Catro meses sen cobrar a Risga porque a Xunta tardou tres en pedirlle o número de conta

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nun acto sobre inclusión e pobreza no Parlamento CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Valedora reprocha a Política Social a súa demora con trámites “en situacións nas que se precisa atender necesidades básicas”

A Valedora do Pobo vén de facer pública unha resolución na que pide novamente á Consellería de Política Social que cumpra a súa obriga de resolver en prazo as solicitudes de renda de inclusión social (Risga) que recibe. Desta volta a Valedora constata a demora da Xunta no caso dunha persoa que estivo catro meses sen cobrar a renda porque Política Social tardou tres meses en pedirlle o número de conta malia que ela mesma ten un máximo de dous meses para resolver as peticións.

Unha mobilización en defensa dunha mellor xestión da Risga © EnMarea

A resolución agora feita pública pola Valedora do Pobo deixa patentes novamente as eivas que presenta a xestión da Risga e que a Xunta xustifica na actual redacción da lei que a regula, de 2013, impulsada polo PP e cuxa reforma o Goberno galego vén demorando desde hai cando menos tres anos, cando se aprobou o Ingreso Mínimo Vital (IMV) estatal. As dúas rendas son incompatibles ata que a Xunta aclare a cuestión nunha nova lei, o que unido ás dificultades na tramitación da Risga e ás contías lixeiramente superiores da axuda estatal está provocar un transvasamento de persoas da primeira á segunda.

Segundo os feitos relatados na resolución da Valedora a persoa afectada solicitou a Risga o 30 de novembro de 2021. A lei establece que a Xunta ten dous meses para resolver, e que o silencio administrativo ten carácter positivo. Porén, Política Social non considerou outorgada a axuda ata máis de catro meses máis tarde, o 5 de abril, co argumento de que o expediente non contaba con toda a documentación necesaria, xa que faltaba “un certificado da conta bancaria onde ingresar a prestación e un estrato desa conta”. Unha falla que a propia consellería non requirira reparar ata o 9 de marzo, superado en máis dun mes o prazo total que ela mesma tiña para resolver a solicitude.

Sede da Valedoría do Pobo © Valedor do Pobo

A resolución censura que a consellería "demore o exame do expediente e o eventual requirimento máis aló do prazo para resolver e que iso cause prexuízos para o solicitante"

Isto é, segundo constata a Valedora a lei de 2013 establece que o silencio administrativo é positivo se o expediente conta con toda a documentación requirida. E neste caso iso non foi así ata máis de tres meses despois da solicitude da persoa porque a Xunta tardou todo ese tempo en requirirlle a documentación que lle faltaba. 

Pero a Valedora matiza que a interrupción do prazo de dous meses para resolver, contemplada pola lei cando haxa que requirir documentación á persoa interesada, “só pode darse” cando o dito prazo de dous meses “aínda non venceu”. Porque, engade a Valedora, “unha interpretación diferente levaría a dar por boa a posibilidade de que a consellería demore o exame do expediente e o eventual requirimento máis aló do prazo para resolver e que iso cause prexuízos para o solicitante, como neste caso”.

“Os prexuízos son máis acusados canto maior é o distanciamento do requirimento respecto do prazo para resolver”, di a resolución da Valedora, que lamenta que “neste caso o requirimento deuse tres meses e nove días despois da solicitude, cando o prazo global para resolver é de dous meses”, e despois “a resolución final non se deu ata case un mes despois”.

Resolución da Valedora do Pobo que pide á Xunta que cumpra os prazos para resolver as peticións de renda de inclusión que recibe CC-BY-SA Praza Pública

A recomendación formulada pola Valedora á Xunta de que cumpra os prazos legais segue pendente de ser aceptada polo Goberno galego

A Valedora conclúe dicindo que “tal e como sinala o reclamante, a actuación causoulle un prexuízo que queda constatado” e para o que a lei non contempla que se lle poidan facer pagamentos retroactivos. Por iso, e á espera de que a Xunta culmine a reforma da lei de inclusión social que vén demorando desde hai tres anos, a Valedora pide a Política Social “que os expedientes de Risgas se resolvan sen demoras respecto dos prazos legalmente previstos, de tal forma que se eviten os prexuízos que ditas demoras producen en situacións nas que se precisa atender necesidades básicas”. Esta recomendación, formulada pola Xunta con data do pasado 2 de decembro, segue pendente de ser aceptada pola Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.