Na metade da lexislatura o PPdeG ten pendentes 12 das 19 leis que prometeu nas últimas eleccións

Feijóo e Rueda no Parlamento nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A maioría de leis que se aprobaron no que vai de XI lexislatura non estaban previstas e boa parte delas foron herdadas da X lexislatura, a de menor produción da historia

O programa electoral co que o PPdeG se presentou e gañou as eleccións de xullo de 2020 prometía de xeito expreso a aprobación de 19 novas leis, 8 das cales xa foran anunciadas para a anterior lexislatura, a de menor produción lexislativa da historia. Dous anos despois, na metade desta XI lexislatura e a dous anos como máximo de que se disolva novamente o Parlamento, das 19 leis prometidas só están aprobadas 7, todas elas herdadas da anterior X lexislatura, mentres que tamén saíron adiante outras 12 leis, a maioría non previstas malia gabarse os populares de seren gobernantes “previsibles”.

As sete leis aprobadas nos dous anos que van de XI lexislatura pola maioría absoluta do PP e que figuraban no seu programa electoral, todas elas xa prometidas ou coa tramitación iniciada na anterior lexislatura, son as de impulso demográfico (prevista pola Xunta para 2018), de recuperación da terra agraria, de ordenación do territorio, de residuos, de pesca continental, de museos e de acción exterior. 

A Xunta ten aínda pendente de remitir á Cámara unha nova Lei do xogo, prometida para 2018

Porén, seguen pendentes de aprobarse outras 12 leis prometidas no programa electoral que non iniciaron aínda a súa tramitación parlamentaria e que nalgún caso a Xunta nin informou do comezo da súa elaboración. É o caso das leis de dexeccións gandeiras, de incendios forestais, de arquitectura, de calidade alimentaria, de avaliación ambiental, de infancia e adolescencia, de “desenvolvemento da Galicia Intelixente”, de inclusión e accesibilidade na cultura, de transformación dixital da cultura galega, de mecenado e unha tamén prometida “modificación” da lei de colexios profesionais.

E hai unha lei máis que tamén foi prometida no programa electoral de hai dous anos, que Feijóo anunciara xa para 2018 e que malia contar desde hai tempo cun borrador o Goberno galego vén demorando: unha nova lei do xogo. 

Vista do hemiciclo do Parlamento durante o debate de investidura de Rueda, o pasado maio © Parlamento de Galicia

Fronte a estas promesas que aínda non foi capaz de cumprir, a maioría absoluta do PPdeG validou nestes dous anos outras varias leis que non foran prometidas nin anunciadas previamente: a de reactivación económica tras a pandemia, a de mellora do ciclo da auga, a de creación da universidade privada de Abanca, a corrección obrigada polo Estado da lei de saúde que abría a porta a obrigar a vacinar, a que establece o plan de estatística para os próximos anos e tres normas ou reformas en materia de igualdade e contra a violencia de xénero pactadas coa oposición. Tamén saíron adiante as dúas leis anuais de orzamentos e as leis de acompañamento que o PP adoita aprobar con elas.

Por último, malia non estar prevista no programa electoral, tamén está en tramitación unha lei de áreas empresariais coa que a Xunta tamén quere primar parques eólicos.

Estas cifras rexístranse despois de que a pasada X lexislatura fose a de menor produción lexislativa da historia da autonomía con só 22 leis, 18 se non se contan as leis de acompañamento dos orzamentos. Unhas leis de acompañamento coas que a Xunta vén impulsando a modificación de todo tipo de normas previas cunha tramitación máis acelerada e con menos debate.

Feijóo e Pedro Puy, coordinador do programa electoral de 2020, na súa presentación © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.