Xuízas e xuíces da Coruña e Vigo reclaman unha quenda de garda de 24 horas como ″imprescindible para garantir un servizo público moderno, áxil e eficaz″, mentres que o vicepresidente segundo da Xunta considera que "non hai necesidade de establecer este sistema"
A petición das xuízas e xuíces de instrución da Coruña e Vigo para que as actuais gardas semanais sexan substituídas por quendas rotatorias diarias de 24 horas vén de lonxe. Trátase dun cambio co cal tanto a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) como o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) se mostraron favorables, pero que agarda nestes momentos pola dotación orzamentaria da Xunta de Galicia para seren efectivo.
Reclaman a posta en marcha desta nova quenda ao considerala ″imprescindible para garantir un servizo público moderno, áxil e eficaz″, á vez que indican que a súa necesidade tamén está xustificada ″pola tendencia á alza dos índices de criminalidade e a necesidade de atender ás peculiaridades dos delitos relacionados coa violencia de xénero″. Pero o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, manifestou esta semana que "non hai necesidade de establecer este sistema" porque o actual "é o apropiado".
Foi en 2019 cando a Sala de Goberno do TSXG cursou por primeira vez a solicitude do cambio do sistema de gardas ao CXPX tras dar o visto e prace á proposta das xuízas xuíces de instrución da Coruña e Vigo. Coa irrupción da pandemia da COVID-19 o asunto ficou paralizado, mais en setembro do ano pasado retomouse reclamando ao Goberno do Estado e á Xunta que habilitasen as partidas orzamentarias necesarias para poñer en marcha este servizo de gardas de 24 horas nos dous partidos xudiciais.
Tanto o TSXG como o Poder Xudicial apoian o cambio, que obtivo o visto e prace do Ministerio, pero para a Xunta de Feijóo era "imposible" orzamentariamente e para a de Rueda "non hai esa necesidade"
A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial mostrouse favorable ao cambio o pasado 8 de abril, condicionándoo a que a Xunta e o Goberno central asumisen o custo económico da medida. Naquel momento, o Ministerio de Xustiza mostrouse conforme coas novas quendas e disposto a asumir o seu custo, mais advertiu que dita autorización, a efectos económicos, quedaría supeditada á dispoñibilidade orzamentaria, toda vez que estivera aprobada a Lei de Orzamentos Xerais do Estado.
Pola súa banda, a Xunta de Feijóo considerou daquela ″imposible″ dispoñer dos recursos económicos necesarios para pór en marcha o sistema de gardas 24 horas. Aínda que se mostrou disposta a ter en conta a súa aplicaión no futuro, unha postura distante da actual do Goberno de Rueda expresada por Diego Calvo, quen considera que en Galicia non hai "esa presión de asuntos" e "non hai esa necesidade de establecer esas gardas".
Os partidos xudiciais da Coruña e Vigo sinalan que hoxe contan ″co apoio unánime de todos os colectivos implicados na Administración de Xustiza″
Coa convicción de que estas novas quendas mellorarían o servizo que se ofrece á cidadanía, desde o TSXG reiteraron a súa solicitude a ambas Administracións para dispoñer do orzamento preciso. No mes de febreiro, durante a súa primeira visita do ano a Vigo para coñecer as demandas da xuízas e xuíces da Audiencia Provincial e dos órganos unipersoais, o presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, recibiu de novo con esta petición unánime do persoal. E ese mesmo mes, a Sala de Goberno do TSXG aprobou volver pedir ao Goberno galego que poña os medios necesarios para implementar esta nova quenda.
Doutra banda, a xunta sectorial dos letrados da Administración de Xustiza destinados nos xulgados de instrución da Coruña acordou en marzo solicitar á Xunta de Galicia a implantación do sistema de prestación do servizo de gardas de 24 horas, tanto no partido xudicial da Coruña como no de Vigo. Sumándose, así, á petición das xuízas e xuíces de instrución de ambas cidades.
De feito, os membros do partido xudicial da Coruña e Vigo trasladaron a semana pasada que a iniciativa conta, na actualidade, ″co apoio unánime de todos os colectivos implicados na Administración de Xustiza″. Ademais, xa ten unha dotación económica asignada por parte do Ministerio de Xustiza, pois está incluída nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022.
O sistema que reclaman permitiría que a resposta xudicial se ofrecese ″desde o mesmo momento da recepción de calquera petición –explican os xuíces– dando prioridade aos asuntos urxentes que requiren atención inmediata, incluíndo as peticións que calquera cidadán poida efectuar de maneira presencial, en forma de denuncia ou solicitude″. Porén, critican que o sistema actual, debido á súa limitación horaria, non asegura ″a inmediatez na resposta xudicial″.
A negativa do vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, a atender esta petición que chega desde os máximos órganos de presentación da Administración de Xustiza tivo lugar na inauguración da XIX edición da Escola de Verán do Ministerio Fiscal no Pazo de Mariñán (Bergondo, A Coruña) onde –segundo a información trasladada pola Xunta– "incidiu que o compromiso da Xunta coa Administración de Xustiza exprésase a través da planificación co correspondente respaldo orzamentario para achegar as novas tecnoloxías aos órganos xudiciais, ou para construír ou mellorar as infraestruturas físicas".
Mentres Diego Calvo argumenta con "novas tecnoloxías" e "infraestruturas físicas" o apoio da Xunta á Xustiza, estivo preto dun mes sen nomear o novo director xeral de Xustiza
Un respaldo orzamentario que lle están a solicitar para ″mellorar a organización, optimizar os recursos públicos e dignificar, desde o punto de vista retributivo, a todo o persoal que presta servizo nas gardas″, en palabras do xuíz decano de Vigo, Germán Serrano. Coa finalidade de modificar o actual sistema e lograr que as gardas ″sexan presenciais as 24 horas″, o que ven necesario para prestarlle unha ″atención inmediata″ á cidadanía, segundo a maxistrada do Xulgado de Instrución número 6 da Coruña, María Jesús García.
Diego Calvo referiuse ao Plan Senda 2025 para a "modernización da xustiza a través das novas tecnoloxías" e á "nova Cidade da Xustiza de Vigo", pero non fixo referencia ao baleiro na Dirección Xeral de Xustiza desde hai preto dun mes, cando Juan José Martín Álvarez –un dos altos cargos que xa estaba na época de Fraga– abandonou o posto para ocupar outro no TSXG. O seu substituto foi finalmente nomeado no Consello da Xunta deste xoves; trátase de José Tronchoni Albert, letrado da Administración de Xustiza que toma posesióne ste venres en San Caetano.