacións para a renovación de varias institucións.

López, de perfil conservador, era do agrado de Feijóo e con el xa como presidente en maio de 2012 criticou no Parlamento a Lei de Dependencia por excesiva e xustificou recortes en servizos sociais. A polémica xerada fíxoo dimitir uns días despois.

Tras a dimisión de López o cargo foi exercido tres anos en funcións polo daquela vicevaledor, José Julio Fernández, tamén polémico por defender que as fotografías publicadas por El País reveladoras da amizade de Feijóo con Marcial Dorado non tiñan "interese xornalístico". 

A seguinte valedora foi Milagros Otero, profesora de Dereito na USC, que tras varias polémicas acabou tamén dimitindo en 2019 tras facilitar un posto a unha sobriña de Manuel Fraga e irmá do daquela portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy Fraga.

Milagros Otero, ante outros cargos o día da súa toma de posesión como Valedora © Xunta

Tras estes antecedentes, agora Fernández Galiño é a primeira Valedora que remata o mandato en dúas décadas sen verse obrigada a dimitir e co recoñecemento expreso do seu traballo por parte da oposición de BNG e PSdeG, como así llo transmitiron no Pleno do Parlamento no que o 2 de decembro expuxo o seu último informe anual.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.