A valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, entregou esta lus ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, o Informe ordinario da institución correspondente ao exercicio de 2022. Nel debúllanse os asuntos tratados pola institución ao longo do pasado ano, un exercicio no que o número de queixas da cidadanía volveu superar o máximo da última década, récord que xa se acadara o pasado ano.
Foron, en total, 3.958 os asuntos tratados pola Valedora do Pobo, fronte aos 3.936 do ano anterior e aos 2.912 do ano 2020
Foron, en total, 3.958 os asuntos tratados pola Valedora do Pobo, fronte aos 3.936 do ano anterior e aos 2.912 do ano 2020. Entre 2012 e 2019 a cifra moveuse sempre entre os dous mil e tres mil asuntos anuais. O número de actuacións totais aumentou de forma aínda máis importante, de 19.544 en 2021 a 25.551 neste ano 2022.
O número de expedientes aínda aumentou en maior medida, pois nun ano pasaron de 10.736 a 16.143, practicamente o dobre. Con todo, este segundo indicador flutúa de forma importante de ano en ano, pois depende en boa medida de se existen ou non varias queixas colectivas en cada ano. Isto é, mobilizacións cidadás consistentes en presentar de maneira masiva reclamacións sobre un tema determinado.
A Valedora destaca que emprendeu case un cento de actuacións de oficio. Por exemplo, abríronse actuacións de oficio a causa dos problemas derivados das restricións horarias e o peche de oficinas bancarias para as persoas maiores
No seu balance, a Valedora destaca tamén que emprendeu case un cento de actuacións de oficio (por iniciativa da propia institución, sen queixa previa), un total de 91. Por exemplo, abríronse actuacións de oficio a causa dos problemas derivados das restricións horarias e o peche de oficinas bancarias para as persoas maiores, habituadas á operatividade presencial na xestión das súas contas para pagamento de recibos ou cobro de pensións.
Igualmente, iniciáronse investigacións de oficio por situacións de tutela de dereitos humanos a consecuencia da soidade non desexada; a falta de prazas en centros de día; os atrasos nos procedementos de dependencia; a equiparación no recoñecemento de determinadas incapacidades laborais coa discapacidade; ou o embargo de rendas de inclusión.
Nas súas actuacións, a Valedora do Pobo puxo especial fincapé nos dereitos das persoas maiores que "se viron especialmente comprometidos pola situación de crise permanente", destaca o informe
Nas súas actuacións, a Valedora do Pobo puxo especial fincapé nos dereitos das persoas maiores que "se viron especialmente comprometidos pola situación de crise permanente", destaca o informe. Estas actuacións centráronse na promoción da autonomía persoal e a atención á dependencia, do dereito a unha atención presencial en entidades bancarias e outros organismos e tamén no funcionamento de residencias privadas, centros de día e do servizo de atención ó fogar.
O informe salienta que "estamos ante un fenómeno demográfico que tensa extraordinariamente os sistemas de seguridade social, os sistemas nacionais de saúde e o sistema socio sanitario de coidados". "Considerando este escenario, a lonxevidade das persoas, que representa un dos maiores triunfos da Humanidade, é tamén un dos maiores desafíos cuxa solución debe discorrer polo recoñecemento e garantía dos dereitos das persoas maiores", engade.
Entre os asuntos que afectan directamente á Xunta de Galicia, son os relacionados coa Consellaría de Sanidade os máis habituais, cun total de 699, case a metade (47%) de todos os ligados ao Goberno galego
Ao igual que sucedera en anos anteriores, a área da Valedora do Pobo con maior actividade foi a ligada á Sanidade, que acumulou un maior número de queixas, o 17,31% do total. De igual xeito, entre os asuntos que afectan directamente á Xunta de Galicia, son os relacionados coa Consellaría de Sanidade os máis habituais, cun total de 699, case a metade (47%) de todos os ligados ao Goberno galego.
A moita distancia aparecen os asuntos relacionados coa Consellaría de Política Social (15,5%), Educación e Cultura (10,2%) e Facenda e Administración Pública (7%). Iso si, as queixas relacionadas coa Xunta diminuíron de forma importante o pasado ano, especialmente as que atinxían aos departamentos de Sanidade, Educación e Infraestruturas.
No ámbito sanitario rexistráronse catro queixas colectivas. A máis destacada foi a relativa á falta de profesionais especializados en pediatría no centro de saúde de Sarria, con 2.084 asinantes,
No ámbito sanitario rexistráronse catro queixas colectivas. A máis destacada foi a relativa á falta de profesionais especializados en pediatría no centro de saúde de Sarria, con 2.084 asinantes, na que os promotores manifestaban á dificultade para acceder ás consultas de pediatría do devandito centro de saúde por non cubrirse as vacantes e as ausencias dos facultativos especialistas na materia, asunto que se desenvolverá no apartado de supervisión.
Entre os asuntos tratados pola Valedora, ademais, hai un gran número de queixas relacionadas con algún dos 313 concellos galegos, un total de 1.408, encabezados pola Coruña (87), Santiago (77) e Vigo (52). No ano 2022 houbo ademais un total de 41 queixas ligadas ás catro deputacións provinciais galegas. No que atinxe ás empresas privadas, destacan Naturgy, Movistar e Abanca.