A Xunta di que aprobará este ano a nova lei do xogo, prometida para 2018, e volve demorar a de inclusión social

Rueda e o seu vicepresidente económico, Francisco Conde, no Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Rueda avanza xa que os orzamentos do próximo ano volverán contar cunha lei de acompañamento, coas que o Goberno galego vén mudando todo tipo de normas de xeito acelerado e con menos debate

En 2018, con Feijóo como presidente, a Xunta prometeu que naquel mesmo exercicio impulsaría e enviaría ao Parlamento para a súa aprobación final unha nova lei do xogo de Galicia que actualizase a aínda vixente de 1985. Non será ata finais deste ano, con catro anos de atraso, cando finalmente se faga, se desta volta se cumpre a nova promesa lanzada este xoves polo actual presidente, Alfonso Rueda.

Así o dixo ao facer públicas as previsións de novas normas que impulsará o seu goberno nos próximos meses, que permiten comprobar tamén un novo adiamento, agora ata o próximo ano, da reforma da lei de inclusión social, de cuxa aprobación está pendente que as persoas necesitadas de axudas poidan compatibilizar a renda de inserción social galega (Risga) e o ingreso mínimo vital estatal (IMV), rematando así cos obstáculos que se veñen rexistrando nese eido.

Os anuncios de Rueda deste xoves chegan a metade de lexislatura, cando a Xunta só foi quen de aprobar sete das 19 leis que o PP prometeu no seu programa electoral hai dous anos. Ante esa situación, Rueda promete agora que no que queda de ano a Xunta prevé remitir ao Parlamento oito novas leis, e outras 13 o próximo ano.

Entre as que prevé enviar este ano está a obrigada dos orzamentos para o próximo ano, que o propio presidente revelou que irá xunto cunha lei de acompañamento como as que a Xunta vén empregando desde 2009 para mudar de xeito acelerado e con menos debate todo tipo de normas que nada teñen que ver coas contas públicas. 

Sen ter en conta esas dúas leis, as outras seis que a Xunta quere enviar xa ao Parlamento son normas sobre estabilización no emprego público, arquitectura, patrimonio, aprendizaxe na vida adulta, calidade alimentaria e a antedita do xogo. Esta última está pendente desde 2018, o que obrigou á Xunta a tomar diversas medidas cautelares durante este tempo ante a proliferación de diversas novas instalacións modalidades de xogo. Medidas cautelares que a Xunta tamén recoñeceu tomar polo polo temor a que empresas do sector especulasen, coa historia da autonomía pairando sobre a cuestión pola condena no seu momento do ex-vicepresidente da Xunta José Luis Barreiro Rivas por outorgar unha concesión de xogo antes de que o permitise a lei de 1985, aínda hoxe vixente.

Alfonso Rueda e o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, o 18 de xullo nun dos incendios da última gran vaga CC-BY-SA Xunta de Galicia

Canto ás leis previstas para 2023, Rueda asegurou que serán 13, entre as que citou expresamente unha nova norma de inclusión social que entre outras cuestións permitirá poñer fin aos obstáculos que están a sufrir as persoas necesitadas de axudas para acceder a elas. A actual lei, de 2013, di que é incompatible percibir a Risga galega e outras prestacións similares, o que a fai incompatible co ingreso mínimo vital aprobado polo Estado hai xa máis de dous anos. 

En 2023 a Xunta tamén prevé aprobar unha nova lei de incendios tras mudar nove veces a actual de 2007

A Xunta aínda non mudou ese precepto nin aclarou en que circunstancias se poden ou non compatibilizar e vén reclamando a persoas beneficiarias da Risga que devolvan diversas contías poñéndoas así en situación aínda máis vulnerable tras en ocasións xa destinar os cartos recibidos a pagar débedas. Mesmo a xustiza xa se pronunciou sobre a ilegalidade dunha desas reclamacións. 

Ademais desa lei, a Xunta tamén prevé aprobar o próximo ano unha nova norma en materia de prevención de incendios, anunciada hai dous anos , que veña substituír á actual de 2007, mudada neste tempo nove veces a través de leis de acompañamento.

Xunto con elas, a Xunta tamén anuncia a aprobación en 2023 de leis en materia de clima, igualdade de mulleres e homes, organización de colexios profesionais e artesanía. Porén, nin o presidente nin o seu departamento de comunicación detallaron a totalidade das 13 leis anunciadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.