Galicia rexistra 10 novos positivos e baixa dos mil casos activos de coronavirus por primeira vez dende o 22 de marzo

CC-BY-NC-SA Praza Pública

As situación da epidemia de coronavirus en Galicia segue a mellorar. As catro provincias galegas iniciaron a Fase-1 hai 10 días e hai xa 19 días que se permitiron os paseos e a práctica de actividades deportivas fóra dos fogares e, de momento, non hai signos de rebrotes nin de incremento no número de contaxios. Este mércores, segundo os datos que vén de difundir o Ministerio de Sanidade detectáronse 10 novos positivos a través de probas PCR, as máis fiables. Ademais, detectáronse outros 12 positivos a través de probas rápidas.

Despois de 9 días na Fase-1, de momento non hai signos de rebrotes nin de incremento no número de contaxios

Trátase dunha cifra semellante á dos últimos días: o pasado xoves 14 foi a última xornada na que se rexistraron máis de dez novos casos e dende entón os números móvense entre os 2 casos deste martes (aínda do efecto da fin de semana) e os 10 casos do último parte do Ministerio.

Isto fai que a incidencia acumulada da enfermidade (número de casos por cada 100.000 habitantes) siga descendendo en Galicia, ata chegar a 5,85 casos en 14 días. Galicia é a quinta comunidade autónoma cunha tasa menor, só por detrás de Andalucía, Asturias, Canarias e Murcia. O conxunto do Estado español, que este xoves suma 344 casos e 48 falecidos (sen os datos de Cataluña por "problemas de validación), ten unha taxa media de 16,63 casos.

O número reprodutivo básico sitúase en Galicia en 0,67, claramente por debaixo de 1, o nivel que indica que a enfermidade está a remitir

De igual xeito, o indicador no número reprodutivo básico (que reflicte a capacidade de cada caso positivo de infectar a máis persoas) amosa en Galicia un comportamento positivo. Sitúase nestes momentos en 0,67, claramente por debaixo de 1, o nivel que indica que a enfermidade está a remitir. A media española é superior (0,81) pero tamén favorable.

Os datos achegados polo Ministerio de Sanidade recollen un único falecemento en Galicia dunha persoa con coronavirus, ata chegar a un total de 608. E 4 ingresos hospitalarios, ningún en UCI. Dende o inicio da pandemia, un total de 2.943 pacientes con coronavirus necesitaron ingresar nos hospitais galegos, 334 nas UCI.

A favorable situación epidemiolóxica e o estado no que se atopa o sistema hospitalario galego, cun número de pacientes con coronavirus cada vez menor, son dous dos argumentos que o Goberno galego manexa para demandar o pase de todas as áreas sanitarias do país á Fase 2 do proceso de desconfinamento. [A Xunta pide pasar á fase 2 e esgrime os concellos sen casos de coronavirus, que non son públicos]

Nestes dous últimos meses a cifra de 'casos activos' chegou a acadar un máximo de 6.947 o 28 de abril. Xusto un día antes de que o Goberno galego introducise 3.552 curacións sen referencia temporal

Polo que respecta aos datos comunicados directamente polo Sergas, que corresponden á situación existente este mércores ás oito da tarde, destaca o feito simbólico de que por vez primeira dende o pasado 22 de marzo o número de "positivos activos" de coronavirus en Galicia descende por debaixo dos mil casos. Son exactamente 990, 73 menos dos contabilizados 24 horas antes. Nesta etiqueta de 'casos activos' entran tanto pacientes que están hospitalizados e que aínda non superaron a enfermidade e tamén moitas outras persoas que se atopan en illamento nos seus domicilios, ao presentar unha sintomatoloxía leve.

Nestes dous últimos meses a cifra de 'casos activos' chegou a acadar un máximo de 6.947 o 28 de abril. Xusto un día antes de que o Goberno galego introducise 3.552 curacións sen referencia temporal, o que rachou a serie, que ata ese momento permitía coñecer a evolución e a tendencia da enfermidade.

Este mércores o número de PCR realizadas volveu aumentar, ata as 1.568 e por segundo día consecutivo supera o milleiro de probas

Nas últimas 24 horas, o que a Xunta presenta como "curacións" (aínda que inclúe tamén negativos en test de anticorpos) aumentan en case cen persoas e chegan ás 9.505. Ademais, o acumulado de persoas que deron positivo por covid-19 nalgún momento chega xa ás 11.103.

Este mércores o número de PCR realizadas volveu aumentar, ata as 1.568 e por segundo día consecutivo supera o milleiro de probas, despois de varios días nos que as cifras foran inferiores. O número total de PCR realizadas en Galicia dende o inicio da pandemia é de 130.424.

En cando ás persoas con coronavirus que aínda se atopan hospitalizadas, o seu número segue en descenso. Este xoves 21 de maio son 85 (13 delas nas UCI), fronte ás 96 (16 en UCI) de onte. Cómpre lembrar que non todas as reducións neste indicador se refiren a altas hospitalarias, senón que tamén inclúen a pacientes que poden seguir ingresados pero que xa non presentan infección por coronavirus.

A situación das residencias tamén mellora, con 210 casos activos, 15 menos que o día anterior

A situación das residencias tamén mellora, con 210 casos activos de coronavirus, 15 menos que o día anterior. 88 corresponden a usuarios e usuarias das residencias de maiores e 79 ao persoal; ademais, hai 43 casos activos nos centros de atención á discapacidade, 27 de usuarios/as e 16 de traballadores/as. Dende o inicio da crise producíronse 271 mortes nestes centros en Galicia.

O descenso no número de positivos activos no conxunto de Galicia tivo lugar en case todas as áreas sanitarias. Dos 990 casos contabilidados pola Xunta, 252 son da área da Coruña, 63 da de Lugo, 160 da de Ourense, 50 da de Pontevedra, 273 da área de Vigo, 161 da de Santiago, e 31 da de Ferrol, o único lugar no que aumentaron nas últimas 24 horas, aínda que de forma moi leve.

En canto á incidencia da enfermidade en cada lugar (número de casos por habitante), Ourense segue sendo a zona de Galicia con máis positivos, pero con datos moi semellates aos que presentan as áreas sanitarias de Vigo e A Coruña. Mentres, Compostela sitúase en cifras próximas á media galega. Finalmente, Ferrol, Pontevedra e Lugo están claramente por debaixo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.