A Xunta vén de enviar á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) un listado de 1.428 parroquias nas que a partir deste venres xa non haberá que respectar as franxas horarias previstas para saír a dar paseos ou facer deporte. Faino despois de que este xoves a Delegación do Goberno confirmase que a orde ministerial publicada o pasado 1 de maio se podía interpretar de xeito menos restritivo no referido aos "núcleos de poboación separados cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes".
1,27 millóns de galegos e galegas poderían ter liberdade de horarios, mentres que os restantes 1,4 millóns seguirán sometidos con seguridade a franxas horarias
Deste xeito, en todos os concellos de menos de 5.000 habitantes a poboación poderá realizar os seus paseos ou actividade deportiva entre as 6 e as 23 horas. Pero esta liberdade tamén se podería aplicar nas parroquias que, a pesar de pertencer a concellos que superen os 5.000 habitantes, non cheguen por si soas a esa cifra de poboación.
Así, ás 410.000 persoas que viven nos 210 concellos de menos de 5.000 habitantes uniranse outros 866.000 que habitan as parroquias rurais afectadas por este novo criterio. Isto é, 1,27 millóns de galegos e galegas poderían ter liberdade de horarios, mentres que os restantes 1,4 millóns seguirán sometidos con seguridade a franxas horarias.
Os alcaldes e alcaldesas poderán manter as actuais restricións nalgunhas parroquias "que nos seus inicios eran rurais pero que foron absorbidas urbanisticamente polo casco urbano"
Porén, pode haber excepcións a este criterio xeral, que deberán ser decididas individualmente por cada concello. Os alcaldes e alcaldesas poderán manter as actuais restricións nalgunhas parroquias "que nos seus inicios eran rurais pero que foron absorbidas urbanisticamente polo casco urbano", sinala o Goberno galego. E, de igual xeito, tamén poderán ampliar esta exención de franxas horarias aos núcleos que "aínda estando en parroquias de máis de 5.000 habitantes, estean o suficientemente separados". Polo tanto, a decisión final sobre como aplicar a disposición publicada no BOE dependerá de cada Concello.
No listado difundido pola Xunta atopamos parroquias claramente rural e conformadas por unha poboación moi diseminada, pero tamén outras totalmente urbanizadas e mesmo amplas zonas dos termos municipais das sete cidades, especialmente en Lugo, Compostela, Pontevedra ou Ourense.
Así, por exemplo, figuran no listado de parroquias rurais San Pedro de Visma (A Coruña), San Valentín ou Perlío (Fene), Teis (Vigo) ou os centros de importantes concellos como Melide, Padrón, Cee, Baiona ou Rianxo.
Unha semana de interpretacións sobre o mesmo texto
O pasado venres 1 de maio publicouse no BOE a orde ministerial que regulaba os paseos e o deporte ao aire libre para toda a poboación, que ían ser permitidos ao día seguinte. No texto engadíase unha excepción, que sinalaba que as franxas horarias "non serán de aplicación a aqueles concellos e entes de ámbito territorial inferior ao municipio que administren núcleos de poboación separados cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes".
Dende hai días algunhas voces comezaron a reclamar que o texto legal se interpretase de forma máis ampla, entendendo eses "núcleos de poboación separados" non como o concello na súa totalidade senón como os núcleos que o conforman
Nun comezo interpretouse que este límite unicamente deixaba fóra a aqueles concellos e entidades locais menores que tiñan menos de 5.000 habitantes. Porén, despois duns días algunhas voces comezaron a reclamar que o texto legal se interpretase de forma máis ampla, entendendo eses "núcleos de poboación separados" non como o concello na súa totalidade senón como os núcleos que o conforman.
O pasado domingo, Pedro Sánchez xa se mostrara favorable ante Feijóo a interpretar a orde en Galicia en sentido amplo, como xa se fixera en Asturias, onde se comezou a recomendar o criterio dos núcleos de 5.000 habitantes e non a cifra de poboación dos Concellos. Este mércores o presidente do Goberno central pronunciouse no mesmo sentido no Congreso en resposta ao deputado do BNG, Néstor Rego. Na súa resposta ao voceiro do Bloque, Pedro Sánchez sinalou que esa "é unha cuestión que se suscitou por parte do presidente Feijóo" e tamén polo Principado de Asturias e entra dentro das "marxes" que as comunidades autónomas poidan regulalo. Así, sinalou, Asturias xa o pediu formalmente e no que atinxe a Galicia "temos en conta a súa petición" para poder aplicala se ben nos primeiros días do desconfinamento a Xunta non a tramitou formalmente, defendeu.
Ata esta tarde o Goberno galego non fixou un criterio claro sobre que entidades ou núcleos poderían aplicar este criterio
Finalmente, este xoves a Delegación do Goberno respondeu á solicitude realizada pola Xunta de Galicia, indicando que "cando na citada orde se alúdese ás entidades de ámbito territorial inferior ao municipio cabe interpretar, do sentido material e do espírito da norma, que non se está remitindo en sentido estrito ao concepto xurídico-administrativo recollido na lexislación de réxime local, senón ao concepto de entidade colectiva de poboación, como agrupación de entidades singulares, definido polo Instituto Nacional de Estatística, como unidade ou entidade intermedia entre a entidade singular de poboación e o municipio". "Exemplos destas entidades colectivas de poboación que teñen unha marcada orixe histórica son as parroquias, irmandades, concellos e outras que existen en diferentes Comunidades Autónomas e, entre elas, na Comunidade Autónoma de Galicia", engade.
En resposta, a Xunta difundiu un comunicado no que afirma que a partir deste venres "será efectiva a modificación e poderán saír con liberdade horaria as persoas que residan en núcleos de menos de 5.000 habitantes". Porén, ata esta tarde o Goberno galego non fixou un criterio claro sobre que entidades ou núcleos poderían aplicar este criterio. A lista de parroquias que vén de publicar introduce un punto de partida que deixa liberdade, iso si, para que cada Concello decida finalmente que partes dos seus termos municipais se ven afectados ou non.