O Goberno galego adscribe a Comisión da Transparencia de Galicia ao Consello Consultivo e limita as voces críticas cos seus reiterados incumprimentos
Desde a aprobación en 2016 da Lei de Transparencia de Galicia o control da aplicación da mesma está en mans da Valedora do Pobo, cuxas resolucións viñan amosándose críticas con todo tipo de obstáculos interpostos polas administracións galegas para acceder a documentos no seu poder, nomeadamente pola Xunta. Agora o Goberno galego, apoiado na maioría absoluta do PP, vai retirar por completo esas competencias e control á Valedora e vainas trasladar ao Consello Consultivo, cunhas novas características que limitan as voces críticas.
É a través da lei de acompañamento do orzamentos para 2026, que muda ducias de normas previas con menor debate e sen informes sectoriais, como a Xunta vai reformar a Lei de Transparencia de 2016 para modificar a composición da Comisión da Transparencia de Galicia, o órgano encargado de velar polo cumprimento da normativa.

Ata agora a Comisión da Transparencia estaba adscrita á institución do Valedor do Pobo e estaba presidida pola Valedora e composta por outras cinco persoas con voz e voto: a adxunta á Valedora e representantes da Xunta, o Consello Consultivo, o Consello de Contas e a Federación de Municipios e Provincias (Fegamp).
Se antes na Comisión da Transparencia había dúas persoas con voto en representación da Valedora e unha do Consultivo, agora pasa a haber dúas do Consultivo e ningunha da Valedora
Coa reforma que impulsa a Xunta a Comisión da Transparencia pasa a estar adscrita ao Consultivo e estará presidida agora polo presidente dese órgano e outras catro persoas con voz e voto: un letrado do mesmo Consultivo proposto polo presidente e representantes da Xunta, o Consello de Contas e a Fegamp.
Tanto a Valedora do Pobo como o presidente do Consultivo son nomeados pola maioría absoluta do Parlamento, polo tanto co control do PP. Pero o nomeamento da Valedora vense facendo de xeito negociado e conxunto coa persoa adxunta á Valedora, que é proposta pola oposición. Iso non ocorre co Consultivo. Así que se antes na Comisión da Transparencia estaba presente a adxunta á Valedora, proposta pola oposición, agora pasa a estar presente un letrado do Consultivo designado a proposta do seu presidente. Letrados do Consultivo cuxo sistema de elección a Xunta mudou en 2017 para que poidan ser elixidos a dedo.

Ademais, se antes a Comisión da Transparencia estaba adscrita á Valedora pero nela había un representante do Consultivo. Agora estará adscrita ao Consultivo pero sen ningún representante da Valedora.
A Xunta adoita responder peticións de información con silencio administrativo, ante o que a Valedora viña tomando decisións favorecedoras da transparencia
A presidencia do Consultivo está ocupada desde hai un ano polo maxistrado Andrés Lago Louro, coñecido por levar a instrución do accidente de Angrois, na que en 2015 propuxo xulgar só ao maquinista do tren ata que a Audiencia da Coruña o obrigou a analizar tamén as posibles responsabilidades dun cargo de Adif que finalmente foi tamén condenado. Antes de Lago Louro o posto estaba ocupado por José Luis Costa Pillado, maxistrado de referencia de Feijóo ao que este colocou como vogal do Poder Xudicial.
A reforma legal tamén fixa un período de transferencia de funcións e expedientes entre a anterior e a nova Comisión da Transparencia entre o 15 de xaneiro e o 15 de xullo do vindeiro ano e establece no 1 de maio o límite para que a anterior resolva recursos en materia de acceso á información pública. Ese tipo de recursos son os que pode presentar calquera persoa ante a Comisión da Transparencia cando unha administración galega non responde a súa solicitude de acceso a algunha información ou lla denega.
Uns recursos nos que a Comisión xestionada ata agora pola Valedora viña tomando decisións favorecedoras da transparencia fronte aos diversos obstáculos interpostos polas administracións, nomeadamente pola Xunta, que ten por costume non responder inicialmente -isto é, responder con silencio administrativo negativo- todo tipo de peticións.