O presidente do TSXG e a directora do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) reclaman máis persoal para realizar as peritaxes psicosociais, cuxas demoras “afectan á tramitación de procedementos xudiciais”
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu este venres un comunicado de prensa no que “esixe” á Xunta ampliar o persoal que realiza peritaxes psicosociais e advirte de que as dilacións que provoca a situación actual “afectan, sobre todo, aos xulgados de Familia, de Violencia sobre a Muller e de Instrución”.
Segundo o comunicado do TSXG, o presidente do tribunal, José María Gómez y Díaz-Castroverde, mantivo esta semana unha reunión de traballo coa directora do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), Ana Belén Pérez, durante a que “concluíron que a ampliación do persoal dos equipos psicosociais é esencial para reducir os atrasos que se producen na emisión de informes periciais, os cales afectan á tramitación de procedementos xudiciais”. Ese aumento de persoal, di o TSXG, “debe ser estable”, pois “as prolongacións de xornada, implantadas na actualidade para tratar de aliviar a problemática derivada da carga de traballo, non poden ser a solución elixida a longo prazo”.
Segundo o tribunal, a súa Sala de Goberno solicitou desde o pasado setembro “en varias ocasións” á Xunta, responsable do Imelga e en xeral de dotar á Xustiza en Galicia dos medios necesarios para o seu cometido, “o incremento do persoal orgánico do Imelga para evitar dilacións que afectan, sobre todo, aos xulgados de Familia, de Violencia sobre a Muller e de Instrución”.
O TSXG e o Imelga insisten na necesidade de implantar gardas de 24 horas na Coruña e Vigo, pero o vicepresidente Diego Calvo négase
Na reunión de traballo, segundo o comunicado, tamén se abordou a necesidade de implantar as gardas de 24 horas na Coruña e Vigo, unha demanda que a Sala de Goberno do TSXG e os propios xuíces e xuízas de instrución trasladaron en numerosas ocasións á Consellería de Xustiza, dependente da Vicepresidencia Segunda ocupada por Diego Calvo. A responsable do Imelga comunicou ao presidente do TSXG que o seu organismo súmase a esa demanda, pois o seu persoal entende que é o sistema máis idóneo para xestionar as gardas. Porén, o propio vicepresidente Calvo vén negándose porque non ve "necesidade".
Pola súa banda, “co obxectivo de mellorar os servizos que ofrece o Imelga”, a directora do organismo propuxo a Díaz-Castroverde que se unifiquen os criterios en base aos cales os órganos xudiciais solicitan informes periciais. Ademais, trasladoulle ao presidente do TSXG que están a traballar na “elaboración dun catálogo que concrete os servizos que ofrece o Instituto de Medicina Legal de Galicia para, desta forma, facilitar aos membros da carreira xudicial a súa selección e demanda”.