Sanidade decidiu inadmitir unha solicitude formal de información alegando que non tiña ela os datos senón Educación, e a Valedora salienta que é outro órgano da “mesma Administración”
“A Consellería de Sanidade non resolveu dentro do prazo ordinario dun mes” que fixa a Lei de Transparencia ás administracións para contestar as solicitudes formais de información que se lles formulan e cando o fixo, tras un recurso ante a Valedora do Pobo, resolveu inadmitindo a petición dun xeito “improcedente” segundo o previsto pola lei. Así o vén de establecer a Valedora do Pobo, responsable de supervisar o cumprimento da Lei de Transparencia por parte das administracións galegas, tras un recurso formulado por Praza.gal.
Este diario formulou a comezos de marzo unha petición de transparencia a Sanidade para coñecer a serie histórica de novos casos positivos por COVID-19 ligados a cada centro educativo de Galicia. A Xunta foi ofrecendo desde o inicio do pasado curso o número de casos activos en cada centro, pero non o número de novos positivos, o que dificultou seguir a evolución da pandemia e coñecer o impacto do virus en cada centro porque altas e baixas enmascáranse. A lei dá un mes de prazo á administración para contestar, pero Sanidade, como adoitan facer boa parte das consellerías da Xunta, non o fixo e, dous meses despois da petición, formulouse un recurso ante a Valedora do Pobo, responsable da Comisión da Transparencia de Galicia.
Tras recibir o recurso, a Valedora pediu explicacións a Sanidade, que catro días despois respondeu a Praza.gal cunha resolución que inadmitiu a solicitude de transparencia co argumento de que esa consellería, suposta encargada de supervisar a resposta contra a pandemia en Galicia, non dispuña dos datos de novos casos de COVID que se reclamaban. A resposta indicaba que a solicitude de información debía ser resolta polo órgano “que posúa a información, que consideramos é Educación”, pero malia iso a propia Sanidade resolvía inadmitindo a petición.
Tanto Sanidade como Educación negaron saber cantos novos casos positivos de COVID-19 se ían rexistrando ligados a cada centro de ensino durante o pasado curso
Tras esa resposta este diario formulou unha petición idéntica a Educación, que a finais de maio tamén negou ter os datos solicitados, o que suporía que ninguén na Xunta soubo durante o pasado curso escolar cantos novos casos COVID se ían producindo ligados a cada centro de ensino. Pero a Valedora seguiu tramitando o recurso que se lle formulara inicialmente e agora chega a súa resposta.
A Valedora acorda “estimar a reclamación” presentada por Praza.gal e constata que Sanidade incumpriu a Lei de Transparencia en dúas ocasións ao tramitar a solicitude de información. Por un lado, “a Consellería de Sanidade non resolveu dentro do prazo ordinario dun mes” que establece a lei, e por outro, sobre a súa resposta posterior rexeitando a solicitude co argumento de que ela non tiña os datos, a Valedora di que “a inadmisión é improcedente” xa que esa decisión só está prevista na lei “cando se descoñeza” o órgano ao que se debera pedir a información.
Sanidade, salienta a Valedora, “identifica perfectamente o órgano, pertencente á mesma Administración”, a Consellería de Educación, así que non podía ser Sanidade quen respondese inadmitindo a solicitude senón que debía remitir a petición a Educación. Sanidade asegura que así o fixo, pero Educación tampouco respondeu a esa solicitude de información supostamente trasladada desde Sanidade senón a outra que directamente lle formulou posteriormente Praza.gal. O resultado, o mesmo: nin Sanidade nin Educación teñen datos dos novos casos positivos asociados a cada centro educativo.