Malia que as rendas de inclusión social son inembargables, a defensora do pobo constata varios casos que logrou reverter e censura que é un proceder que afecta “gravemente ás persoas vulnerables”
Os informes anuais da Valedora do Pobo xa viñan reflectindo en anos anteriores problemas puntuais de queixas de persoas contra embargos indebidos de diversas contías tanto por parte de entidades bancarias como de administracións. Pero no informe que agora vén de facer público sobre as súas actuacións no último ano os casos aumentan e a institución dedica un espazo específico a comentar eses problemas cando os embargos afectan a contías inembargables como rendas de inclusión social ou pensións por discapacidade.
A Valedora sinala que no último ano recibiu queixas “por embargos de Risga (Renda de Inclusión Social de Galicia), a pesar de tratarse de cantidades inembargables e de afectar gravemente ás persoas vulnerables”. O informe sinala que tras a actuación da institución “as administracións levantaron o embargo ao pouco tempo, pero en ocasións repetiuse”, e engade que “polo mesmo motivo coñecemos queixas pola actuación de entidades financeiras” e “comprobamos que algún banco non cumprira coas súas obrigas nestas situacións”. A Valedora di que “as administracións e entidades de crédito deberan ser especialmente dilixentes nestes supostos para evitar situacións como as que tratamos”.
“As administracións e entidades de crédito deberan ser especialmente dilixentes nestes supostos para evitar situacións como as que tratamos”, di a Valedora
O informe anual identifica seis casos de embargos indebidos, dos que só nun caso especifica que foi a Seguridade Social quen se apropiou dunha Risga. Segundo os datos pescudados por Praza.gal, noutros catro casos foi a Axencia Tributaria dependente do Ministerio de Facenda a responsable dos embargos: en tres ocasións fíxose con cartos procedentes de rendas de inclusión social e noutra dunha pensión por unha discapacidade do 65%. Nun sexto caso foi Abanca quen embargou fondos dunha Risga tras varias demoras dunha familia no pagamento da hipoteca da súa vivenda.
Nun dos casos a Axencia Tributaria chegou a alegar inicialmente o “carácter reservado dos datos con transcendencia tributaria” para non colaborar coa Valedora
Segundo as resolucións da Valedora sobre cada caso consultadas por Praza.gal, a súa intervención foi decisiva para que na maioría das ocasións as entidades implicadas recoñecesen o erro e revocasen as actuacións. Porén, nun dos casos a Axencia Tributaria chegou a alegar inicialmente o “carácter reservado dos datos con transcendencia tributaria” para non colaborar coa Valedora, que tivo que reiterarlle que o que lle trasladara era “unha solicitude de colaboración interadministrativa, amparada pola normativa vixente, e que se facía non en relación cunha materia de carácter tributario, senón con ocasión da posta en coñecemento dunha situación de vulnerabilidade social e por tanto urxente”.
O informe da Valedora no que lembra o carácter “inembargable” das rendas de inclusión faise público despois de a Xunta viñese reclamando a persoas perceptoras da Risga que devolvesen os importes que recibiron mentres agardaban pola concesión do Ingreso Mínimo Vital, que o Goberno galego mantén incompatibles. Este martes no Parlamento a Xunta anunciou que "condonará total ou parcialmente" a "débeda" ás “persoas que teñen fillos ao seu cargo”.