Investigar irregularidades con asesores a dedo en vez de funcionarios? A iniciativa que o PP atribúe á Valedora do Pobo

A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, co presidente do Parlamento, o popular Miguel Santalices, nunha imaxe de hai dous meses © Parlamento de Galicia

A obriga da UE de 2019 de crear canles seguras para que a cidadanía denuncie irregularidades aplícase agora de xeito acelerado cunha emenda sen debate do PP á lei de acompañamento que este atribúe á Valedora, da que dependerá o novo ente e que garda silencio

Unha directiva europea de 2019 obriga a crear canles seguras para que calquera persoa poida denunciar, anonimamente ou non, o que considere unha irregularidade tanto nunha administración como nunha empresa, aínda que non sexa corrupción ou outro tipo de delito. Para atender a eses casos que non chegan á xustiza, en marzo entrou en vigor unha lei estatal que crea a Autoridade Independente de Protección do Informante e que permite que as comunidades autónomas se adhiran a ela ou creen as súas propias autoridades. 

O segundo é o que vai facer agora en Galicia o PP dun xeito acelerado, cunha tramitación que reduce ao mínimo o debate político. E cunha redacción do texto legal que contempla que persoal asesor elixido discrecionalmente poida tramitar, resolver e sancionar as infraccións que se comuniquen á nova autoridade galega, en lugar de que o faga só funcionariado ao que se presupón independencia. O PP fai responsable da súa iniciativa á Valedora do Pobo, da que dependerá o novo ente, pero esta non se pronunciará ao respecto ata que o Parlamento aprobe de xeito definitivo unha reforma legal que terá que acatar.

A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, nunha comparecencia no Parlamento, que agora vaille encargar tamén a anova autoridade de protección de persoas denunciantes © Parlamento de Galicia

A lei estatal que traspón a España a directiva europea de 2019 para protexer e investigar as denuncias dos informantes -whistleblowers en inglés- establece que o persoal ao servizo da autoridade de protección das persoas denunciantes de irregularidades debe ser funcionario e a súa selección "axustarase aos principios de competencia e aptitude profesional, mérito e capacidade e a criterios de idoneidade, e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e concorrencia". Porén, isto non é así no caso do texto que está a tramitar o PP para crear a autoridade galega.

A nova autoridade galega non está a tramitarse a través dunha lei específica, como no caso estatal, senón que vén de aparecer a última hora na lei de acompañamento dos Orzamentos da Xunta para 2014, unha norma coa que o Goberno galego vén mudando todo tipo de leis previas aínda que non teñan relación coas contas públicas e cuxo debate político é de por si máis reducido e sen informes sectoriais ou consultivos. Pero a creación e regulación da nova autoridade nin sequera aparecía no texto do proxecto de lei de acompañamento que a Xunta enviou ao Parlamento, que pode ser emendado polos grupos políticos, senón que foi introducida a través das emendas do PP. Isto impide que BNG ou PSdeG, que descoñecían a intención popular, poidan agora presentar ningunha emenda ao respecto.

Sede do Valedor do Pobo, xunto ao Parlamento de Galicia © Google

A nova autoridade será adscrita á Valedora, como xa ocorreu en 2016 coa Comisión da Transparencia, malia que o Consello de Contas xa viña desenvolvendo funcións de loita contra a corrupción

E o que fan as emendas do PP á lei de acompañamento é engadir a través dela todo un capítulo enteiro, de catro folios, á lei de transparencia e bo goberno de 2016. Un capítulo que crea e regula a nova Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante, que queda adscrita á Valedora do Pobo, ao igual que en 2016 xa se adscribira tamén a esa institución a Comisión da Transparencia de Galicia. Segundo a reforma legal, a nova autoridade "actuará con separación das súas funcións respecto das outras que corresponden ao Valedor do Pobo ou aos seus órganos adscritos. Porén, disporá dos medios persoais e materiais desta institución".

O texto do PP establece que a nova autoridade exercerá, entre outras, as funcións de instrución, tramitación, resolución e sanción das infraccións das que sexa informada. E no apartado relativo ao seu persoal sinala que "o Valedor do Pobo poderá nomear, para o exercicio das funcións previstas neste capítulo, persoal asesor adicional ao establecido" na lei que regula esa institución. Unha lei que limitaba ese persoal sinalando que "o valedor ou a valdora do pobo poderá designar ata cinco persoas asesoras" mentres que "o persoal restante deberá reunir a condición previa de funcionario ou funcionaria". 

Isto é, agora a Valedora poderá ter máis de cinco asesores elixidos discrecionalmente como persoal de confianza que á súa vez poderán exercer as funcións atribuídas á nova autoridade de investigación de infraccións.

Dolores Fernández Galiño na súa toma de posesión como Valedora do Pobo en 2019 © Parlamento de Galicia

Segundo o PP, o texto foi consultado coa Valedora e a súa tramitación acelerada é tamén un desexo dela, pero esa institución non considera adecuado facer declaracións sobre unha norma aínda en tramitación por parte do poder lexislativo

Ante esta redacción da lei, Praza.gal pediu tanto ao PP como á Valedora do Pobo unha valoración sobre a acumulación de novas funcións nesa institución, despois de que en 2016 tamén se lle atribuíse a Comisión da Transparencia de Galicia. E preguntou tamén polo motivo polo que agora se crea a nova autoridade de xeito acelerado a través dunha emenda á lei de acompañamento, en lugar de facelo cun debate máis demorado a través dunha lei específica. A resposta do PP consistiu en atribuír á Valedora do Pobo a responsabilidade do novo texto legal. Pola súa banda, desde a Valedora do Pobo, que terá que acatar a lei que finalmente sexa aprobada, sinalouse que a institución non considera adecuado facer valoracións dunha norma que aínda está en tramitación por parte do poder lexislativo.

Segundo o grupo parlamentario do PP, a decisión de adscribir a nova autoridade á Valedora do Pobo débese a "aproveitar a experiencia que ten en materia de control de administracións". Porén, o da Valedora é un control máis 'político' fronte ao Consello de Contas que fai unha fiscalización máis 'técnica' e que xa ten atribuídas funcións de prevención e loita contra a corrupción. Contas terá na nova autoridade presidida pola Valedora unha vogalía máis, ao igual que o Consello Galego de Relacións Laborais e a Comisión da Transparencia, tamén dependente da Valedora.

Sede do Consello de Contas © Consello de Contas

Os populares tamén aseguran que tanto esa adscrición da nova autoridade como o texto legal da súa regulación foron negociados coa Valedora do Pobo e "está de acordo". Mesmo o feito de que a reforma legal se tramite de xeito acelerado a través dunha emenda do PP á lei de acompañamento é atribuída polos populares a un desexo da Valedora de "non demorar o trámite". Porén, o texto sinala que a autoridade comezará a exercer as súas funcións aínda aos 10 meses da entrada en vigor da lei.

Canto ao feito de que se poida contratar máis persoal asesor e que este asuma "funcións" da nova autoridade, e non só de apoio en xeral á Valedora pola súa nova carga de traballo, o PP di que se fará "en función do que necesite a Valedora" xa que "será persoal dependente da Valedora". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.