A proposta de lei de residencias de maiores do BNG e a proposición do PSdeG para asegurar a participación equilibrada de mulleres e homes na Administración foron bloquedas pola maioría absoluta do PP no Parlamento
O Partido Popular vén de bloquear as propostas lexislativas en materia de igualdade e do modelo residencial para as persoas maiores que levaron ao Parlamento o PSdeG e o BNG, respectivamente. Este impedimento, derivado da maioría absoluta do grupo popular na Cámara, non permitirá que se chegue a producir o debate sobre o contido destas leis.
Coa crise do coronavirus presente, desde o BNG condensaron nunha proposición de lei as súas achegas para o "novo modelo" de residencias para a terceira idade que prometeu a Xunta no peor da pandemia. No PSdeG elaboraron unha proposta lexislativa co fin de incorporar a participación equilibrada de mulleres e homes como principio de actuación na Administración galega. Ningún dos partidos da oposición poderá expoñer devagar estas propostas na Cámara.
O BNG reclamaba que as residencias non superen as cen prazas ou que se integren nos núcleos de poboación
Entre as medidas que recolle o proxecto de lei de centros de maiores do BNG destaca que ningunha das residencias supere as cen prazas ou que un mínimo do 90% dos cuartos sexan individuais. Aparte, estima beneficioso integrar estes servizos nos núcleos de poboación "e non en lugares illados".
A maiores, desde o BNG inclúen nesta proposta de lei que xa non prosperará no Parlamento, a creación dun "corpo de inspección específico para as residencias" dentro da inspección de servizos sociais, e a "planificación dunha rede pública de residencias co obxectivo de ir mudando o actual modelo privatizado".
O argumento do viceportavoz do grupo popular, Alberto Pazos, para impedir o debate desta proposición de lei do BNG sobre residencias de maiores foi que se trata dunha "emenda á totalidade do modelo que nacionalistas e socialistas levan practicando anos alá onde gobernan".
Pazos tamén considerou que supón "un novo intento do nacionalismo galego por marcar diferenzas co resto de España nun momento no que as comunidades autónomas están traballando co Goberno central un documento de consenso que defina o novo modelo residencial para toda España".
O PSdeG pretendía garantir por lei a presenza feminina en todos os órganos de toma de decisión pública
Pola súa banda, o PSdeG realizou a súa proposición de lei a raíz da que cualifican como "foto da vergoña" trala primeira xuntanza do consello de administración da sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia "na que non había nin unha soa muller". A voceira de igualdade do grupo socialista, Noa Díaz, salientou que a iniciativa que pretende garantir por lei a presenza feminina en todos os órganos de toma de decisión pública e tamén naqueles nos que a Administración pública participa.
"A indefinición neste ámbito só pode obedecer ao interese do Goberno da Xunta en cubrir simplemente o expediente, e evitar así ter que facer un exercicio real de aplicación de igualdade de xénero nos órganos máis relevantes da Administración", sentenciou Díaz.
A viceportavoz do PP na Cámara galega, Paula Prado, esgrimiu que a "nova lei de igualdade que a Xunta está a tramitar incorpora un capítulo ao benestar laboral nas organizacións, co obxectivo de seguir progresando na promoción da igualdade a través de disposicións legais que avancen no benestar laboral, vencelladas coa integración da perspectiva de xénero no teletraballo e co fomento da calidade de emprego feminino, ademais da presenza equilibrada de mulleres e homes nos órganos de decisión".
Desde o PSdeG lamentaron que o PP rachase o consenso en materia de igualdade que se vén producindo no Parlamento e que nos últimos meses deu lugar á inclusión da violencia vicaria e da violencia dixital na lei contra a violencia machista.