Medio Rural non tramitou a comunicación que lle fixo unha notaria de que debía cambiar a conta bancaria na que ingresar unha subvención, o que derivou nunha acusación de estafa ao beneficiario da mesma
A Audiencia de Pontevedra absolveu este mércores un empresario xulgado por un suposto delito de apropiación indebida despois de que un banco e a Fiscalía o acusasen de manobrar para quedar no seu poder con cartos procedentes dunha subvención da Consellería de Medio Rural que debían ser destinados a pagar á entidade bancaria. A sentenza reflicte que a consellería foi informada “notarialmente” da conta bancaria na que debía facer o ingreso da subvención para que esta fose ao destino correcto, pero esa notificación non foi incorporada ao expediente administrativo.
Procesado desde hai máis de dous anos e acusado inicialmente tamén do delito de estafa, agora a Audiencia absólveo libremente e declara de oficio as costas procesais.
Segundo os feitos que relata a sentenza, divulgada este mesmo mércores polo poder xudicial, o empresario obtivo unha subvención de Medio Rural que sería desembolsada en tres pagamentos. O primeiro cobrouno con normalidade pero sobre o segundo pagamento constituíuse un dereito de prenda a favor dunha entidade bancaria en garantía de devolución dun préstamo persoal concedido ao empresario.
Unha notaria comunicou á Consellería de Medio Rural ese feito “e a conta na que deberían facerse os ingresos a partir de dita data”, constando tanto a recepción desa comunicación no rexistro xeral da Xunta como posteriormente na Xefatura Territorial de Medio Rural. Porén, salienta a sentenza, “por razóns descoñecidas, desde logo totalmente alleas ao encausado e á mercantil da que era administrador, dita comunicación non se uniu ao expediente administrativo” e cando a consellería fixo efectivo o segundo prazo da subvención, en lugar de ingresarse na nova conta comunicada fíxose na anterior, a primeira que comunicara o empresario ao solicitar a subvención.
A entidade bancaria que non recibiu os cartos denunciou ao empresario, pero o tribunal constata que este non chegou a poder dispoñer dos mesmos xa que o banco que si os recibiu os destinou inmediatamente a amortizar outro préstamo.
“Resulta palmario que se cando se comunicou notarialmente a cesión do crédito á Consellería do Medio Rural, se tivese anexado ao expediente administrativo dita comunicación, as circunstancias cambiarían notablemente por canto que co importe do segundo prazo da subvención se cubriría con creces o importe do préstamo concedido” pola entidade bancaria ao empresario.