Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo desde 2019, lamenta que "hai persoas que ás veces quedan nas marxes" dos procedementos administrativos, "e para situalas no centro estamos nós"
María Dolores Fernández Galiño (O Carballiño, 1963) é Valedora do Pobo desde 2019, posto ao que chegou tras case dúas décadas como maxistrada da Audiencia Provincial da Coruña. Foi elixida polo Parlamento en votación secreta por 51 votos a favor, 18 en branco e 2 nulos logo de que PP e PSdeG pactasen o seu nome e o da vicevaledora, a ex-deputada socialista María Xosé Porteiro. O seu mandato estase a caracterizar por un aumento constante do número de queixas recibidas e resoltas e pola ausencia de polémicas, tras as convulsas saídas da institución dos seus tres antecesores.
En agosto fará xa 5 anos no cargo. Os seus informes anuais seguen revelando como cada ano máis xente presenta queixas ante a institución. Funcionan peor as administracións galegas ou a cidadanía é máis consciente dos seus dereitos?
Por unha banda a institución vaise consolidando, é máis coñecida. Por outra banda a cidadanía galega tamén toma conciencia de que queixarse forma parte do exercicio dos seus dereitos. E por outra banda a acción pública, a acción política, cada vez tamén é máis complexa, aparecen novos dereitos. E outros dereitos veñen xa con algún tipo de queixa que podemos chamar constante, por así dicilo. Isto o que determina é que nun período de aproximadamente 5 anos duplicáramos as queixas.
Hai máis queixas, pero teñen razón? Hai quen pensa que as administracións teñen que solucionar todos os seus problemas persoais?
"Aínda que poida parecer que a persoa que presenta a queixa non ten razón, moitas veces o que está buscando é unha explicación"
Temos unha porcentaxe de admisión a trámite das queixas que consideramos moi elevada, supera o 90%. Porque aínda que ás veces poida parecer que a persoa que presenta a queixa poida non ter razón, moitas veces esa persoa o que está buscando é unha explicación. Nós pedimos un informe, a administración dá a explicación, nós a trasladamos á persoa cunha análise pola nosa parte e iso era un pouco o obxecto da queixa. Pero tamén digo que estamos nunha media dunhas 600 resolucións cunha porcentaxe de estimación que supera o 80%. Podemos dicir que a cidadanía que se achega á institución formula temas, retos, que son moitas veces incluso desafiantes xuridicamente desde o punto de vista da abordaxe e da solución.
Este aumento de traballo da institución vén acompañado de maiores recursos? Son quen de atender a demanda que teñen?
Penso que somos unha institución austera canto a persoal. Tamén a xente está moi, moi, moi comprometida. Toda a xente que traballa na institución. Cando fas un labor de supervisión da administración, que moitas veces son concellos moi pequenos, con moi pouca xente, o feito de ser unha institución que se coñece austera penso que non é negativo sempre que sexamos capaces de dar resposta ao que os cidadáns nos formulan.
En 2016 encargouse ao Valedor do Pobo a Comisión da Transparencia de Galicia, o órgano que vela polo respecto da Lei de Transparencia por parte das administracións galegas. E agora asumirá tamén a Autoridade de Protección das persoas informantes ou denunciantes, encargada de investigar irregularidades administrativas. Foron decisións do poder lexislativo, do Parlamento, a través de leis que vostede ten que acatar. Pero cal é a súa opinión sobre esa acumulación de tarefas?
"A asunción de novas responsabilidades como a Comisión da Transparencia ou a Autoridade de Protección de Informantes é un mandato legal que non podes cuestionar, é un reto para seguir traballando en protección da cidadanía"
Tes un mandato legal, que non o podes cuestionar, que sae do Parlamento, que ademais compromete a parte de protección da persoa denunciante. Supón un reto porque afecta tanto traballadores e traballadoras do ámbito público como do ámbito privado, co que iso supón de supervisión, de saír da nosa zona de confort. Sempre e cando esta oficina teña a dotación de persoal -de entrada, porque tampouco sabemos o volume que pode terminar xerando- creo que o temos que tomar como un reto que nos estimula a seguir traballando en definitiva en protección da cidadanía.
Á espera de como poida evolucionar esa nova autoridade de protección de informantes, a Comisión da Transparencia foi dotada dos recursos adecuados?
Creo que está funcionando ben, non vexo que teñamos nin demora nin que iso repercuta na nosa actividade. Pero volvo dicir, dentro da austeridade e a eficiencia e a optimización de todo. Fomos quen de tecer unha rede entre toda a xente que traballa aquí e todos e todas nos reforzamos para traballar máis.
As resolucións da Comisión da Transparencia veñen deixando constancia da falta de mecanismos legais cando as administracións se negan a cumprir as súas resolucións. A comisión pode dicir que un documento debe ser público, pero se a administración non o fai non hai ningunha sanción máis alá dunha amoestación simbólica. Debera cambiarse a lei?
A experiencia práctica desde a posta en marcha da Comisión de Transparencia indica que cando se estima unha reclamación e a Administración non cumpre, supoñen cada vez menos casos, aproximadamente un 5% no ano 2023, ao existir maior conciencia nas administracións e organismos da súa obriga de dar a información solicitada pola cidadanía e cumprir as resolucións. Non obstante, nos casos nos que se detecta o incumprimento, se remite á Administración ou organismo correspondente un oficio no que se lle lembra a súa obriga de cumprir a resolución e se lle solicita que informe sobre o estado de tramitación do expediente, o que normalmente dá como resultado o cumprimento da resolución. En todo caso, a persoa interesada pode instar xudicialmente o cumprimento da resolución na que a Comisión da Transparencia lle recoñece o seu dereito á información.
No uso da Lei de Transparencia está habendo abusos por parte dalgunhas persoas? Estase a empregar para fins espurios colapsando o funcionamento?
Eu non vou dicir que unha persoa que acode a unha institución o faga abusando. É certo que hai mecanismos de inadmisión ou de desestimación que poden decidirse, pero estamos falando non de persoas, nunca, senón de determinados casos que se poden rexeitar polas causas taxadas que establece a lei. Tamén teño que dicir que o criterio da Comisión de Transparencia é un criterio moi pro-dereito. Penso que así o estamos facendo. Todas as decisións ata agora se toman por unanimidade, sen ningún voto en contra, e aí está representada a Fegamp, o Consello Consultivo, o Consello de Contas, a Xunta e a propia Valedora.
No caso da Autoridade de Protección de Informantes a lei que agora a vén de crear en Galicia tramitouse dun xeito acelerado, sen debate específico no Parlamento. Foi introducida por unha emenda do PP á lei de acompañamento dos Orzamentos da Xunta para este ano. E nela establécese a posibilidade de que non só funcionariado senón tamén persoal asesor elixido a dedo poida tramitar as denuncias que reciba a Valedora. Parécelle adecuado?
Neste momento estamos formulando a modificación da relación de postos de traballo da institución para a posta en funcionamento desa autoridade. A proposta só contempla persoal funcionario, por libre designación ou por concurso, pero só persoal funcionario.
Pero por que a lei abre a porta a esa posible discrecionalidade? Segundo o PP, o texto da lei e a súa tramitación acelerada fóronlle consultados a vostede, incluída esa posibilidade de que persoal de confianza elixido de xeito discrecional analice as denuncias que reciba a nova autoridade. Foi así?
[Silencio] A posibilidade que temos na Lei da Valedora de nomear persoal eventual [para a institución da propia Valedora] está topada, e está ben, 5 persoas. Por lei. Non hai posibilidades de modificar a relación de postos de traballo. Eu non son quen de facer a interpretación da vontade do lexislador...
Mentres vostede sexa Valedora non vai haber persoal non funcionario na Autoridade de Protección de Informantes?
É que xa está a proposta da relación de postos de traballo só con persoal funcionario.
Volvendo ao traballo ordinario da Valedora do Pobo, un dos principais problemas transversais a todas as áreas de queixa da cidadanía son as demoras e mesmo o silencio administrativo das administracións. Como se soluciona?
"Que unha administración teña pouco persoal non é unha desculpa para non contestar o que lle formula a cidadanía"
Recordando ás administracións que teñen que responder, en prazo e sobre o tema que lles están formulando. O que pasa é que moitos son concellos moi pequenos, contactan con nós e nos din que teñen moi pouco persoal. Pero iso non é unha desculpa para non contestar a un cidadán que formula unha cuestión. Hai que responder os escritos, resolver os expedientes, hai que contestar. É un traballo significativo desta institución lembrar a obriga de responder, e normalmente cando se presenta a queixa, aí si responden.
Moitas queixas xiran arredor de problemas burocráticos. Como se pode compaxinar a garantía que supón a formalidade dos procedementos coa axilidade que requiren certos casos? Como evitar que a burocracia supoña un problema no acceso á administración, especialmente para as persoas máis vulnerables?
O procedemento ten que existir. Se non hai procedemento hai caos. A administración ten que desenvolver a súa actividade seguindo o procedemento. O que ocorre é que hai persoas que ás veces quedan nas marxes dese procedemento. Para iso tamén estamos nós. Persoas que teñen dificultades en acceder a medios telemáticos, ou que están en sitios afastados, que teñen algún tipo de limitación de capacidade, menores. Esa é cuestión, á xente que queda nas marxes da actividade da administración, situala no centro da actividade pública.
Hai casos nos que a demora en actuar ou a inacción por parte das administracións empeoran os problemas. Un dos eidos nos que a Valedora vén poñendo o foco é o do acoso, sexa acoso laboral na Xunta ou acoso escolar nos centros educativos. De xeito reiterado vén dicindo que a administración non está a actuar. En moitos casos é difícil que se poida probar que hai acoso, pero o prexudicado así o sinte e o sofre. E os expertos din que, aínda que non haxa acoso, unha actuación a tempo evita problemas maiores. Por que as administracións non actúan?
"No acoso escolar hai que buscar a reparación da persoa que o padece, que pode ser que a propia administración pida unha desculpa por non ser quen de detectar ese problema a tempo"
Non é tanto que non actúen, porque si están implantados protocolos tanto no ámbito do acoso laboral como no escolar. Son problemas distintos, aínda que en ambas falamos de que a base pode ser a mesma. No escolar, hai un problema para detectalo, non tanto de que a administración non actúe cando o detecta. Despois, cando a administración actúa, tamén hai que buscar a reparación da persoa que padece o acoso, que ás veces é complicada porque esa persoa cambia de centro escolar. Pero a reparación debería chegarlle igual. Hai que establecer mecanismos de reparación, que moitas veces poden ser que a propia administración pida unha desculpa por non ser quen de detectar ese problema a tempo. E é imprescindible a formación do profesorado para ser quen de detectar os indicios, e a promoción da integración e da tolerancia cero en todo o ámbito académico con actividades tanto co alumnado como coas familias.
Co acoso laboral nos adultos, nós insistimos na figura do asesor confidencial. Nós o temos no noso propio protocolo e o trasladamos ás administracións, e están aceptando a recomendación. É unha persoa elixida polos propios traballadores, da confianza non do xefe senón do persoal, á que se poida dirixir calquera, que non ten por que ser a vítima. Quen detecte algunha acción que aínda que non sexa acoso poida chegar a selo ponse en contacto con esta persoa, de xeito completamente confidencial, sen ningún rexistro. Ao saber que está ese mecanismo funcionando e que hai unha concienciación e formación, moitas veces fréanse actuacións ou comentarios sen maior trascendencia que doutro xeito ao mellor non poderían poñer en marcha un procedemento disciplinario. Imaxina que estás traballando nunha oficina e alguén pega unha imaxe sexualizada ou estereotipada. Podes sentirte intimidada. Non é acoso pero non tes por que soportalo. E tampouco tes por que chamar ti a atención directamente á persoa.
Outra inacción reiterada no tempo é a falta de renovación na dirección da CRTVG. Que opina a Valedora do Pobo de como están a reflectir os medios públicos galegos a pluralidade do país?
As queixas que recibimos nese sentido as tramitamos e as resolvemos caso por caso. De facer unha formulación de carácter xeral, neste tema ou noutros, logo sempre pode pensarse que a actuación nosa pode estar nesgada ou condicionada. As resolucións, todas, publícanse.
Está satisfeita da repercusión mediática que ten o seu traballo?
Si, e penso que é moi importante porque dá a coñecer o noso labor. Estou convencida de que hai moita xente que se achega á nosa institución tanto pola cobertura mediática que se fai durante todo o proceso de presentación do informe anual, como despois coa cobertura de actuacións concretas.
A súa predecesora, Milagros Otero, dimitiu tras ser condenada por facilitar un posto a unha sobriña de Fraga. O anterior valedor en funcións, José Julio Fernández, deixou o posto tras varias polémicas, como asegurar que a amizade de Feijóo con Marcial Dorado non tiña interese xornalístico. O outro valedor anterior, Benigno López, dimitiu tras defender "deixar en suspenso" a lei de dependencia ao tempo que adquiría un coche oficial máis caro que o do presidente da Xunta. O seu mandato non está a ser moi tranquilo? Aburrido?
"Neste traballo dás unha resposta á persoa directamente, sen mediación"
En absoluto. Eu sempre lle digo ás persoas que traballan conmigo que está pasando o problema aí e está entrando pola porta da institución. É moi dinámico porque entran queixas con moito fundamento sobre temas moi diversos aos que hai que dar resposta. Podemos cualificalo de moitas formas, pero aburrido non é. É un traballo moi estimulante e desafiante, porque estás dando resposta á persoa directamente, sen mediación ningunha. Non é como quen vai a xuízo e ten un avogado que lle vai explicando. Isto é unha resposta directa que lle estás dando a unha persoa. Aburrido non, non me aburro en absoluto. [Ri].
Os primeiros valedores do pobo, José Cora e José Ramón Vázquez Sandes, foron maxistrados xa xubilados. Despois, Benigno López volveu exercer no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, onde vén de xubilarse agora. E vostede? O seu posto depende do Parlamento, pero márcase un límite de tempo? Que fará despois?
Eu teño a miña praza de maxistrada na Audiencia Provincial da Coruña. Nese sentido, estou a disposición. O mandato inicial era por cinco anos. A lei non establece impedimento para renovación. Eu só me formulo traballar o día a día onde teña que estar.