Política Social anota cada "consulta de defunción" que fai a outras administracións no expediente ao que ten acceso quen solicita un recoñecemento de discapacidade ou dependencia, o que para a defensora do pobo "non parece adecuado"
Un home pediu formalmente á Consellería de Política Social que revisase o seu grao de discapacidade por agravamento. Como tardou en ter resposta consultou periodicamente a súa carpeta cidadá electrónica para ver se o seu expediente avanzaba. E o que atopou non foi a ansiada cita para a súa revisión senón que periodicamente a Xunta consignaba no seu expediente as súas comprobacións sobre se seguía ou non vivo.
"Están mirando se morrín ou me suicido cada 20 días/30 días, producíndome graves danos morais", foi a queixa do cidadán á Valedora do Pobo. A resposta desta vén de ser unha petición formal a Política Social para que non inclúa nos expedientes aos que teñen acceso as persoas afectadas os seus trámites internos para comprobar periodicamente se seguen ou non con vida.
Segundo o expediente de queixa agora feito público pola Valedora, o cidadán en cuestión presentou unha solicitude formal de revisión da valoración do seu grao de discapacidade por agravamento. Dous meses máis tarde aínda non fora citado. Pero ao consultar o seu expediente viu que si rexistrara novidades. Durante os meses anteriores o que a Xunta consignara nel foran o que denomina "consultas de defunción".
Isto é, o cidadán puido comprobar que, malia que non fora citado aínda para a revisión da súa discapacidade, Política Social comprobara, e así o constatou a Valedora, que non morrera nin o 8 de abril, nin o 7 de maio, nin o 9 de xuño, nin o 3 de xullo, nin o 28 de xullo, nin o 21 de agosto, nin o 14 de setembro...
A Xunta admite "unha acumulación de expedientes que dilatan os prazos" nas valoracións de dependencia e discapacidade
A Valedora pediu explicacións a Política Social e a resposta da consellería comeza por admitir, como en moitos outros casos similares, a existencia de demoras na valoración da dependencia e a discapacidade por "un incremento notable no número de solicitudes tanto de valoración inicial como de revisión". "Estase producindo unha acumulación de expedientes que dilatan os prazos nos que se citan ás persoas usuarias", confirma a Xunta.
E con respecto á queixa polas consultas sobre se está vivo, Política Social sinala que "semanal ou mensualmente estanse a facer cruces co rexistro de falecidos" da administración de Xustiza "tanto en discapacidade como en dependencia de todas as persoas vivas con expediente activo ou que figuran de alta no censo". Faise, di a Xunta, para "tratar de mellorar a calidade" dos datos que emprega "así como cerrar expedientes ou dar de baixa no censo ás persoas falecidas das que non foi informado o seu falecemento".
A Valedora pide a Política Social que ese tipo de "consultas de defunción" non se inclúen entre os trámites dos expedientes
A Valedora considera "comprensible" ese obxectivo da Xunta de mellorar a calidade dos seus datos "tendo en conta o elevado número de solicitudes pendentes e as demoras nas valoracións que coñecemos a través das queixas". "Porén, non parece adecuado que iso se faga na forma que sinalamos, é dicir, incluíndo as consultas de oficio do tipo sinalado entre os trámites do expediente, posto que en realidade non se trata de tal cousa, senón dun elemento de información externa".
Por iso, a Valedora pide a Política Social que ese tipo de "consultas de defunción" non se inclúan entre os trámites propios dos expedientes de valoración de discapacidade ou dependencia.