David Reinero

Unha ducia de provincias galegas

A proposta do Goberno central, adaptable, de que as provincias sexan a base xeográfica da desescalada do confinamento polo coronavirus reabriu o debate sobre a organización territorial de Galicia. Repasamos unha ducia de provincias históricas galegas.

  1. 01

    Gallaecia

    Lucus Augusti era a capital do Conventus Lucensis, un dos que integraban a provincia romana de Gallaecia que abarcaba o noroeste peninsular con capital en Bracara Augusta.

  2. 02

    Betanzos

    O antigo Reino de Galicia foi dividido a partir do século XVI en sete provincias. Betanzos foi unha delas, que incluía Ferrolterra e Ortegal, e a vila lembra o feito cun mural con sete escudos.

  3. 03

    Santiago

    A provincia de Santiago, cunha extensión similar ao actual arcebispado pero deixando fóra a zona máis próxima á cidade da Coruña, chegaba polo sur ata a ría de Vigo.

  4. 04

    A Coruña

    A máis pequena das provincias apenas abarcaba os concellos máis próximos ao sur da cidade da Coruña.

  5. 05

    Mondoñedo

    A provincia abarcaba toda a Mariña lucense.

  6. 06

    Lugo

    Incluía o resto da actual provincia lucense e incorporaba o Deza que agora está na de Pontevedra.

  7. 07

    Ourense

    Era a provincia histórica cuns límites máis parecidos á actual delimitación.

  8. 08

    Tui

    Baseada nos límites do actual bispado de Tui-Vigo, na metade sur da actual provincia de Pontevedra.

  9. 09

    Tambre

    Durante a invasión francesa, e antes de que en 1833 se establecese a actual división en catro provincias, en 1810 propúxose unha división de Galicia en catro prefecturas que, como as francesas, tomasen o seu nome de accidentes xeográficos. A do Tambre coincidiría no básico coa posterior provincia da Coruña e tería nesa cidade a súa capital.

  10. 10

    Miño Alto

    A cidade de Lugo sería a capital desta prefectura.

  11. 11

    Sil

    Ourense sería a capital da prefectura do sueste.

  12. 12

    Miño Baixo

    Con límites similares aos da actual provincia de Pontevedra, a capital desta prefectura estaría en Vigo, que tamén sería despois, en 1822 e por apenas un ano, capital da provincia do seu mesmo nome. Unha década despois, en 1833, Javier de Burgos establecería a actual división provincial, con Pontevedra como capital.