A defensora do pobo afea que os impresos para solicitar avogado de oficio dificulten a súa obtención ás vítimas e que "gran parte" destas queden fóra da vía prioritaria nos demorados procesos de recoñecemento de discapacidade
Nos últimos anos as administracións, entre elas a Xunta, veñen aprobando vantaxes ou vías prioritarias para as vítimas de violencia de xénero en diversos tipos de trámites. Agora a Valedora do Pobo vén de facer públicos dous expedientes de queixa nos que desmonta esa suposta prioridade de trato que o Goberno galego dá a esas mulleres cando solicitan un avogado de oficio ou o recoñecemento dunha discapacidade. A Valedora pide nos dous casos á Xunta que reforme os seus procedementos para garantir os dereitos das vítimas e non deixar fóra a "gran parte" das afectadas.
Recoñecemento da discapacidade
No eido do recoñecemento da discapacidade, no que a propia Xunta recoñece demoras significativas nos tempos de tramitación, a Valedora analiza as condicións que o Goberno galego fixou para priorizar e axilizar solicitudes formuladas por colectivos como os menores de idade, as persoas maiores de 90 anos ou as vítimas de violencia de xénero. Neses últimos casos o Goberno galego non só esixe que as solicitantes acrediten a "existencia dun procedemento aberto, xudicial ou administrativo, relativo á violencia de xénero", senón tamén "que o referido proceso poida verse afectado polo recoñecemento e cualificación do grao de discapacidade".
Para a Valedora esa condición "deixa fóra da priorización que tratamos a gran parte das persoas que acreditan ser vítimas de violencia de xénero". "En realidade deixa fóra dese trámite urxente a todas as que xa teñan dita condición de acordo coa lei, pero non teñan un procedemento en curso que se poida ver condicionado pola posible cualificación como persoa con discapacidade", engade a defensora do pobo.
A Valedora pide
A Valedora considera que esa dobre condición "limita de forma considerable o ámbito da protección engadida que resultaría da priorización das valoracións de discapacidade para as persoas vítimas de violencia de xénero". E iso que, segundo lembra, "deberá terse en conta que as mulleres con discapacidade poden verse sometidas a unha discriminación múltiple, polo feito de ser muller, de padecer discapacidade e por ser vítimas de violencia de xénero".
A Valedora pide á Xunta "que se promova a reforma da normativa para a valoración da discapacidade para dar prioridade a todas as vítimas de violencia de xénero"
E a esas consideracións engade a Valedora que "unha das acusadas consecuencias do exercicio da violencia de xénero contra as mulleres pode ser a discapacidade, e que esta non se valora nos prazos previstos regulamentariamente, senón que soe prolongarse máis do debido, como recoñece a propia consellería competente e sinalamos en moitas ocasións".
Ante esta situación, a Valedora pide á Xunta "que se promova a reforma da normativa reguladora do procedemento para a valoración da discapacidade para dar prioridade a todas as persoas que acrediten ser vítimas de violencia de xénero".
Xustiza gratuíta
No eido da xustiza gratuíta, ademais de ter dereito a ela as persoas sen recursos, tamén determinados colectivos como as vítimas de violencia de xénero, de terrorismo ou menores de idade teñen o dereito "con independencia da existencia de recursos [económicos] para litigar". Porén, os impresos para solicitar a xustiza gratuíta son os mesmos e sinalan a necesidade de presentar documentación que reflicta a situación económica da persoa solicitante. Isto pode facer -e de feito xa fixo, como constata a Valedora- que vítimas de violencia de xénero demoren a tramitación dese dereito por obter unha documentación que non lles é esixible.
No eido da xustiza gratuíta, a Valedora pide á Xunta que inclúa nos impresos "un apartado específico para vítima de violencia de xénero" que facilite "a información dos dereitos que agrangue dita consideración"
Segundo a Xunta, non é necesario incluír nos impresos un apartado específico para vítimas de violencia de xénero porque xa hai un recadro para indicar a "pretensión que se defende". Porén, a Valedora non o considera así e di que a posibilidade xeral que ofrece ese recadro "non é suficiente" para as vítimas, "pois ante un descoñecemento das consecuencias que aporta tal condición, non se pode inferir a inclusión no recadro da condición de vítima, sendo precisa a súa especificación".
A Valedora considera "interesante reforzar a información ás vítimas de violencia de xénero do seu dereito á xustiza gratuíta". E lembra que o real decreto que regula a asistencia xurídica sinala que a persoa beneficiaria da xustiza gratuíta debe contar co auxilio do ou da profesional da avogacía de oficio que se lle asigne para axudala "se fose necesario na redacción dos impresos de solicitude" da mesma.
Así que a Valedora conclúe pedindo á Xunta "que se valore incluír un apartado específico para vítima de violencia de xénero e demais motivos" previstos como merecedores da xustiza gratuíta con independencia dos recursos económicos para así "facilitar a información dos dereitos que abrangue dita consideración".