A Valedora do Pobo reclama á Xunta “mecanismos para evitar demoras no cobro” a quen mude de entidade bancaria e lembra que “a exclusión financeira é un dos problemas que sofren as persoas de economías precarias”
A Valedora do Pobo vén de facer pública unha recomendación á Consellería de Política Social para que evite demoras e axilice os seus trámites administrativos cando unha persoa que cobra unha prestación lle solicita mudar a conta ou entidade bancaria en que se domicilia o pagamento. A petición vén derivada dun caso no que unha persoa decidiu mudar de entidade bancaria polas comisións que lle cobraba e o comunicou á Xunta, que lle contestou que ingresaría a súa pensión na nova conta case tres meses máis tarde.
A defensora do pobo reclama “mecanismos para evitar demoras no cobro” a quen mude de entidade bancaria e lembra que “a exclusión financeira é un dos problemas que sofren as persoas de economías precarias”.
Segundo os antecedentes relatados pola Valedora do Pobo, unha persoa cunha pensión non contributiva (PNC) de 421 euros solicitou o 10 de febreiro á Consellería de Política Social mudar a domiciliación da súa prestación. Fíxoo, segundo relatou posteriormente no seu escrito de queixa ante a Valedora, “polas comisións que lle obrigaban a pagar” en Abanca, onde pechou a súa anterior conta o 25 de febreiro. Días despois recibiu unha notificación da consellería, asinada o 18 de febreiro, “indicándolle que procederían a ingresar a PNC na nova conta a partir do 01/05/2022”, isto é, case tres meses despois da solicitude de cambio de conta.
A Valedora pediu explicacións a Política Social e esta contestoulle que “debido á dinámica de confección das nóminas, non foi posible realizar o dito cambio na nómina de marzo, que xa estaba validada nese momento, polo que o mesmo farase efectivo na nómina de abril e o interesado cobrará na nova conta a finais dese mesmo mes ou primeiros de maio”.
A Valedora afeou que tras pedir unha persoa o 10 de febreiro que se mudase a conta da súa domiciliación a Xunta contestase que o ingreso na nova entidade non chegaría ata "primeiros de maio"
A defensora do pobo lembra na súa análise que “neste momento son moitas as persoas que teñen protestado polas condicións que impoñen as entidades bancarias” e que “a exclusión financeira é un dos problemas que sofren as persoas de economías precarias”. E salienta sobre a demora ata maio do cobro na nova entidade “o prexuízo que isto supón para a economía dunha persoa perceptora dunha prestación social”, lembrando “que o interesado solicitou o cambio de conta o día 10 de febreiro”.
Ante esta situación, a Valedora recomendou a Política Social “tendo en conta a situación económica de moitas das persoas que perciben unha prestación social, habilitar mecanismos para evitar demoras no cobro das mesmas por falta de axilidade nos trámites administrativos”.
A comezos de ano a Audiencia de Pontevedra evidenciou que Medio Rural non atendera unha comunicación de número de conta bancaria que lle fixeran "notarialmente"
A comezos deste ano unha sentenza coa que a Audiencia de Pontevedra absolveu un empresario acusado de apropiación indebida deixou constancia de que outro departamento da Xunta, a Consellería de Medio Rural, non atendera unha comunicación que se lle fixera "notarialmente" sobre o número de conta no que debía de ingresar unha subvención. Un erro interno da consellería que acabou levando a xuízo ao empresario finalmente absolto.