Os asuntos que motivan queixas á Valedora do Pobo disparáronse durante o ano 2021. Non só a respecto do ano anterior, marcado pola pandemia da COVID-19, senón aínda máis con relación ao 2019 e tamén en comparación con todos os anos nos que a valedoría galega computa a súa actividade co método actual, isto é, distinguindo entre asuntos tratados (temas distintos) e expedientes abordados (total de reclamantes).
Os asuntos abordados en 2021 foron un 34% que en 2020 e un 72% máis que en 2019
Segundo o informe presentado este luns ao Parlamento pola titular da institución, Dolores Fernández Galiño, correspondente ao ano 2021, nese exercicio a alta comisionada abordou 3.936 asuntos. Son un 32% máis que en 2020 e un 72% de incremento a respecto de 2019. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, supón tamén un máximo na actual serie histórica.
O total de expedientes aumenta aínda en maior proporción. Pasaron de 5.387 a 10.736, practicamente o duplo. Este segundo indicador, non obstante, flutúa máis que os anteriores porque depende en boa medida de se existen ou non varias queixas colectivas en cada ano. Isto é, mobilizacións cidadás consistentes en presentar de maneira masiva reclamacións sobre un tema determinado.
No seu balance, a Valedora destaca tamén que emprendeu máis actuacións de oficio (por iniciativa da propia institución, sen queixa previa), pasando de 78 a 103. Pon, asemade, o foco noutro dato relevante: "Aumentou o número de mulleres que acoden á institución para promover queixas", salienta o informe. Non en van, fronte ás 2.994 mulleres que se queixaron á Valedora en 2020, en 2021 foron 5.502, un 83%. Neste sentido, alta comisionada relaciona o incremento co feito de que "a pandemia puxo en primeira liña das preocupacións ás persoas coidadoras, que aínda son, de forma maioritaria, as mulleres".
Sanidade, á cabeza das queixas
O 55% dos asuntos abordados pola Valedora son por competencias da Xunta encabezadas por Sanidade, Educación e Política Social
Como en anos anteriores, a área da Valedora do Pobo con maior actividade foi a ligada á Sanidade, con algo máis de unha de cada cinco queixas. Séguena as áreas de Emprego Público e Traballo, con unha de cada dez, unha proporción moi semellante á relativa ás corporacións locais e servizos municipais. Como vén sendo habitual, a maioría das queixas (en termos de asuntos distintos) tratados pola Valedora o pasado ao foron referidos a áreas de xestión da Xunta. Concretamente, así sucedeu en 2.178 dos 3.936 casos, isto é, algo máis do 55%.
Por consellerías, as queixas referidas á de Sanidade son as máis numerosas e as segundas que máis aumentan. Foron un total de 914 (+113%), por diante das áreas de competencia da Consellería de Cultura e Educación, que tras un incremento de case un 200% rexistrou 479 queixas ante a Valedora. Seguiunas a Consellería de Política Social, que así e todo rexistra un incremento moito menor e volve roldar as 240 queixas. a continuación, destaca o incremento das queixas relativas á Consellería de Infraestruturas, que tivo 158, un 229% máis que un ano antes.
Nun ano aínda fortemente marcado pola COVID -tal e como salienta o propio informe-, alén das cuestións estritamente referidas á pandemia (tales como a xestión da campaña de vacinación, dos certificados COVID ou das restricións sectoriais), os asuntos sanitarios que seguen protagonizando as queixas á Valedora son, en boa medida, os que nos últimos tempos son tamén protagonistas en diversas reivindicacións de pacientes e persoal sanitario: as listas de espera e a súa xestión e mais a situación da Atención Primaria. No referido ás demoras, volve aparecer nas queixas á Valedora a cuestión das derivacións de pacientes a hospitais privados.
Pacientes derivados á privada e déficit de persoal en Atención Primaria
A Valedora insta o Sergas a informar á cidadanía sobre canto terá que esperar se rexeita a oferta de ser operada nun hospital privado-concertado
Así, a Valedora destaca no seu informe anual que volveu recibir "expedientes de queixa a respecto da lista de espera cirúrxica cando o doente rexeita a oferta de intervirse noutro centro sanitario da rede sanitaria galega", concretamente en centros privados-concertados. "Na actualidade -sinala tras citar varios casos concretos- estes pacientes descoñecen o tempo no que poden permanecer na lista de espera" chamada "non estrutural" cando "rexeitan a opción do centro concertado".
Lembra a Valedora que "a información do doente constitúe o eixo fundamental" no que "se articula un verdadeiro consentimento para a aceptación ou o rexeitamento de calquera tipo" de tratamento médico, tal e como marca a lei. "Para quen un doente en lista de espera estrutural" -da que se coñecen os datos periodicamente- ao que "se lle ofrece a posibilidade de intervirse nun centro concertado" poida valorar a decisión, razoa, "precisa dispoñer da información relativa ao tempo aproximado de espera" que terá que asumir se pasa á lista "non estrutural", é dicir, se rexeita ser atendido na privada e opta por agardar pola pública.
Para a alta comisionada, este "defecto de información" pode "chegar a comprometer a constitución dun consentimento informado válido", xa que "o doente non pode decidir entre unha intervención nun centro concertado nese momento e unha espera sine die" na pública. Por todo isto, a Valedora pediu á Consellería de Sanidade que "facilite a información respecto do tempo aproximado no que se realizará a programación da súa intervención cirúrxica" en pacientes que se atopan nesta situación, os cales deben recibir "información útil ao respecto do tempo máximo de espera aproximado" antes "de que decidan a opción de intervirse no Sergas" ou na privada. O Sergas, segundo a Valedora, aceptou a suxestión para os casos concretos tratados.
A alta comisionada pediu a Sanidade que non sobrecargue o resto do persoal médico para cubrir ausencias de Atención Primaria e "reforce" a información á poboación para "acceder ao servizo de saúde" en casos de falta de facultativos
No referido á Atención Primaria, a Valedora recibiu "numerosas" queixas referidas á "non cobertura de ausencias e prazas vacantes de persoal facultativo". Concretamente, os expedientes referíronse a 16 centros de saúde noutras tantas localidades: A Coruña (Ourense), Baltar e Vilalonga (Sanxenxo), Burela, Cabanas, Cangas, O Castrillón (A Coruña), Castro Ribeiras do Lea, Coia (Vigo), Conxo (Santiago), Illas Canarias (Lugo), Marín, Monfero, Noia, e Vilanoviña (Meis).
Alén das consideracións puntuais de cada centro, a Valedora recomendou a Sanidade que, "cando se precise cubrir a praza vacante" do persoal médico de Atención Primaria "e non se dispoña de persoal para facer a substitución", desenvolva "medidas que non redunde nunha posible sobrecarga" do resto de persoal facultativo ata "exceder amplamente os parámetros que se consideran aceptables" polas propias autoridades sanitarias. Así, promove que o Sergas opte por medidas como "prolongación da xornada dos profesionais do centro de saúde en cuestión ou doutros centros de saúde" na "quenda compatible co seu horario laboral habitual".
"Sería conveniente tamén -agrega- reforzar os mecanismos de información á poboación" para que "coñezan as diferentes opcións de acceso aos servizos de saúde" se "atopan problemas" por falta de médicos. "Non se recibiu o preceptivo informe da administración respecto da aceptación ou rexeitamento das resolucións descritas ao peche do exercicio 2021", sinala a Valedora.