Galicia pasa á Fase 2, sen franxas horarias e máis actividade cultural, comercial e na hostalaría

Xente nas terrazas en Lugo, hai uns días © Concello de Lugo

Galicia, na súa totalidade, pasa á Fase 2 do proceso de desconfinamento, aplicando a partir deste luns 25 un novo conxunto de normas, que estarán vixentes ao redor de dúas semanas, sempre que non haxa rebrotes ou empeoramentos da situación do coronavirus. 

A partir deste luns 25 Galicia estará na Fase 2, que se manterá dúas semanas, sempre que non haxa rebrotes da enfermidade

Xunto con Galicia, pasan a esta Fase 2 Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, Aragón, Baleares, Canarias, A Rioxa, Estremadura, Murcia, parte de Cataluña, dúas provincias de Castela-A Mancha e seis das provincias andaluzas. A Comunidade Valenciana permanece na Fase 1, despois de que non solicitase avanzar ao detectar un incremento dos contaxios. Ademais, todos os territorios que aínda se atopaban na Fase 0 (ou 0,5, como se denominou ás modificacións introducidas), como Madrid, Barcelona e boa parte de Castela e León, avanzan á Fase 1. O 53% da poboación española está en Fase 1 e o 47% está na Fase 2.

O Goberno central aceptou a proposta realizada hai uns días pola Xunta para que as catro provincias avancen ao seguinte estadio, no que se recuperan algunhas actividades permitidas, nomeadamente na hostalaría (que poderán servir no interior), no comercio (coa apertura das grandes superficies) ou na cultura (coa apertura de cinemas e o incremento do aforamento permitido en espectáculos e actuacións). Tamén á mobilidade, pois desaparecen en todos os concellos as franxas horarias para paseos e actividade deportiva, pero nas zonas urbanas manteranse unhas quendas (agora, de 10 a 12 e de 19 a 20 horas) reservadas ás persoas de máis de 70 anos.

De momento, segue sen estar permitida a mobilidade entre as distintas provincias galegas, como demandaba a Xunta

A Xunta pedía que todo o territorio galego avanzase á seguinte fase e que, ademais, se permitise a mobilidade en toda a superficie da comunidade autónoma e non só no interior de cada provincia. Porén, na rolda de prensa o Ministro de Sanidade, Salvador Illa, ratificou que nesta fase non estará permitida aínda a mobilidade entre distintas provincias. Fíxoo ante a pregunta que un xornalista da Televisión Pública de Asturias fixo en nome da TVG, interesándose pola situación particular de Galicia e pola existencia ou non dalgunha excepción neste senso.

Esta mañá, antes de coñecerse a decisión do Ministerio de Sanidade, o presidente da Xunta dicía non ser "optimista" ante esta petición, sinalando que "todo parece indicar que isto non vai ser aceptado polo Goberno central". Núñez Feijóo engadía que dende o Goberno galego "propuxemos algunhas formulas, por exemplo que se poida ir visitar familiares maiores a outras provinicas distintas" ou "que se poida ir á segunda residencia e pernoctar".

A metade da poboación do Estado español xa se atopa en Fase 2 ©

O Ministro de Sanidade, Salvador Illa, felicitou á poboación polo cumprimento das normas de prevención demostrado ata agora. Salientou, ademais, que a "prudencia" é o criterio que move as decisións sobre o avance de fase para cada territorio. "Non só salimos, senón que estamos saíndo máis fortes", engadiu.

Salvador Illa salientou que a "prudencia" é o criterio que move as decisións sobre o avance de fase para cada territorio

O pasado martes o Goberno galego remitiu ao Ministerio de Sanidade un documento no que detallaba a situación da epidemia e do sistema sanitario en Galicia, destacando que en 306 dos 313 concellos xa non existían "casos de transmisión comunitaria", é dicir, novos positivos de coronavirus fóra das residencias de maiores ou do persoal sanitario. Uns datos que a Xunta non difunde publicamente. O presidente do Goberno galego valorou a nova positivamente, "coa lóxica ledicia", sinalando que o Goberno central "coincide coa proposta epidemiolóxica que fixo a Xunta o pasado luns".

A Xunta destaca a boa situación epidemiolóxica en Galicia e a mellora na situación das residencias

Ademais da situación epidemiolóxica, que mellorou notablemente nas últimas dúas semanas e que non amosa signos de rebrotes a pesar do relaxamento das medidas, Sanidade asentaba a súa proposta na mellora na situación das residencias ou nos equipamentos de protección dispoñibles para o persoal sanitario. Así mesmo, defendía ante o Ministerio que incorporara "medidas de fortalecemento" para detectar positivos da covid-19 como "a nova plataforma de seguimento de contactos das persoas infectadas" ou "o reforzamento dos laboratorios de microbioloxía, cos que xa se poden realizar 6.500 probas PCR ao día", aínda que o número real de probas diarias sexa agora moito menor. 

Que cambia na Fase 2?

Bares e restaurantes poderán servir no interior, abrirán as grandes superficies comerciais e tamén os cines. Ademais, ningún concello manterá quendas para o paseo ou a actividade deportiva

Na Fase 2 introdúcense algúns cambios con respecto ás normas e permisos en vigor na Fase 1. Estes afectan a distintos ámbitos, dende a hostalaría á actividade cultural ou á mobilidade. Con todo, para coñecer todos os detalles haberá que agardar á publicación no BOE deste sábado da orde ministerial que rexe estas normas.

  • Reunións sociais: Amplíanse de 10 a 15 persoas os grupos que se poden reunir na rúa, nun local de hostalaría ou nunha vivenda
  • Mobilidade: Desaparecen as franxas horarias para paseos e actividade deportiva, agás nos núcleos de máis de 10.000 habitantes, onde se mantén unha queda horaria reservada para as persoas de máis de 70 anos (na actualidade é de 10 a 12 e de 19 a 20, pero cada comunidade autónoma pode modificala lixeiramente).
  • Hostalaría: Bares e restaurantes poden servir no seu interior, pero cun aforamento máximo do 40%. Deberán respectar, ademais, as mesmas normas que xa viñan cumprindo nas terrazas: unha distancia mínima de dous metros entre mesa e mesa.
  • Comercio: Poden abrir todos os establecementos comerciais e de servizos (ata agora só podían facelo os de menos de 400 metros cadrados). Con todo, non deberán superar o 40% do seu aforamento e deberán incluír un horario prioritario para as persoas maiores ou vulnerables.
  • Ensino: Permítese o regreso do alumnado ás aulas presenciais, aínda que de momento só o fará o de 2º de Bacharelato e o dos últimos cursos dos ciclos medios e superiores de FP.
Salvador Illa, Ministro de Sanidade ©
  • Cines: Poden reabrir, pero cunha asistencia máxima dun terzo da súa capacidade.
  • Actividades culturais: Permítese ata 50 persoas en espazos pechados e 400 ao aire libre.
  • Bibliotecas: Pódense utilizar as salas de lectura (cun aforamento máximo do 30%) e os ordenadores de uso público
  • Visitas a residencias: Permítense por primeira vez as visitas a residencias de maiores e centros de atención á discapacidade. Con todo, estarán limitadas a unha persoa por residente e no caso das residencias de maiores só se autorizarán en situacións excepcionais.
  • Vodas: Permítense, cun máximo de 50 persoas en espazos pechados e 100 persoas en lugares abertos
  • Velorios: Permítense, cun máximo de 25 persoas ao aire libre e 15 en espazos pechados.
  • Misas: Increméntase o aforamento permitido, ata o 50% da capacidade total dos templos (anteriormente era un terzo)
  • Deporte: Permítese o reinicio das competicións profesionais, pero sen público. Nas competicións non profesionais permítense os adestramentos. Poden abrir as instalacións deportivas cubertas e as piscinas, cun máximo do 30% da súa capacidade e con cita previa.
  • Congresos e reunións de traballo: Permítense conferencias e xuntanzas ata un máximo de 50 persoas
Terrazas abertas, na Coruña, no inicio da fase 1 do desconfinamento © TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.