Vellez Digna reclama a "normalización" das visitas nas residencias de maiores, aínda limitadas pola COVID

Instalacións dunha residencia de DomusVi © DomusVi

Vellez Digna sinala que a limitación das visitas "vulnera os dereitos de familiares e usuarios a verse con normalidade" e destaca que as residencias son "o único lugar no que se manteñen restricións do COVID"

Hai xa moitos meses que deixamos atrás os peores efectos da pandemia de COVID. Segue a haber contaxios, iso si, aínda que a sintomatoloxía e os efectos da enfermidade son grazas á vacinación masiva moito máis leves. Mesmo as cifras de ingresos coa COVID xa non significan o mesmo, e inclúen a moitas persoas que reciben atención hospitalaria por outros motivos e que, ademais, son positivas en COVID. A mellora da situación levou á práctica desaparición de todas as restricións e medidas e de prevención, como tamén estamos a comprobar no actual inicio de curso escolar, cun completo regreso á normalidade.

Porén, hai aínda algúns espazos nos que esta normalidade non chegou, por exemplo nas residencias de maiores, un dos lugares que nos primeiros meses da pandemia os efectos da doenza foron máis graves, con centos de mortes só en Galicia, especialmente nas residencias de xestión privada e, sobre todo, nas dos grupos DomusVi e San Rosendo, como revelou a Xunta tras unha petición de Praza.gal ao amparo da Lei de Transparencia.

Actividades nunha residencia de maiores do Carballiño © Xunta

A entidade esixe "o acceso sen cita previa e sen limite de tempo como se facía antes da pandemia, adoptando, iso si, as medidas preventivas necesarias, pero sen máis limitacións"

As restricións aplicadas posteriormente nas residencias foron importantes, co obxectivo de protexer as persoas que viven nestas instalacións, todas elas vulnerables á enfermidade. Entre as limitacións introducidas, moitas afectaban ás visitas exteriores de familiares, unhas medidas que aínda se manteñen, o que vén elevando as demandas de usuarios e familiares para que se relaxen ou eliminen, volvendo a unha situación de "normalidade" agora que a pandemia de COVID comeza a quedar no pasado.

Así o reclama a Asociación Galega De Familiares e Usuarios De Residencias Vellez Digna, que sinala que a limitación das visitas "vulnera os dereitos de familiares e usuarios a verse con normalidade" e destaca que as residencias son "o único lugar no que se manteñen restricións do COVID". Vellez Digna esixe "o acceso sen cita previa e sen limite de tempo como se facía antes da pandemia, adoptando, iso si, as medidas preventivas necesarias, pero sen máis limitacións".

Residencia de maiores da Deputación de Lugo en Pol © Deputación de Lugo

Para Vellez Digna, búscase que "os familiares vaian pouco por alí" e que non teñan 'visitas sorpresa', "para que non poidan ver como os tratan e en consecuencia non denuncien"

A entidade comenta que a actual normativa deixa en mans das residencias a organización das visitas "e cada unha interpreta a norma segundo lle convén". "Parece que existise unha normativa por residencia, unas permiten media hora, outras unha, outras limitan aos que presentan queixas, unhas permiten a entrada nas habitacións e outras non", sinala. Ao tempo, denuncia que "mentres tanto os familiares están en total indefensión. Hai casos de familiares que deben recorrer 2 horas en coche de ida e outras dúas de volta para unha visita de tan so 30 minutos". 

"Estanse a converter as residencias nunha especie de cárceres, cada vez con menos dereitos", conclúe a entidade que subliña "a urxencia deste asunto, porque o único que xa non lles queda é tempo"

Para Vellez Digna "detrás desta crueldade non está, en absoluto, a intención de defendelos residentes ante o COVID, senón o interese das residencias de que os familiares vaian pouco por alí e de que non teñan 'visitas sorpresa' de familiares, para que non poidan ver como os tratan e en consecuencia non denuncien".

A asociación conclúe que "esta norma prexudica moitísimo a calidade de vida dos residentes é os illa mais dos seus" e lembra que as persoas usuarias das residencias xa tiveron que sufrir nos últimos anos un gran número de prexuízos asociados á pandemia, engadindo "que moitos morreron sen poderse despedir dos seus durante a pandemia". "Estanse a converter as residencias nunha especie de cárceres, cada vez con menos dereitos e a día de hoxe moitos non poden gozar do contacto cos familiares", conclúe a entidade que subliña "a urxencia deste asunto, porque o único que xa non lles queda é tempo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.