Goberno central e Xunta deixan en mans dos concellos a aplicación das franxas horarias entre dúbidas cos seus límites

Núcleo de poboación en Arcos (Mazaricos) CC-BY-SA Deensel

O pasado venres 1 de maio publicouse no BOE a orde ministerial que regulaba os paseos e o deporte ao aire libre para toda a poboación, que ían ser permitidos ao día seguinte. No texto engadíase unha excepción, que sinalaba que as franxas horarias "non serán de aplicación a aqueles concellos e entes de ámbito territorial inferior ao municipio que administren núcleos de poboación separados cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes". 

Dende hai días algunhas voces comezaron a reclamar que o texto legal se interpretase de forma máis ampla, entendendo eses "núcleos de poboación separados" non como o concello na súa totalidade senón como os núcleos que o conforman

Nun comezo interpretouse que este límite unicamente deixaba fóra a aqueles concellos e entidades locais menores que tiñan menos de 5.000 habitantes. Porén, despois duns días algunhas voces comezaron a reclamar que o texto legal se interpretase de forma máis ampla, entendendo eses "núcleos de poboación separados" non como o concello na súa totalidade senón como os núcleos que o conforman. 

Isto podería facer que en boa parte de Galicia, onde é habitual o hábitat disperso, non se aplicasen as franxas horarias, permitindo que toda a a poboación, independentemente da súa idade puidese saír pasear sen franxas horarias dentro da marxe xeral de 6h a 23h, aínda que pertenzan a concellos de máis poboación.

O pasado domingo, Pedro Sánchez xa se mostrara favorable ante Feijóo a interpretar a orde en Galicia en sentido amplo, como xa se fixera en Asturias, onde se comezou a recomendar o criterio dos núcleos de 5.000 habitantes e non a cifra de poboación dos Concellos. Este mércores o presidente do Goberno central pronunciouse no mesmo sentido no Congreso en resposta ao deputado do BNG, Néstor Rego. Na súa resposta ao voceiro do Bloque, Pedro Sánchez sinalou que esa "é unha cuestión que se suscitou por parte do presidente Feijóo" e tamén polo Principado de Asturias e entra dentro das "marxes" que as comunidades autónomas poidan regulalo. Así, sinalou, Asturias xa o pediu formalmente e no que atinxe a Galicia "temos en conta a súa petición" para poder aplicala se ben nos primeiros días do desconfinamento a Xunta non a tramitou formalmente, defendeu.

O núcleo do Burgo (Culleredo) tamén ten menos de 5.000 habitantes CC-BY-SA LopedeAguirre9

Finalmente, este xoves a Delegación do Goberno respondeu á solicitude realizada pola Xunta de Galicia, indicando que "cando na citada orde se alúdese ás entidades de ámbito territorial inferior ao municipio cabe interpretar, do sentido material e do espírito da norma, que non se está remitindo en sentido estrito ao concepto xurídico-administrativo recollido na lexislación de réxime local, senón ao concepto de entidade colectiva de poboación, como agrupación de entidades singulares, definido polo Instituto Nacional de Estatística, como unidade ou entidade intermedia entre a entidade singular de poboación e o municipio". "Exemplos destas entidades colectivas de poboación que teñen unha marcada orixe histórica son as parroquias, irmandades, concellos e outras que existen en diferentes Comunidades Autónomas e, entre elas, na Comunidade Autónoma de Galicia", engade.

Segue sen estar claro en que lugares se aplicarán os límites horarios, pois nin na resposta da Delegación do Goberno nin na nota de prensa enviada pola Xunta se fixa un criterio concreto

En resposta, a Xunta difundiu un comunicado no que afirma que a partir deste venres "será efectiva a modificación e poderán saír con liberdade horaria as persoas que residan en núcleos de menos de 5.000 habitantes". O Goberno galego comunicou esta decisión á Federación Galega de Municipios e Provincias 
(Fegamp) para que a traslade aos concellos, que terán que ser os que a apliquen. A Xunta sinala que "esta 
interpretación, ademais de ser coherente coa garantía da saúde pública, resulta tamén máis favorable ao principio de favor libertatis, en tanto é menos restritiva das liberdades individuais". "Por último, adáptase mellor á realidade social galega e á súa distribución territorial" engade.

Así pois, en que núcleos de poboación se aplicará este novo criterio? Que galegos e galegas poderán comezar a pasear con liberdade horaria (dentro da frnaxa seral de 6 a 23 horas)? Pois o certo é que non está claro pois nin na resposta da Delegación do Goberno nin na nota de prensa enviada pola Xunta se fixa un criterio concreto. Mentres que a carta da Delegación fai referencia ás parroquias, o comunicado do Goberno galego fala de forma xenérica de "núcleos". O Goberno central indica que debe ser a Xunta a que indique os criterios de aplicación da norma e que, finalmente, as administracións locais deben aplicala.

Os datos oficiais publicados no Nomenclátor estatístico de Galicia detallan a poboación das parroquias do país e tamén a dos núcleos, aínda que moitos deles non están realmente "separados". En calquera caso, tanto se se emprega un criterio ou outro, o número de persoas que poderán comezar a pasear sen horarios exclusivos para crianzas ou maiores será maior ao actual. 

Tan só 521.860 persoas viven nas 58 parroquias que suman máis de 5.000 habitantes. E tan só 46 núcleos de poboación teñen máis de 5.000 habitantes, sumando un total de 1,2 millóns de persoas

O criterio dos concellos significaba que os límites horarios afectaban á inmensa maioría da poboación galega, agás ás 410.000 persoas que viven nos 210 concellos de menos de 5.000 habitantes. En cambio, tan só 521.860 persoas viven nas 58 parroquias que suman máis de 5.000 habitantes. E tan só 46 núcleos de poboación teñen máis de 5.000 habitantes, sumando un total de 1,2 millóns de persoas. Por poñer un exemplo, lugares coma O Burgo (Culleredo) ou os centros de Melide, Chantada, Pontedeume, Caldas, Cedeira ou A Pobra do Caramiñal teñen menos de 5.000 habitantes. Ademais, amplas zonas das cidades galegas pertencen a parroquias ou núcleos que suman menos de 5.000 habitantes.

Podes consultar nesta táboa se vives nunha parroquia con menos de 5.000 habitantes.

Podes consultar nesta táboa se vives nun núcleo de poboación con menos de 5.000 habitantes.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.