O ente fiscalizador di descoñecer se o Goberno galego está a avaliar periodicamente o cumprimento do Código Ético que Feijóo anunciou hai cinco anos
Durante a pasada lexislatura autonómica, co PP acosado en Galicia e no resto do Estado por diversos casos de corrupción, o presidente Feijóo anunciou diversas medidas de control e transparencia que presentou como un “programa de impulso democrático”, entre elas un Código Ético para a Xunta, medidas no eido da contratación pública ou o encargo ao Consello de Contas de que, ademais de fiscalizar o uso ordinario dos fondos públicos, axudase a previr a corrupción. Agora o Consello de Contas vén de facer público o seu Diagnóstico dos sistemas de control interno e estratexia de prevención de riscos da corrupción na Xunta, documento no que afea a lentitude ou pouca ambición do Goberno galego criticando, entre outras cuestións, que non admita denuncias anónimas ou que se descoñeza o nivel de cumprimento do Código Ético anunciado por Feijóo.
O Diagnóstico do Consello de Contas foi entregado ao Goberno galego o pasado luns día 23 de decembro pola tarde, seguindo a liña de divulgación dos informes ordinarios do ente fiscalizador en momentos previos a días festivos ou pontes que limitan a repercusión mediática das súas críticas á Xunta. No documento, o Consello de Contas considera que os mecanismos de control interno da administración autonómica acadan un nivel “baixo” nos eidos de “información e comunicación” e “supervisión de actividades”, nos que ve “serias limitacións a subsanar”, fronte ao nivel “medio” que outorga aos eidos de “contorno de control”, “administración de riscos” e “actividades de control”.
“Os esforzos son illados e non se estableceron políticas e procedementos para que a información relevante se identifique, elabore e comunique ás instancias pertinentes no momento adecuado”, di Contas
En particular, ao analizar como a información sobre as medidas de control da corrupción circula entre o persoal e directivos da administración, Contas critica que “os esforzos son illados e non se estableceron políticas e procedementos para que a información relevante se identifique, elabore e comunique ás instancias pertinentes no momento adecuado, de tal forma que contribúa á toma de decisións, ao cumprimento dos obxectivos e á mitigación dos riscos”. Nese eido, a Xunta non admite que o funcionariado ou calquera cidadán que poida ser coñecedor dunha irregularidade poida denunciala ante a Administración de xeito anónimo, cuestión que só contempla para as denuncias de acoso laboral.
“Na nosa opinión, a condición de denunciante debe estenderse a toda a cidadanía na liña do apuntado na Lei do Consello de Contas; e respecto das denuncias anónimas, inclinámonos pola súa admisión sen prexuízo da aplicación dun sistema de garantías que preserve o adecuado equilibrio entre o anonimato e a esixencia de rigor por parte do denunciante. A aceptación nestes termos evita as consecuencias de ignorar feitos ou actuacións (acreditados con probas) que poderían ter a consideración de graves pola circunstancia de non coñecer a identidade da persoa denunciante”, resume Contas.
“En relación co cumprimento do Código Ético, o Consello de Contas descoñece se se está realizando o informe anual de seguimento sobre o seu nivel de cumprimento”
O ente fiscalizador é especialmente duro co Código Ético impulsado polo propio Feijóo: “En relación co cumprimento do Código Ético, o Consello de Contas descoñece se se está realizando o informe anual de seguimento sobre o seu nivel de cumprimento”, di, para engadir que “non se establece un procedemento para a tramitación das violacións” do Código Ético e “non se establece un sistema de medidas de resposta”. “Tendo en conta que aínda non está implantado un sistema de control interno e integridade, o sistema de información e rendición de contas é menos transparente no que afecta á avaliación do cumprimento de obxectivos institucionais, e menos aínda aos obxectivos de integridade e de prevención da corrupción”, engade Contas.
Contas reclama avanzar na regulación dos grupos de interese e aumentar o tipo de información que se ofrece sobre as axendas dos altos cargos da Xunta
O ente fiscalizador tamén sinala que hai moito camiño por recorrer na avaliación dos posibles riscos de corrupción, onde a Xunta carece dun “procedemento formal para a identificación e avaliación de riscos”, ou no establecemento dun órgano da administración con capacidade non só de avaliación e control interno senón tamén de “adoptar medidas de resposta” ante os posibles incumprimentos. Igualmente, reclama avanzar na regulación dos grupos de interese (os coñecidos como lobbys) e aumentar o tipo de información que se ofrece sobre as axendas dos altos cargos, das que a Xunta só divulga os actos públicos pero non as reunións internas.
“En termos xerais, a valoración global dos sistemas de control interno pon de manifesto que na Administración autonómica existen medidas e realizáronse esforzos propios dun sistema de control interno e integridade institucional, pero que estas accións necesitan dun impulso para constituír un sistema consolidado, integrado cos procesos institucionais e suxeito a autoavaliación e mellora continua”, conclúe Contas.