Tras rexeitar a xustiza un recurso do grupo que controla o sector en Galicia a Xunta desvela os seus datos oficiais a petición de Praza.gal
DomusVi, grupo herdeiro das residencias de maiores que controlaban as antigas caixas de aforros galegas, é o principal do sector en Galicia. E como tal tamén foi, durante os primeiros nove meses da pandemia, ata que chegaron as vacinas, o que rexistrou maior número de mortes de persoas coa COVID.
Dos 509 falecementos rexistrados pola Xunta entre marzo e o comezo de decembro de 2020, a poucos días do inicio da vacinación, 161 producíranse en centros xestionados por DomusVi ou tras seren desviadas as persoas desde eses centros a hospitais. Por tras, 106 mortes foron en centros xestionados pola Fundación San Rosendo. Entre as dúas suman o 53% das mortes en residencias ou tras derivacións a hospitais nos nove primeiros meses da pandemia, durante a primeira e a segunda vaga da mesma.
Os datos que agora fai públicos Praza.gal en formato aberto son froito dunha petición deste diario ao amparo da Lei de Transparencia formulada aos nove meses da chegada da pandemia a Galicia. Tras rexeitar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) varios recursos de empresas do grupo DomusVi para que os datos se mantivesen ocultos, a Xunta vese finalmente obrigada a entregalos. Os datos, dixo a xustiza, son unha "información pública".
A petición reclamaba “os datos de que dispoña” a Xunta “sobre o número de falecidos positivos por COVID-19 que residían, aínda que falecesen tras o seu traslado a un hospital ou residencia integrada, en cada unha das residencias ou centros sociosanitarios de maiores e dependencia de Galicia desde o 1 de marzo de 2020”.
A resposta agora obtida por Praza.gal é o documento de quince folios en formato PDF que acompaña esta información, a partir do que este diario elaborou unha táboa interactiva con datos abertos descargables só cos centros nos que se rexistrou algún falecemento, comprobando no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social quen xestiona cada centro. Isto é, hai centros de titularidade pública nos que a administración entregou a súa xestión a empresas privadas como DomusVi, e iso é o que se reflicte na táboa.
Ata a chegada das vacinas o 41% das mortes en Galicia rexistráranse en centros de maiores ou dependencia
As cifras facilitadas pola Xunta abarcan do 8 de marzo de 2020, data da primeira morte rexistrada nunha residencia, ata o 2 de decembro dese ano. Naquela altura en Galicia rexistráranse algo máis de 1.200 persoas falecidas con COVID, segundo a base de datos consolidada do Sergas, das que o 41% residían en centros de maiores ou dependencia, 509 a data 2 de decembro, segundo di agora a Xunta.
Das 22.000 prazas totais que hai en Galicia 17.000 son de titularidade privada, e parte das de titularidade pública están á súa vez xestionadas a través de concesionarias privadas
O 53% desas mortes repártense entre dúas grandes entidades: DomusVi, con 161, e Fundación San Rosendo, con 106, seguidas moi de lonxe por outras empresas ou administracións. Como contexto, en Galicia das 22.000 prazas residenciais existentes máis de 17.000 son de titularidade privada e só unhas 4.800 están en centros de maiores de titularidade pública. Delas, 3.900 están en residencias ou vivendas tuteladas titularidade da Xunta ou do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que comparte con algúns concellos. E delas á súa vez algunhas están xestionadas directamente pola administración e outras concesionadas a empresas como DomusVi.
Segundo o actual máximo responsable de DomusVi, José María Pena, a empresa ten en Galicia unhas 4.600 prazas, isto é, arredor do 20%, unha de cada cinco de todas as prazas do país. Como comparación, as 161 mortes rexistradas nos seus centros nos primeiros nove meses da pandemia serían o 31% do total, porcentaxe superior á porcentaxe de prazas que xestiona o grupo.
Hai un ano Praza.gal xa fixo públicos datos que reflectían que a metade dos falecementos en residencias da Xunta foron en centros xestionados por DomusVi malia que só xestionaba unha de cada catro prazas da administración
Hai un ano Praza.gal xa conseguiu obter, con outra petición de transparencia, os datos das mortes en residencias de titularidade autonómica ata o 5 de xullo de 2021, sete meses máis adiante do agora conseguido para todas as residencias de Galicia.
Naqueles datos podía constatarse que a metade dos 80 falecementos con COVID en residencias titularidade da Xunta, 40 mortes, rexistráranse en centros coa xestión adxudicada a DomusVi, malia que esa empresa só tiña ao seu cargo unha cuarta parte das prazas totais do Goberno galego, unhas mil das 3.900.
Por outra banda, a comezos deste ano a Xunta entregou no Parlamento o seu informe oficial sobre o impacto da COVID nas residencias, encargado á USC, que concluíu, sen identificar as empresas responsables de cada centro, que a incidencia da enfermidade foi case o dobre nas privadas a respecto das públicas. O documento sinala tamén que o tamaño do centro foi igualmente un factor de aumento da incidencia da COVID. E DomusVi xestiona algunhas das residencias de maior tamaño de Galicia.
A continuación, o documento oficial sobre as mortes en cada residencia agora facilitado pola Xunta a Praza.gal en resposta á petición de transparencia formulada hai 20 meses.