Rematan as franxas horarias do desconfinamento en núcleos inferiores a 10.001 habitantes e neles pode reabrir o interior dos bares

A maior parte de Galicia ten unha escasa densidade poboacional CC-BY-NC-SA Praza Pública

Neses lugares, que deben ter unha densidade inferior a 100 persoas por quilómetro cadrado, as familias con menores xa poden saír á rúa ao completo e, ao igual que as actividades deportivas, poden desprazarse ata 5 quilómetros fóra do termo municipal sen saír da provincia

O Boletín Oficial del Estado publica este venres a orde do Ministerio de Sanidade que elimina as franxas horarias para facer deporte ou pasear con menores en núcleos de menos de 10.001 habitantes en territorios que se atopen en fases 0 ou 1 do desconfinamento, como é o caso de Galicia. A súa entrada en vigor produciuse coa propia publicación no BOE, pero a orde recolle unha serie de requisitos para a súa aplicación, que queda en mans das comunidades autónomas e dos concellos. Tamén facilita que neses lugares os bares e restaurantes poidan atender xa no interior co aforo limitado ao 40%.

A nova orde do ministerio sinala que é de aplicación “tanto aos municipios como aos entes de ámbito territorial inferior ao municipio” recollidos nun artigo concreto da Lei de Bases do Réxime local no que se fai referencia, entre outras figuras, ás parroquias, pero fixa a condición non só de que teñan menos de 10.001 habitantes senón tamén unha “densidade de poboación inferior a 100 habitantes por quilómetro”, situación que en Galicia apenas se produce nuns poucos concellos e só nos seus cascos urbanos, quedando liberadas as súas parroquias periféricas. A nova orde de flexibilización non será de aplicación cando os cascos urbanos consolidados deses núcleos linden cos doutros cunha poboación superior ao límite, ou cando a suma dos dous ou supere.

Ademais do levantamento das franxas horarias, no caso dos paseos con menores a medida permite que nos núcleos nos que se aplique xa non se restrinxa a saída a un único adulto senón que poidan facelo todas as persoas que convivan no mesmo domicilio. Tanto os paseos como as actividades deportivas poderán realizarse fóra do termo municipal do domicilio ata un máximo de 5 quilómetros dentro doutro municipio lindeiro sempre que pertenzan á mesma provincia ou unidade territorial de desconfinamento.

A orde sinala que nos lugares onde é de aplicación os concellos “velarán por que se garanta, no ámbito das súas competencias, a prestación efectiva de todos os servizos e prestacións” de tipo social

A orde publicada este venres tamén permite que neses núcleos de poboación nos que se flexibiliza o desconfinamento os bares e restaurantes poidan abrir xa aínda que Galicia estea en Fase 1 coas condicións previstas para a Fase 2. O BOE sinala que nos núcleos para os que levanta as restricións “poderá procederse á reapertura ao público dos establecementos de hostalería e restauración para consumo no local, salvo os locais de discotecas e bares de ocio nocturno” segundo o establecido na orde que fixou as condicións para a Fase 2. Nela sinálase unha serie de requisitos de seguridade e hixiene, entre outros que o aforo deberá estar limitado ao 40%, o consumo só se poderá realizar en mesa e nunca en barra, e as mesas deberán estar separadas unhas doutras dous metros como mínimo.

A orde, que establece que no resto de actividades non reguladas por ela seguen estando vixentes o resto de restricións establecidas para cada fase, tamén sinala que nos lugares onde si é de aplicación os concellos “velarán por que se garanta, no ámbito das súas competencias, a prestación efectiva de todos os servizos e prestacións” de tipo social, algo para o que en Galicia a Xunta vén elaborando diversos protocolos pero aínda sen data para a súa aplicación á espera de que o luns se poida entrar na Fase 2 do desconfinamento, como solicitou a Xunta.

Podes consultar aquí a densidade de poboación de cada parroquia de Galicia e a súa clasficación segundo a metodoloxía do Instituto Galego de Estatística.

Parroquias galegas segundo o seu grao de urbanización CC-BY-NC-SA Mapa: IGE | Montaxe: Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.