A Xunta é condenada por negar unha axuda ao emprego xuvenil pedida tarde tras acortar ela o prazo de xeito incorrecto

Feijóo nunha presentación en 2015 de programas de emprego xuvenil CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Tribunal Superior di que a “discrepancia” entre dúas datas decididas pola propia administración “non pode prexudicar a un administrado”

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar á Xunta a conceder unha axuda para o fomento do emprego xuvenil de 4.500 euros a unha empresa á que en 2017 lla denegou co argumento de que a solicitara tarde. A propia Xunta recortara o prazo estando o procedemento de solicitude xa aberto, pero non o indicou na súa sede electrónica, que permitiu igualmente á empresa presentar a petición. Agora o tribunal considera que a “discrepancia” de datas na que incorreu a Xunta “non pode prexudicar a un administrado” e obriga á administración a conceder a axuda.

Sede electrónica da Xunta co prazo de presentación das axudas por dous meses malia que a Xunta decidira reducilo a un mes CC-BY-SA Xunta de Galicia

As axudas para fomento do emprego xuvenil de 2017, con fondos estatais e europeos, foron convocadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 4 de agosto daquel ano, con dous meses de prazo de solicitude, entre o 5 de agosto e o 2 de outubro, e subvencionaban as contratacións realizadas desde o ano anterior. Unha empresa que contratara a comezos daquel ano a unha moza presentou a súa solicitude o 19 de setembro, pero polo medio o 17 de agosto a Xunta publicara novamente no DOG unha corrección de erros da orde de convocatoria das axudas na que recortara a un mes o prazo de petición. Un recorte do prazo que non trasladou á súa sede electrónica, onde non se publicou a corrección e onde o sistema informático permitiu igualmente á empresa presentar a solicitude.

En decembro daquel ano a consellería desestimou a petición da empresa indicándolle como única causa que “a solicitude queda excluída do ámbito de aplicación da orde polo feito de que non se respectou o prazo de presentación de solicitudes”. A empresa recorreu na vía administrativa pero a Xunta reiterou a súa negativa, o que a obrigou a ir aos xulgados e obter unha sentenza favorable catro anos máis tarde.

O TSXG relata que a empresa recorreu a un notario para que dese fe de que xa en novembro na sede electrónica da Xunta seguía sen aparecer a corrección de erros publicada no DOG e que o prazo de presentación que seguía figurando nela era o inicial. Ademais, salienta que a presentación da solicitude fóra do prazo recortado “non foi rexeitada polo sistema”, que pola contra xa non permitía presentalas superado o prazo máis amplo inicialmente previsto.

“Non corresponde a esta Sala neste procedemento, xa que non foi recorrida expresamente, analizar se a modificación do prazo establecido nunha Orde pode realizarse mediante unha corrección de erros ou non”, di o tribunal, pero engade que “o que si pode e debe analizarse é a situación concreta da empresa recorrente, canto á presentación da súa solicitude”. E o que conclúe é que a discrepancia entre a corrección publicada no DOG e as datas da sede electrónica “non pode prexudicar a un administrado”.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © CGPJ

A xustiza vén constatando a "arbitrariedade", "falta de transparencia" ou "extremado rigor formalista" da Xunta ao denegar axudas ao emprego

“Neste caso as resolucións administrativas recorridas desestiman a axuda solicitada alegando como única razón a extemporaneidade da presentación da solicitude. Por iso, procede a estimación do recurso contencioso-administrativo interposto, anulando as resolucións administrativas recorridas e declarando que a Administración demandada debe conceder á empresa recorrente a axuda solicitada”, conclúe o TSXG, que tamén condena á Xunta a pagar as costas xudiciais. 

Esta nova sentenza é unha máis dunha sucesión de pronunciamentos xudiciais en contra do xeito en que a Xunta xestiona axudas de emprego e emprendemento. Os tribunais veñen dedicando ás actuacións da administración galega expresións como “arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” en sucesivos casos nos que denegou axudas de xeito ilegal. O TSXG mesmo chegou a poñer “en cuestión” o fomento do emprego autónomo que a Xunta “tanto pregoa”, na propia expresión do tribunal. A comezos deste ano unha sentenza do mesmo Tribunal Superior revelou mesmo como a Xunta retirara unha axuda a un autónomo porque este fixera un ingreso nun banco e non unha transferencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.