O centro de maiores da Deputación de Lugo en Becerreá apostará polo "arraigo" dos residentes na vila

O presidente da Deputación de Lugo no primeiro aniversario do centro de maiores de Pedrafita © Deputación de Lugo
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-copcisa-9452dfb.jpeg
Contido patrocinado

O Centro de Atención a Maiores de Becerreá procurará ser un exemplo do modelo que está a promover a Deputación de Lugo para os coidados das persoas da terceira idade. Un modelo que aposta pola proximidade e polo "arraigo", ao priorizar o acceso da xente da contorna tanto á residencia como ao centro de día, e que favorece a creación de emprego no rural a partir das contratacións entre a veciñanza coa formación axeitada, vén sinalando a institución. 

Situado nunha parcela da contorna urbana "con vistas á contorna natural", o edificio xa rematado conta con cinco andares –tres dedicados aos cuartos–, ademais do andar de acceso e dous semisotos. Ao seu carón incorpora xardíns e unha zona de hortas. Construído durante a pandemia da COVID-19, é un dos centros nos que traballa o ente provincial para mellorar as condicións de vida das persoas usuarias. 

Vista do edificio do novo Centro de Atención a Maiores de Becerreá, promovido pola Deputación de Lugo © Copcisa

"Na Deputación temos un modelo de residencias público, centrado nas persoas, que está chamando a atención fóra de Galicia", di o presidente

"Na Deputación de Lugo temos un modelo de residencias público, centrado nas persoas, que está chamando a atención fóra de Galicia", asegura o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé. Neste sentido, vén lembrando que foi o único representante dunha Deputación –en todo o Estado– convidado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao acto de presentación do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) de Economía Social e dos Coidados, celebrado na Moncloa.

Tomé resalta que o compromiso é  "manter e mellorar, se é posible, os coidados e a atención" que reciben os usuarios dos centros de maiores da Deputación; así como a ampliar a rede de residencias porque, con este servizo, "estamos atendendo ás persoas e, ao mesmo tempo, creando emprego e actividade económica no rural. Polo tanto, estamos axudando a que a xente, sobre todo a mocidade e as mulleres, se quede no noso rural, e que así teña futuro".

Residencias "con prazas 100% públicas" que non buscan "o negocio nin a rendibilidade económica"

O "modelo propio" posto en marcha pola institución provincial para a súa rede de residencias para a terceira idade "difire do sistema da Administración autonómica", segundo Tomé Roca, porque se trata de "centros públicos cunha xestión pública e con prazas 100% públicas" que non buscan "o negocio nin a rendibilidade económica". Con todo, a competencia neste ámbito é da Xunta que, tal e como subliñou o deputado provincial de Promoción Económica e Social, "segue sen aportar un só euro", nin para a construción nin para o funcionamento das residencias.

Estas residencias promovidas pola Deputación de Lugo "garanten o arraigo" ao dar prioridade no acceso ás prazas ás persoas do concello no que se asentan os centros. Trátase de centros "de pequeno tamaño", cunha media de 30 prazas e con 25 traballadores e traballadoras que normalmente son do propio concello ou da comarca. Na mesma liña, o presidente da Deputación detalla que se está a crear emprego sobre todo feminino, "que é fundamental para fixar poboación".

As obras do CAM de Becerreá, xa rematadas

Catro novos centros de atención aos maiores no que vai de ano: na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira

No que vai de mandato (dende 2019), a Deputación de Lugo abriu catro residencias para o coidado das persoas da terceira idade, son as da Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira; que se suman aos tres centros de atención aos maiores que xa estaban en funcionamento en Trabada, Ribadeo e Pol.

Ademais, este ano o ente provincial porá en marcha dous novos centros, un en Navia de Suarna e outro en Ribas de Sil, co que contará cun total de nove residencias públicas. Ao mesmo tempo, a Deputación continúa traballando no resto dos proxectos comprometidos cos concellos na Pobra do Brollón, Becerreá, A Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Ferreira de Pantón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.