A Valedora do Pobo, o TSXG e finalmente ata a Xunta admitiron que o detalle de falecementos en cada centro debe ser público
Este martes Praza.gal fixo públicos en formato aberto os datos oficiais da Xunta sobre as mortes con COVID en cada residencia de maiores ou discapacidade de Galicia entre o comezo da pandemia en marzo de 2020 e decembro dese ano, poucos días antes do inicio da vacinación. Malia considerar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que o agora divulgado é unha “información pública”, a súa obtención chega despois de 20 meses de solicitudes, reclamacións e recursos ao amparo da Lei de Transparencia que evidencian as eivas que aínda existen nese eido.
A solicitude de Praza.gal foi inicialmente rexeitada pola Consellería de Sanidade, que argumentou que tería que “reelaborar” antes os datos. Tras esa negativa este diario formulou a mesma petición á Consellería de Política Social, que discrepou de Sanidade sobre a necesidade de reelaborar os datos pero igualmente tamén ocultou o seu detalle facilitando só o número total de falecementos que xa era público.
Praza.gal recorreu ante a Valedora do Pobo, responsable da Comisión da Transparencia de Galicia, que obrigou á Xunta a tramitar novamente a petición por considerar que “a información que se solicita é información adquirida pola Consellería de Política Social no exercicio das súas funcións, polo que debe considerarse que é información pública, tendo o interesado dereito a que se lle proporcione”.
Ante esa resolución da Valedora, na nova tramitación da solicitude deste diario o Goberno galego preguntou ás empresas privadas de residencias, como contempla a lei cando a administración considere que pode haber unha terceira parte afectada, se tiñan algunha obxección a que se revelasen as cifras, ao que varias se opuxeron. A Xunta, tras a advertencia da Valedora de que consideraba os datos como “información pública”, rexeitou as alegacións das empresas e resolveu atender a petición de Praza.gal. Pero varias sociedades do grupo DomusVi recorreron ante a xustiza esa decisión, o que derivou nun preito que non rematou ata o pasado maio, cando o TSXG resolveu sobre a petición de Praza.gal e outras similares.
O Tribunal Superior dixo que "debe primar o dereito ao acceso á información pública pola concorrencia dun imperioso interese xeral" sobre os "motivos privados de interese económico" das empresas
O tribunal, en referencia a unha petición similar á de Praza.gal pero formulada antes por infoLibre para un período de tempo máis limitado, avalou que o interese público de divulgar os datos “resulta prevalecente sobre a limitación por motivos privados de interese económico propostos polas empresas”. O TSXG considera que “debe primar o dereito ao acceso á información pública pola concorrencia dun imperioso interese xeral en coñecer, tamén no campo do sector das residencias privadas de maiores, a eficacia na xestión da pandemia da COVID-19, como medio de fornecer á cidadanía de elementos que poidan conformar unha opinión pública libre, algo ineludible para a boa saúde democrática de calquera país”.
Naquela sentenza o tribunal chegou a dicirlle a DomusVi que se tiña medo de que outros terxiversen as cifras, podía ser ela mesma quen fixese públicos os datos de mortes en cada residencia.
Os datos agora divulgados por Praza.gal non foron facilitados nin ao Parlamento de Galicia pola negativa reiterada de Xunta e PP
A decisión do TSXG de maio podía ser recorrida aínda ante o Tribunal Supremo no prazo dun mes, polo que pasado ese prazo este diario instou formalmente a finais de xuño á Xunta a executar a sentenza se non se producira tal recurso e se convertera xa en resolución firme. Agora, outro mes máis tarde, a Xunta vén de facilitar os datos solicitados hai 20 meses, pero faino novamente incumprindo a Lei de Transparencia, que reclama que as administracións empreguen formatos abertos para que a información poida ser máis facilmente reutilizable. En lugar de facilitar as cifras nunha folla de cálculo o Goberno galego optou por trasladalas a un formato PDF non editable nin convertible de xeito automático.
Agora, tras converter a información fundamental do documento oficial da Xunta a un novo formato aberto, Praza.gal fai públicos uns datos que non foron facilitados ata o momento nin sequera ao Parlamento de Galicia pola negativa reiterada de Xunta e PP.
Desde o comezo da pandemia Praza.gal tamén desvelou a través de peticións de transparencia outras informacións relevantes, como que o comité clínico que asesora á Xunta fronte á COVID non levantou acta de ningunha das súas reunións, o que impide comprobar se as restricións decididas polo Goberno galego en cada momento se corresponderon coas suxestións dos especialistas.
Praza.gal tamén desvelou que Sanidade non dispuxo de datos dos novos casos de COVID que se foron rexistrando en cada centro educativo, así como que o comité que asesora á Xunta para reformular as residencias de maiores tampouco levantou ningunha acta das súas reunións e todo o seu traballo consistiu en seis folios. E antes de obter o actual detalle sobre os falecementos en todas as residencias de Galicia, incluídas as privadas, este diario xa lograra divulgar o detalle das residencias de titularidade pública.