Política Social desvía tamén á USC a responsabilidade sobre o balance oficial do impacto da pandemia nas residencias que lle solicitou a comisión de estudo creada no Parlamento
Máis de dous anos despois da aparición da pandemia en Galicia segue sen coñecerse o detalle oficial das persoas mortas con COVID-19 en cada residencia de maiores. A Xunta vén negándose a facilitarllo ao Parlamento e un recurso de DomusVi, principal grupo do sector, ten paralizada na xustiza unha solicitude de transparencia ao respecto formulada por Praza.gal.
Agora, amparándose nese proceso xudicial aínda sen resolver, a Consellería de Política Social considera que este diario tampouco debe ter acceso á base de datos coa que se elaborou o balance oficial sobre o impacto da pandemia nas residencias que a Xunta entregou no Parlamento o pasado xaneiro. Un documento que analiza moitos outros elementos máis alá dos falecementos.
En outubro de 2020 a comisión de estudo pola crise da COVID-19 creada no Parlamento de Galicia aprobou un plan de traballo que incluíu solicitar a diversas administracións e entidades todo tipo de informes sectoriais sobre o impacto da pandemia. Entre eses documentos figuraba unha “Análise sobre o impacto do coronavirus nas residencias de Galicia, a cargo de expertos sanitarios (Consellería de Política Social)”.
Ese documento foi do último que recibiu o Parlamento, en xaneiro deste ano, 15 meses despois de solicitalo. Nel amparáronse a Xunta e o PP para non facilitar á oposición o detalle de persoas mortas en cada residencia de maiores, co argumento de que sería máis útil unha análise xeral do sector que os datos en bruto de falecementos.
O informe oficial sobre a pandemia nas residencias foi elaborado a partir dunha base de datos con moita máis información que os falecementos, pero a Xunta tamén se opón a facilitar o acceso malia que a fonte orixinal son as propias administracións públicas
O documento finalmente entregado ao Parlamento pola Xunta resultou elaborado pola Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, e nel analízanse diversas cuestións máis alá das mortes, como a incidencia da enfermidade ou letalidade en función do tamaño dos centros, da súa titularidade ou do seu persoal sanitario. [A incidencia da COVID nas residencias privadas foi case o dobre que nas públicas].
O propio documento sinala que para a súa elaboración os autores obtiveron datos oficiais de diversas fontes da administración galega que “se recolleron nunha base de datos” deseñada especificamente para analizar a situación nas residencias. Para comprobar a correspondencia entre as conclusións ás que chega o informe entregado pola Xunta no Parlamento e os datos que deberan dar pé a elas, así como para analizar outros posibles feitos que puidesen ter relevancia pública, Praza.gal solicitou, ao amparo da Lei de Transparencia, acceso a esa base de datos, facendo fincapé en que se os seus datos proceden de fontes oficiais, a lei promove a difusión dese tipo de información en formatos abertos para facilitar a súa reutilización.
Incumprindo o prazo legal dun mes que ten para responder, a Xunta acabouno facendo inadmitindo a solicitude de transparencia co dobre argumento de que o solicitado era información de carácter auxiliar ou de apoio para a elaboración do informe e que entregala requiriría dunha acción de reelaboración, dúas das excepcións contempladas pola Lei de Transparencia que poden esgrimir as administracións para non atender unha solicitude. Malia que o propio informe entregado no Parlamento sinalaba que coa información oficial orixinal fora elaborada unha base de datos, a Xunta chegou a argumentar que non podía facilitalos porque “elaborar a base de datos sería un traballo adicional, a obrigación é a de facilitar a documentación que xa está elaborada”.
Este diario formulou un recurso ante a Comisión da Transparencia de Galicia, que preside a Valedora do Pobo. A súa resposta chega agora estimando a reclamación pero admitindo en parte un argumento da Xunta, o de que malia que os datos en orixe eran públicos, e como tales a Valedora considera que están amparados pola Lei de Transparencia, a base de datos foi elaborada pola USC. Así que agora a Xunta deberá remitir a petición de transparencia á universidade.
Pero a resolución da Valedora tamén reflicte outro argumento esgrimido pola Xunta, o de que está pendente de resolverse na xustiza o recurso que DomusVi presentou contra a petición de transparencia formulada tamén por Praza.gal para coñecer o detalle das mortes en cada residencia. “Tendo en conta esta situación de litispendencia, considera a Consellería que debería de suspenderse o presente procedemento ata que exista unha resolución xudicial firme”, é o argumento. Isto é, mentres non se resolva o proceso xudicial sobre o detalle das mortes en cada residencia a Xunta non quere que se poidan coñecer tampouco outros datos do seu informe oficial sobre as residencias que poderían ser desagregados de xeito sinxelo por formar xa parte dunha base de datos.
No proceso xudicial aberto por DomusVi para evitar que Praza.gal poida coñecer o detalle de mortes en cada residencia é a Xunta a encargada de supostamente defender que eses datos deben ser públicos
Por outra banda, dáse o paradoxo de que no proceso xudicial aberto por DomusVi para evitar que Praza.gal poida coñecer o detalle de mortes en cada residencia é a Xunta a encargada de supostamente defender que eses datos deben ser públicos. Un proceso ao que se chegou despois de que a Consellería de Sanidade se negase inicialmente a facilitar os datos co argumento de que tería que reelaboralos, de que a de Política Social só ofrecese o total que xa era público, e de que a Xunta no seu conxunto respondese ao Parlamento desviando a responsabilidade ao Goberno de España.
De momento este diario si puido coñecer xa o detalle de mortes nas residencias de titularidade da propia Xunta, o que permitiu comprobar que os centros cuxa xestión a administración entrega á súa vez a DomusVi presentaron unha maior incidencia que a media. [A metade dos falecementos con COVID en residencias da Xunta foron en centros xestionados por DomusVi].