O Centro de Atención a Maiores construído durante a pandemia en Becerreá acollerá unhas 90 persoas

Vista do edificio do novo Centro de Atención a Maiores de Becerreá, promovido pola Deputación de Lugo © Copcisa
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-copcisa-9452dfb.jpeg

A pandemia da COVID-19 provocou, entre outros moitos aspectos, que moitas olladas da cidadanía virasen cara ás residencias da terceira idade, tanto no referido á atención que nelas reciben as persoas de maior idade como nas características das súas instalacións. Foi precisamente durante a pandemia cando se desenvolveu o groso da construción do novo Centro de Atención a Maiores de Becerreá, promovido pola Deputación de Lugo e que, tras o remate das obras realizadas pola construtora Copcisa, acollerá unha residencia e mais un centro de día.

O edificio foi concibido con vistas á contorna natural e combina a área residencial con terrazas exteriores, cubertas e zonas axardinadas

A obra, rematada a finais de 2021, atende en boa medida directrices que guiarán as residencias do futuro precisamente ao fío da pandemia. Así, por exemplo, sitúase na contorna urbana da capitalidade do concello de Beerreá e, ao tempo, nunha parcela "con vistas á contorna natural". O edificio conta con cinco andares -tres dedicados aos cuartos-, ademais do andar de acceso e dous semisotos. Ao seu carón incorpora xardíns e mais un equipamento novidoso: unha zona de hortas.

Os traballos, contratados por 3,5 millóns de euros, contemplaron que o acceso á nova residencia se realice a través dunha área axardinada e que o frontal do edificio sexa acristalado. A intención foi "enriquecer o espazo na definición do seu límite co exterior". Nesta mesma liña, as salas de rehabilitación e terapias ocupacionais contan con terrazas exteriores, cubertas e zonas axardinada pensadas para "o descanso e paseo das persoas usuarias".

As obras do CAM de Becerreá, xa rematadas

O mesmo complexo inclúe un centro de día, infraestrutura que adoita ser demandada en concellos do rural para permitir a permanencia das persoas maiores nos seus domicilios e, ao tempo, o acceso a coidados profesionais. O espazo do centro de día, situado na zona oeste da parcela, está concibido como "conexión coa contorna urbana, para facilitar o acceso da veciñanza" dende a rúa Ancares da vila, cun acceso independente ao da residencia. Tamén está dotado con pequenos patios con xardín, "espazos tranquilos", un deles pensado tamén para ser unha terraza.

A área residencial en sentido estrito, combina cuartos individuais e duplos. Son, concretamente, 22 individuais e 28 dobres, todas con cadanseu baño, ás que se suman outras 8 dobres con baño asistido para persoas con patoloxías vinculadas á mobilidade. 

A área do centro de día ten accesos concibidos como conexión "coa contorna urbana, para facilitar o acceso da veciñanza" 

O mesmo complexo inclúe un centro de día, infraestrutura que adoita ser demandada en concellos do rural para permitir a permanencia das persoas maiores nos seus domicilios e, ao tempo, o acceso a coidados profesionais. O espazo do centro de día, situado na zona oeste da parcela, está concibido como "conexión coa contorna urbana, para facilitar o acceso da veciñanza" dende a rúa Ancares da vila, cun acceso independente ao da residencia. Tamén está dotado con pequenos patios con xardín, "espazos tranquilos", un deles pensado tamén para ser unha terraza.

Alén do deseño pensado nos servizos, o proxecto do Centro de Atención a Maiores de Becerreá tivo tamén en conta os materiais de construción propios da zona, a montaña lucense. Así, o cristal convive con "acabados pétreos que garanten o illamento térmico", os cales, "xunto coa madeira sintética tratada nas lamas de protección solar, evocan a imaxe construída máis habitual da montaña lucense". A carpintaría exterior, explican dende Copcisa, tivo en conta que os acabados rematasen a ras do chan, "para evitar obstáculos e garantir a mobilidade".

Unha vez finalizada a construción do edificio en sentido estrito, a Deputación de Lugo aprobou esta primavera a contratación dun centro de transformación eléctrica e de seccionamento para o centro para conectalo á rede eléctrica e distribuír a enerxía no complexo. Trátase, sinala o goberno provincial lucense, de "avanzar na execución e posta en marcha do centro", que a Deputación se dispón tamén a equipar para que poida entrar en servizo. A súa apertura depende en última instancia, non obstante, da concesión de permisos por parte da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.