A polémica creada polo Valedor pode prolongar a súa presenza no cargo

López (dereita), no descubrimento do retrato do seu antecesor © Valedor do Pobo

Unha prórroga no mandato como consecuencia directa de ter desencadeado unha extraordinaria polémica e un importante deterioro á imaxe da institución. É a paradoxal situación na que se pode atopar o Valedor do Pobo, Benigno López, tras a controversia creada a pasada semana polas súas consideracións na Comisión de Peticións no Parlamento sobre a posibilidade de "suspender" a aplicación da Lei da Dependencia e verbo dos "imprescindibles, xustos e necesarios" recortes sociais do Goberno central. O aliñamento máis ou menos explícito de López coas políticas dos conservadores deu lugar á petición de dimisión por parte dos grupos da oposición, que este luns se concreta en senllas iniciativas parlamentarias que aludirán ao "notorio incumprimento" das súas funcións, un dos supostos que a lei contempla para o seu cesamento . Ao tempo, o PP realizaba unha pechada defensa do alto comisionado que, a priori, converte case en política ficción a posibilidade dun acordo entre os grupos para pactar o nome dunha persoa substituta para o Valedor, cuxo mandato expira o vindeiro mes de xullo.

A reforma legal impulsada polo Goberno de Fraga permite que López continúe no cargo ata que non se pacte a súa substitución

Será nese mes cando se cumpran cinco anos dende que o bipartito de PSdeG e BNG aceptase a candidatura de López, chegada dende latitudes populares, para substituír a José Ramón Vázquez Sandes. Daquela, a flexibilidade de socialistas e nacionalistas -considerada como excesiva mesmo dentro das súas propias filas- deu lugar a que o novo Valedor fose avalado pola unanimidade da Cámara, superando sobradamente os tres quintos que son necesarios para designalo. Pero o que daquela sobraba, desta volta pode faltar. Malia á súa maioría absoluta o PP precisa sumar ou os 25 parlamentarios socialistas ou os 12 nacionalistas para manter a López ou buscarlle un substituto, hipóteses ambas -especialmente a primeira- pouco probables despois do acontecido nos últimos días, menos aínda tendo en conta que a remuda tería que producirse a escasos meses das eleccións -apenas tres se finalmente se celebran no outono-.

Neste contexto as posibilidades que se abrirían serían esencialmente dúas. Segundo a lei que regula o funcionamento da defensoría galega, unha vez completado o mandato a presidenta do Parlamento ten que "declarar vacante" o posto e,  "no prazo non superior a un mes", deberase iniciar "o procedemento para a elección dun novo Valedor". Na redacción orixinal desta norma, redactada en 1984, a Comisión de Peticións da Cámara tiña a potestade de nomear, "por maioría simple", a un dos vicevaledores para que desempeñase o cargo de maneira interina ata que existise un substituto ou substituta. Pero isto variou en 1994, cando a maioría absoluta de Manuel Fraga reformou a norma para estipular que "se a causa do cesamento fose a expiración do seu nomeamento, o Valedor do Pobo seguirá no desempeño do seu cargo con prórroga de funcións ata que se produza a nova elección". Dadas as circunstancias, esa prórroga semella unha das posibilidades máis viables.

Con todo, aínda hai outra vía posible, a dunha nova reforma legal. Inseríndose na dinámica aberta por outros dirixentes do seu partido, como María Dolores de Cospedal, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba no pasado debate de política xeral a súa intención de eliminar as figuras dos vicevaledores, tres postos dos cales un está vacante dende o pasado venres a causa da dimisión de Dolores Galovart, proposta polo PSdeG e que renunciou precisamente polas declaracións de Benigno López. Para suprimir estes postos cómpre reformar a lei e nese proceso poderíase modificar ou flexibilizar tamén o procedemento de elección do propio Valedor inserindo, por exemplo, a posibilidade de elixilo por maioría absoluta en caso de que non chegase a un consenso maior. Así e todo, esa vía semella tamén pouco realizable, por ter un custo elevado en termos de oportunidade política pouco antes da cita coas urnas.

López (dereita), no descubrimento do retrato do seu antecesor © Valedor do Pobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.