Dende os primeiros días da pandemia de COVID, dentro das medidas excepcionais aplicadas no marco da emerxencia sanitaria, impúxose a cita previa obrigatoria para levar a cabo trámites presenciais nas oficinas das distintas administracións. Tratábase dunha acción xustificada pola necesidade de evitar aglomeracións nestes espazos e que, polo tanto, buscaba reducir a posibilidade de contaxios.
A pesar de que a maior parte das medida introducidas no marco da emerxencia sanitaria derivada da pandemia de COVID, en moitas administracións a cita previa segue a ser obrigatoria para a realización de calquera trámite presencial
Porén, case dous anos despois do inicio da pandemia e cando levamos un ano de cifras moi reducidas de casos graves derivados da enfermidade, en moitas administracións a cita previa segue a ser obrigatoria para a realización de calquera trámite presencial. Isto sucede a pesar de que practicamente todas as medidas excepcionais aplicadas durante a emerxencia sanitaria foron xa eliminadas, regresando á normalidade.
Esta situación xera prexuízos a moitas persoas, especialmente ás de máis idade, que son quen realizan máis trámites presenciais, pero tamén a outros colectivos, como as persoas migrantes e, polo tanto, dificulta na práctica o acceso da cidadanía aos servizos públicos. Pero, ademais, a imposición da cita previa obrigatoria pode estar a incumprir a legalidade, como denuncian varias entidades e iniciativas individuais. Entre eles está Diego Gómez Fernández, avogado vigués de dereito administrativo e urbanismo e profesor asociado de Dereito Administrativo na Universidade de Vigo, que hai dous meses publicou unha detallada análise xurídica desta situación na súa web persoal.
Esta situación xera prexuízos a moitas persoas, especialmente ás de máis idade, que son quen realizan máis trámites presenciais, pero tamén a outros colectivos, como as persoas migrantes e, polo tanto, dificulta na práctica o acceso da cidadanía aos servizos públicos
Para Diego Gómez, a cita previa obrigatoria nas administracións públicas "non se axusta a dereito" e lembra que segundo o ordenamento xurídico español establece que a administración debe basearse nos principios de "proximidade" e "servizo efectivo" á cidadanía. Ademais, subliña que "aplicar normativas excepcionais a situacións ordinarias vai en contra do Código Civil", que establece que "a lexislación excepcional non se pode aplicar a supostos nin en momentos distintos dos comprendidos expresamente nelas". Gómez lembra que "a emerxencia sanitaria como tal non está levantada, pois debe facerse a través dun decreto-lei, pero si se decaeron a maior parte das medidas aplicadas neses meses".
Para Diego Gómez, a cita previa obrigatoria nas administracións públicas "non se axusta a dereito" e lembra que segundo o ordenamento xurídico español establece que a administración debe basearse nos principios de "proximidade" e "servizo efectivo" á cidadanía
O avogado comenta que "as limitacións no dereito de acceso afectan en maior medida ás persoas máis débiles, dende as persoas maiores ao colectivo de persoas inmigrantes. E isto está producindo situacións como que, para acceder ás oficinas de estranxeiría, está a haber compra-venda de citas previas, que se leva a cabo moitas veces en locutorios próximos ás oficinas". "Cando o Estado de Dereito non funciona, os máis débiles son os prexudicados", destaca. "É o mesmo que pasa coa administración electrónica: unha cousa é que sexa un dereito, que evidentemente ten moitas vantaxes, e outra cousa é que sexa unha obriga e non teña medios ou non saiba facelo", engade.
"Por que se mantén a cita previa? Porque é máis fácil para a Administración para organizarse, para facelo con menos recursos e para que os traballadores estean máis tranquilos", critica o avogado, que fai fincapé en que "o interese xeral ou público pertence e beneficia aos cidadáns, non á Administración como organización servicial que o xestiona", un principio que figura na xurisprudencia e que foi recentemente subliñado polo Tribunal Supremo nunha sentenza. "A Administración debe estar ao servizo dos cidadáns e, en cambio, aquí parece que o 'interese xeral' sempre é o da Administración. E non debe ser así: o 'interese xeral' é sempre o do cidadán", subliña, engadindo que a cita previa obrigatoria "só beneficia á Administración, pero non á cidadanía".
"Por que se mantén a cita previa? Porque é máis fácil para a Administración para organizarse, para facelo con menos recursos e para que os traballadores estean máis tranquilos", critica o avogado
Gómez lembra que xa a Lei de procedemento administrativo de 1958, aprobadada durante a Ditadura, "obrigaba a que o horario de atención ao público da Administración fose o suficientemente amplo para que non se causasen perdas de tempo aos interesados, obrigando en ocasións a habilitar un horario compatible co laboral". De igual xeito, subliña que a Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administraciones Públicas (LPAC), que regula o funcionamento das administracións e do acceso da cidadanía a elas, establece que "só mediante lei, cando resulte eficaz, proporcionado e necesario para a consecución dos fins propios do procedemento, e de maneira motivada, poderán incluírse trámites adicionais ou distintos aos contemplados nesta Lei". Algo que non se produciu.
Ademais, subliña que "aplicar normativas excepcionais a situacións ordinarias vai en contra do Código Civil", que establece que "a lexislación excepcional non se pode aplicar a supostos nin en momentos distintos dos comprendidos expresamente nelas"
A normativa galega tamén redunda nestas ideas. En Galicia está vixente a Lei 1/2015 de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, que sinala que "a cidadanía ten dereito a unha administración eficaz que xestione os seus asuntos con imparcialidade, obxectividade e dentro do marco temporal establecido" con dereito a "recibir un trato respectuoso, imparcial e sen discriminacións (...) recibir atención, orientación e información de carácter xeral dentro dos límites establecidos na normativa ou relacionarse coa Administración autonómica a través de calquera das modalidades de atención á cidadanía nos termos establecidos na presente norma".
Esta mesma norma regula a posibilidade de establecer citas previas ("Poderá establecerse un sistema de cita previa nos órganos, servizos e unidades nos cales se preste un servizo específico de asistencia ou consulta que requira unha especial atención a cada persoa (...) A cita previa poderá concertarse presencial, telefónica ou telemáticamente"), pero non sinala a súa obrigatoriedade.
A iniciativa de Diego Gómez únese a outras postas en marcha polas oficinas do Sindic de Greuges (Valedor do Pobo) de Catalunya e da Comunidade Valenciana. A valedora catalá subliñou, por exemplo, que “a cita previa obrigatoria non pode erixirse en requisito absoluto”
Gómez elaborou un documento modelo para presentar ante as distintas administracións para que cada persoa poida denunciar o mantemento da obrigatoriedade da cita previa. O texto esixe a "eliminación inmediata do sistema de cita previa obrigatoria por ser contraria a dereito" e subliña que "unha vez desaparecida a urxencia por razóns de saúde pública que impuxo a cita previa obrigatoria, mantela sen motivación como se está facendo para os rexistros e outras oficinas administrativas, dificultando o acceso da cidadanía aos servizos públicos vulnera o ordenamento xurídico aplicable".
Esta iniciativa únese a outras postas en marcha polas oficinas do Sindic de Greuges (Valedor do Pobo) de Catalunya e da Comunidade Valenciana. A valedora catalá subliñou, por exemplo, que “a cita previa obrigatoria non pode erixirse en requisito absoluto”.
"Non sabemos o que vai pasar no futuro, porque pode que as Administracións comecen a argumentar que necesitan aplicar a cita previa obrigatoria para funcionar con menos recursos", di
"A iniciativa cidadá, que a xente proteste, é moi importante para a democracia" e "creo que se hai un pouco de presión, a cita previa obrigatoria desaparecerá", comenta Diego Gómez. Porén, apunta que nos vindeiros anos, a cita previa obrigatoria pode regresar e ficar como norma, o que significaría un prexuízo para a cidadanía no seu acceso á Administración e aos servizos públicos: "non sabemos o que vai pasar no futuro, porque pode que as Administracións comecen a argumentar que necesitan aplicar a cita previa obrigatoria para funcionar con menos recursos".