O informe anual da institución apela a situar no centro do debate público a situación "das mulleres e das persoas afectadas por dúas ou máis causas de discriminación"
A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, fixo público este venres e entregou no Parlamento de Galicia o informe ordinario da institución correspondente a 2023. No cuantitativo, o documento reflicte unha relativa estabilización do volume de reclamantes e expedientes en relación co ano anterior, coa sanidade novamente como principal motivo de queixa. No cualitativo, a Valedora insiste en poñer o foco nas "persoas nas marxes" e, neste ano, na "discriminación interseccional". Isto é, nas persoas que acumulan varias causas de discriminación: sexo, raza, relixión, discapacidade, idade, etc.
Nesa liña, a Valedora apela a "situarmos no centro as aspiracións, necesidades e preocupacións das mulleres e das persoas afectadas por dúas ou máis causas de discriminación".
No cuantitativo, o informe sinala que en 2023 a institución abriu un total 16.417 expedientes, cifra similar á do ano anterior. Esas queixas estiveron referidas a 3.737 asuntos distintos, xa que en moitas ocasións un mesmo asunto é obxecto de queixa por varias persoas ou colectivos distintos.
Así, entre esas queixas colectivas no pasado ano destacou a presentación dunha impulsada pola CIG co apoio de 6.141 persoas para denunciar a fenda dixital que sofren as persoas maiores no acceso ás administracións, nomeadamente á Xunta, ante as restricións para a súa atención presencial. Nese eido a Valedora asegura que está a constatar melloras por parte do Goberno galego.
Ademais das queixas da cidadanía, a Valedora abriu 37 actuacións de oficio, moitas menos que as 91 do ano anterior, e a maioría, 20, sobre medio ambiente
Outra queixa colectiva significativa foi a de 1.738 pais e nais de nenos con problemas oncohematolóxicos que reclaman unha mellor coordinación deses servizos sanitarios por parte do Sergas.
Ese eido, o da sanidade, competencia da administración autonómica, foi un ano máis o que máis queixas rexistrou, con 887 asuntos distintos, en liña cos anos anteriores. E igualmente en segunda posición quedaron as queixas relativas a Política Social, con 248.
Ademais das queixas presentadas pola cidadanía, o pasado ano a Valedora tamén desenvolveu 37 actuacións de oficio, cunha notable caída a respecto do ano anterior, no que foran 91. A maioría das novas actuacións de oficio centráronse no eido do medio ambiente (20) seguidas da inclusión social (6).
A Consellería de Cultura e Educación foi advertida en 17 ocasións de que podía ser declara hostil se non respondía ás peticións da Valedora, e a Sanidade tivo que pedirlle información ata en dúas ocasións para obtela nun total de 101 asuntos
O informe anual da Valedora do Pobo tamén deixa constancia das administracións que máis dificultan o seu traballo. No último exercicio a institución no chegou ao extremo, previsto na lei, de declarar a hostilidade dunha administración por non responderlle, pero si formulou diversas advertencias de que podía facelo. Así llo fixo ver en 17 ocasións á Consellería de Cultura e Educación, moi por diante do resto de departamentos da Xunta, con 3 advertencias para Sanidade ou 2 para Política Social. A nivel municipal, os concellos de Ferrol e Santiago foron os que recibiron máis advertencias dese tipo, con 18 e 15 respectivamente, moi por diante do resto.
Ademais das advertencias da posibilidade de declarar a hostilidade dunha administración por non responderlle, a Valedora tamén deixa constancia das administracións ás que tivo que pedir información ata en dúas ocasión antes de obtela. Neste apartado destaca con moita diferenza a Consellería de Sanidade, con 101 asuntos, seguida da Consellería de Facenda, con 66, e Educación e Cultura, con 31. A nivel municipal, o Concello de Culleredo foi o máis destacado, con 20 asuntos, seguido de Santiago e O Porriño con 19 e Vigo con 18.