Nos dous últimos anos a Xunta converteu en habitual non responder as solicitudes de acceso a información ao amparo da Lei de Transparencia, negativa que pasou do 4% a máis do 25% dos expedientes
A Lei de Transparencia dá ás administracións un prazo dun mes para responder as peticións de acceso a información ou documentación que lle formule calquera cidadán. Poden denegalas amparándose en diversas excepcións contempladas pola lei, ou poden ampliar nun mes máis o prazo que teñen para resolver. Pero se pasado ese tempo o solicitante non ten resposta a norma establece que o silencio administrativo é negativo.
Ante unha negativa expresa ou o silencio o afectado pode recorrer á Comisión de Transparencia, que en Galicia depende da Valedora do Pobo, cuxo último informe anual, feito público hais unhas semanas, constata que a Xunta vén incrementando notablemente as súas negativas por silencio administrativo. Especialmente nos dous últimos anos, coincidentes do Goberno de Alfonso Rueda.
Segundo os datos recollidos no informe anual da Valedora do Pobo, que lle son facilitados pola propia Xunta, o pasado ano o Goberno galego tramitou un total de 765 peticións oficiais de transparencia das que resolveu expresamente -aceptándoas ou denegándoas- 539 e mantivo en tramitación 29, pero outras 197 foron resoltas por silencio administrativo, isto é, negativamente pero sen sequera informar á persoa interesada. Esas negativas por silencio administrativo supuxeron o 25,7% do total de peticións de transparencia tramitadas, cifra similar ao 28,6% de 2022, cando a Xunta deixou sen responder 238 das 842 peticións recibidas.
En anos anteriores tanto o volume total como a porcentaxe de silencios administrativos foi moi inferior. Mesmo no primeiro ano de funcionamento da lei galega, en 2016, cando os procedementos aínda estaban a axustarse, a Xunta só deixara sen contestar 34 peticións, o 14,6% das apenas 233 recibidas naquel ano inicial.
Desde que en 2016 entrou en vigor a lei de transparencia galega nunca houbera tanta porcentaxe nin volume total de silencios administrativos
A Valedora do Pobo vén criticando en xeral o silencio de calquera administración cando unha persoa lle presenta un escrito. "Hai que responder os escritos, resolver os expedientes, hai que contestar; é un traballo significativo desta institución lembrar a obriga de responder, e normalmente cando se presenta a queixa, aí si responden", sinalaba hai uns meses Dolores Fernández Galiño en entrevista con Praza.gal. Unha petición de respostas que tamén vén realizando a mesma institución na súa condición de titular da Comisión da Transparencia de Galicia.
A Valedora do Pobo tamén vén constatando que a lei carece de regulación fronte aos incumprimentos da Xunta
A Valedora tamén vén constatando en sucesivas resolucións como comisionada da transparencia que a lei galega impulsada por Feijóo en 2016 carece de regulación fronte aos incumprimentos de xeito que a Comisión non pode obrigar nin sancionar ao Goberno galego cando este non atende as súas decisións sobre documentación que debe facilitar á persoa reclamante. Na súa aplicación da lei de transparencia nestes anos a Xunta chegou a revelar a unha empresa eólica datos persoais de quen lle formulou unha petición de acceso a documentación pública sobre un parque eólico.