As restricións de movementos establecidos pola crise sanitaria do coronavirus están a xerar diversos debates sobre a organización territorial e administrativa de Galicia a partir da cal se están a adoptar as decisións
As restricións de movementos establecidos pola crise sanitaria do coronavirus están a xerar diversos debates sobre a organización territorial e administrativa de Galicia a partir da cal se están a adoptar as decisións. Provincias de hai dous séculos enfróntanse a áreas sanitarias recortadas hai dous anos e parroquias e comarcas ven como a súa falta de desenvolvemento legal entorpece as súas posibilidades de ser empregadas como instrumentos no actual proceso. Repasamos algúns dos principais fitos da ordenación territorial galega en relación co coronavirus.
Da provincia herdada á parroquia nunca desenvolvida por lei
O Estatuto di que “o territorio de Galicia é o comprendido nas actuais provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra”, establecidas no fundamental en 1833, e posibilita outras formas de organización territorial que apenas se desenvolveron
O Estatuto de Autonomía de Galicia estableceu en 1981 que “o territorio de Galicia é o comprendido nas actuais provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra”, delimitacións que foron fixadas no fundamental en 1833 en función de criterios de homoxeneidade a nivel estatal e con límites asentados en fitos orográficos (ríos e cadeas montañosas), o que permitiría un maior control das súas fronteiras.
Ese parece ser o motivo polo que o Goberno central, aberto a negociar outras propostas das autonomías, apostou polas provincias como a unidade territorial na que basear as fases dun desconfinamento pensado para seguir restrinxindo desprazamentos entre territorios. O propio Sánchez así o evidenciou a salientar que a maioría da poboación coñece os límites das provincias pero non os doutras delimitacións administrativas como as áreas sanitarias preferidas pola Xunta como base do desconfinamento.
Galicia nunca desenvolveu por lei a previsión do Estatuto de que as parroquias rurais poidan ver recoñecida a súa personalidade xurídica, como si fixo Asturias
Ademais da delimitación territorial das sucesivas fases do desconfinamento, tamén está a haber polémica pola decisión de regular os paseos e actividades deportivas por franxas horarias salvo en “municipios e entes de ámbito territorial inferior ao municipio que administren núcleos de poboación separados cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes”, segundo estableceu no BOE o Goberno central.
A restrición horaria está a ser vixiada con flexibilidade, permitindo amplas excepcións e non afecta a actividades como ir ao traballo, á compra, ao médico ou outras de necesidade, e perderá aínda máis relevancia cando en seguintes fases do desconfinamento se permitan actividades turísticas dentro de cada territorio base da desescalada, visitas a museos ou terrazas de hostalería. Pero desde a Xunta, que na súa proposta inicial establecía franxas horarias para toda Galicia con independencia da poboación de cada núcleo, criticouse despois que a restrición do Goberno central afectase tamén a parroquias ou núcleos máis pequenos que forman parte de concellos con máis de 5.000 habitantes, poñendo o foco en que en Asturias se eximiu desa limitación ás parroquias desde o primeiro momento
O Estatuto de Autonomía de Galicia estableceu que “por lei” posterior “se poderá”, entre outras cuestións, “recoñecer a personalidade xurídica á parroquia rural”, pero nunca se chegou a aprobar dita lei. Quen si ten claramente recoñecida a súa personalidade xurídica son as entidades locais menores, máis habituais noutros puntos do Estado e das que en Galicia existen nove: Bembrive (en Vigo), Chenlo (no Porriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui), Camposancos (A Guarda), Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Berán (Leiro) e Queimadelos e Vilasobroso (en Mondariz).
En Asturias, pola contra, o propio Estatuto de Autonomía xa establecía que “se recoñecerá personalidade xurídica á parroquia rural como forma tradicional de convivencia e asentamento da poboación asturiana”, e ademais unha lei de 1986 desenvolveu ese recoñecemento, algo que nunca ocorreu en Galicia. Porén, a decisión de non aplicar as franxas horarias non só beneficiou en Asturias ás parroquias rurais recoñecidas oficialmente como tales senón tamén a outras decididas polos concellos.
Das 11 áreas sanitarias de Fraga ás 7 da contestada reforma de 2018
As áreas sanitarias son a unidade fundamental do sistema de saúde. As 11 creadas por Fraga foron integradas por Feijóo primeiro en 7 xerencias e hai dous anos reducidas oficialmente a ese número
Volvendo ao debate sobre a base territorial do desconfinamento, a lei estatal prevé que a estrutura fundamental do sistema sanitario sexan as áreas de saúde, unidades nas que se poidan ofrecer todas as prestacións do sistema sanitario, das que en Galicia establecéronse 9 en 1989 para posteriormente engadir en 1992 outras dúas ata un total de 11: Santiago, A Coruña, Ferrol, Cervo, Lugo, Monforte, Ourense, Vigo, Pontevedra, Valdeorras e Salnés.
Esa estrutura organizada fundamentalmente durante os gobernos de Manuel Fraga comezou a ser diluída coa chegada de Feijóo á Xunta ao crearse as denominadas xerencias de xestión integrada, un total de 7 situadas nas sete cidades baixo cuxa dependencia se incluíron o resto de áreas. As áreas sanitarias acabarían reducíndose oficialmente a sete hai agora dous anos, coa reforma legal que malia un amplo rexeitamento social aprobou o PP, que pediu “tempo” para valorar a nova estrutura “aínda que non sempre sexa entendida pola cidadanía”.
Dous anos despois, e malia que a principal referencia sanitaria en Galicia a efectos estatais sexan as sete áreas sanitarias establecidas hai dous anos, o Goberno galego pasou a apostar por un desconfinamento baseado en niveis inferiores, de zonas ou distritos sanitarios, o que o presidente Feijóo definiu como facer "un zoom" ás actuais 7 áreas sanitarias para fixarse en delimitacións inferiores que nalgúns casos se corresponderían con algunha das anteriores 11 áreas suprimidas.
As comarcas que apenas pasaron dun mapa liquidado en 2016
Fraga activou a organización en comarcas prevista no Estatuto pero centradas no desenvolvemento rural a través das fundacións comarcais fuxa supresión Feijóo culminou en 2012
A Xunta propuxo as áreas sanitarias, con ese indefinido “zoom” nos distritos sanitarios de rango inferior, como base territorial do desconfinamento, pero o Goberno central abriuse a outras posibles propostas como as comarcas, delimitación reclamada desde o BNG. O recoñecemento destas como entidades locais con personalidade xurídica e demarcación de seu foi tamén establecido no Estatuto de Autonomía, e o seu desenvolvemento foi máis aló que as parroquias, pero tamén con limitacións.
O mapa das 53 comarcas creado por Fraga en 1997 quedou en nada cando en 2016 a Xunta impulsou a fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade, pertencentes a dúas comarcas distintas
En 1996 a Xunta de Fraga impulsou unha lei de desenvolvemento comarcal que meses despois derivaría nun decreto polo que se estruturou o país en 53 comarcas. Aquelas comarcas non chegaron a ter relevancia como suxeitos políticos ou administrativos máis que para actividades de desenvolvemento rural desenvolvidas a través das fundacións comarcais que a Xunta creou para ese fin.
En 2012, o goberno de Feijóo culminou a supresión daquelas fundacións, iniciada polo bipartito, -argumentando un aforro en chiringuitos que foi "residual" e rescatando aos seus xerentes, parte deles cargos do PP-, co que as comarcas quedaron baleiras de contido. E en 2016 tamén quedarían liquidadas sobre o mapa ao impulsar a Xunta a fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade, que previamente formaban parte de dúas comarcas distintas, a de Tabeirós-Terra de Montes o primeiro e a de Pontevedra o segundo.
A área metropolitana de Vigo desembocou en 2016 nun conflito xudicial aínda non resolto entre Xunta e goberno local de Vigo co que xa se deu por morta
Á marxe das comarcas, o maior avance que se produciu a efectos de concreción administrativa supramunicipal foi a creación por lei da área metropolitana de Vigo, cuxa constitución a finais de 2016 desembocou nun conflito xudicial aínda non resolto entre Xunta e goberno local de Vigo co que xa se deu por morta á nova administración. En todo caso as competencias dese novo ente territorial non incluían as sanitarias e estaban limitadas canto á ordenación.
As Directrices de Ordenación do Territorio de 2011 priorizan o asentamento de servizos e infraestruturas máis que divisións administrativas
Polo camiño, en 2011 a Xunta aprobou tamén as Directrices de Ordenación do Territorio, documento elaborado fundamentalmente durante o bipartito. Porén, o seu obxectivo é o de priorizar o asentamento no territorio de determinados servizos e infraestruturas de xeito xerárquico máis que o de establecer divisións administrativas. Así, as directrices falan de dúas grandes rexións urbanas, 7 áreas urbanas, e 19 cabeceiras do sistema urbano intermedio, seguidas de subcabeceiras e nodos para o equilibrio do territorio.