A lei prohibe embargar soldos ou pensións que non superen o salario mínimo, pero malia que a transferencia do pai para soster os menores non permitía chegar a esa contía o Goberno galego embargouna porque non o viu soldo nin pensión
A Valedora do Pobo xa o advertiu en varios dos seus últimos informes anuais, pero seguen a producirse casos de administracións que embargan a persoas receptoras de rendas de inclusión pequenas contías das que depende a súa subsistencia. Son cifras menores e casos puntuais, segundo di a propia defensora do pobo, pero para as persoas afectadas, salienta, “poden dar como resultado unha situación de extrema gravidade, lonxe do espírito da norma” e contraria á dignidade da persoa que protexe a Constitución.
Desta volta, segundo un expediente que agora vén de facer público a Valedora, a administración reprendida polo seu proceder foi a Xunta, que embargou a unha muller receptora da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) 50 euros para manutención dos fillos que lle transferiu o pai dos menores porque non os considerou encadrables dentro dos conceptos que a lei prohibe embargar para garantir a subsistencia.
A lei establece que non se poden embargar soldos ou pensións que superen o salario mínimo interprofesional, límites que, lembra a Valedora, para o Tribunal Supremo teñen “unha xustificación constitucional inequívoca no respecto á dignidade da persoa, consagrado no artigo 10.1 da Constitución”. A Valedora tamén lembra que a lei vai máis alá e non fala só de soldos senón tamén de outros ingresos equivalentes e “imprescindibles para que o executado e as persoas que dependan del poidan atender con razoable dignidade á súa subsistencia”.
No caso da queixa analizada pola Valedora, no que os 50 euros sumados á Risga non permitían chegar aínda ao salario mínimo, a Xunta argumentou que a contía “non procedía de soldos, pensión nin concepto algún dos recollidos [na lei] senón dun ingreso recorrente de 50 euros pero que muda no seu concepto”. Porén, a Valedora afea á Xunta que no informe que lle remitiu “non se recolle cal era o concepto que figuraba” e salienta que a denunciante lle transmitiu que o concepto era “manutención” e que se correspondía “a unha cantidade de 50 euros que, con certa periodicidade, ingresa o pai dos seus fillos para axudala na manutención dos menores”.
Na súa resposta á Valedora a Xunta reprocha que a muller, que tiña dúas débedas de 340 e 180 euros, nin recorreu contra o embargo nin solicitou aprazamento ou fraccionamento das débedas. Así explica o Goberno galego o que podía facer a muller cando lle chegou a dilixencia de embargo: “Podía ter presentado, ben recurso de reposición, ben reclamación diante do TEAR regulados no artigo 222 da LXT, se se presentaran as circunstancias previstas no artigo 170.3 da LXT”.
A Xunta di que a afectada "podía ter presentado, ben recurso de reposición, ben reclamación diante do TEAR regulados no artigo 222 da LXT, se se presentaran as circunstancias previstas no artigo 170.3 da LXT”.
A explicación que dá a Xunta do que podía facer a afectada para solicitar un aprazamento ou fraccionamento da débeda é algo máis longa: “A solicitude deberá vir acompañada dos datos e documentación esixida no artigo 46 do Real Decreto 939/2005 do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación. En concreto de: Nome e apelidos ou razón social ou denominación completa, número de identificación fiscal e domicilio fiscal do obrigado ao pago e, no seu caso, da persoa que o represente; identificación da débeda cuxo aprazamento ou fraccionamento se solicita, indicando a lo menos o seu importe, concepto e data de finalización do prazo de ingreso en período voluntario; causas que motivan a solicitude de aprazamento ou fraccionamento; prazos e demais condicións do aprazamento ou fraccionamento que se solicita; orde de domiciliación bancaria, indicando o número de código conta cliente e os datas identificativos da entidade de crédito que deba efectuar o cargo na súa conta ou indicación expresa de que solicita facer fronte a débeda a través de cartas de pagamento; os demais documentos ou xustificantes que estime oportunos. En particular, deberá xustificarse a existencia de dificultades económico-financeiras que lle impidan de forma transitoria efectuar o pagamento no prazo establecido, como por exemplo mediante a presentación do íltimo imposto da renda."
Fronte ás argumentacións do Goberno galego, a Valedora lembra que a propia Xunta debía ser coñecedora da situación da muller afectada tanto polos extractos bancarios obtidos para realizar o embargo como polos informes sociais “que obran en poder da administración autonómica” como outorgante da Risga. E engade que “a maior abastanza, a situación inflacionista actual e a suba dos servizos de primeira necesidade (auga, luz, gas, alimentación...) obrigan ás administracións públicas a realizar unha avaliación da realidade social e económica das persoas que son obxecto de embargo dado que poden dar como resultado unha situación de extrema gravidade, lonxe do espírito das normas e, desde logo, contrario á literalidade e ao significado” do artigo da Constitución que protexe a “dignidade da persoa”.
A Xunta segue sen aprobar a nova lei de inclusión social case tres anos despois da creación do Ingreso Mínimo Vital, o que lle permite reclamar devolucións a persoas perceptoras da Risga que obteñen tamén a segunda prestación
Ante esa situación, a Valedora concluíu o expediente pedindo á Xunta “non ordenar, ou deixar sen efecto, os embargos sobre cantidades bancarias de persoas en situación de vulnerabilidade económica e cando as cantidades depositadas non superan o salario mínimo interprofesional”.
Por outra banda, a estes casos de embargos a persoas receptoras da Risga hai que engadir que a Xunta segue a reclamar devolucións de diversas contías a persoas que tras obteren a renda galega solicitaron tamén o Ingreso Mínimo Vital. Case tres anos despois da creación desa nova prestación, e malia sentenzas condenando o xeito de actuar da Xunta con esas devolusións, o Goberno galego aínda non foi quen de enviar ao Parlamento a longamente prometida nova lei de inclusión social que fixe claramente ata onde chega cada axuda.