As igrexas galegas prepáranse para o posible regreso das misas con estritas medidas de seguridade

Misa nunha igrexa galega © Diocese de Lugo

Débese regular a asistencia garantindo a distancia de dous metros entre as persoas e unha ocupación de un terzo na fase 1 e un 50% na fase 2

Nos territorios que este luns entren na fase 1 poderán volver celebrarse misas e outros actos relixiosos nas igrexas. Iso si, as celebracións litúrxicas deberán cumprir unhas estritas medidas de seguridade fixadas polas autoridades sanitarias e pola propia xerarquía eclesiástica. Os distintas dióceses galegas publicaron nos últimos días as normas e recomendacións para as persoas que queiran acudir aos templos se é que finalmente Galicia entra na Fase 1, como propón a Xunta.

As normas fan referencia ao límite de aforamento que deben respectar os distintos espazos (un terzo na Fase 1 e o 50% na Fase 2), pero tamén a recomendacións para manter a distancia social, asegurar a hixiene e, en xeral, evitar os contaxios dentro do posible, pensando sobre todo nos colectivos de risco.

Convídase "as persoas maiores, enfermas ou en situación de risco a que valoren a conveniencia de non acudir ás igrexas"

De feito, dióceses coma a de Ourense convida "as persoas maiores, enfermas ou en situación de risco, mentres dure este proceso de tránsito á normalidade, que valoren a conveniencia de non acudir ás igrexas". Ademais, o Bispo "prorroga a dispensa do precepto dominical a persoas maiores e enfermas, convidando á lectura da Palabra de Deus e á oración nas casas".

 

Normas e recomendacións publicadas polas dióceses galegas:

As igrexas deben organizar un servizo de orde e limpeza que controle a ocupación e que proceda a limpar e desinfectar as superficies que foran usadas

  • Débese regular a asistencia garantindo a distancia de dous metros entre as persoas e unha ocupación de un terzo na fase 1 e un 50% na fase 2. Nos casos de bautismos, comuñóns, vodas, exequias e funerais de aniversario, serán as familias as que asuman o control do aforamento, mesmo comprometéndose por escrito
  • As igrexas deben organizar un servizo de orde e limpeza que controle a ocupación e que proceda a limpar e desinfectar as superficies que foran usadas. Alí onde o sacerdote non poida contar con voluntarios que se responsabilicen destas tarefas, non se poderá abrir o templo ao culto público mentres non se normalice a situación. Débese evitar formar grupos e círculos nas inmediacións e atrios dos templos.  
Interior dunha igrexa galega © Arcebispado de Compostela

É obrigatorio o uso de máscaras para as persoas maiores e en risco, manter baleiras as pilas da auga bendita e ter as portas abertas tanto ao entrar como ao saír

  • É obrigatorio o uso de máscaras para as persoas maiores e en risco, manter baleiras as pilas da auga bendita e ter as portas abertas tanto ao entrar como ao saír. Durante a celebración limítase o libre movemento polo templo. Así mesmo, prohíbese tocar e bicar as sacras imaxes.
  • O saúdo da paz, que é facultativo, poderase suprimir ou substituír por un xesto evitando o contacto directo.
  • Alí onde non sexa posible unha "celebración digna", pódese convidar os fieis a acudir ao centro da Unidade Pastoral.

Para a confesión, débese escoller "un espazo amplo, gardar a distancia de seguridade asegurando a confidencialidade e colocarse máscara confesor e penitente"

  • Para cada bautismo débese renovar a auga.
  • As confirmacións quedan aprazadas ata o comezo do novo curso.
  • Para a confesión, débese escoller "un espazo amplo, gardar a distancia de seguridade asegurando a confidencialidade e colocarse máscara confesor e penitente". A distancia podería diminuírse colocando un biombo de metacrilato entre ambos os dous.
Protocolo de seguridade difundido pola Diocese de Ourense © Diocese de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.