O auto do caso Alvia confirma o maquinista como único imputado

Persoal traballando nas vías de Angrois tras o accidente © Ministerio de Fomento

Francisco José Garzón Amo, o maquinista do tren, será o único imputado polo accidente ferroviario que o 24 de xullo de 2013 acabou coa vida de 79 persoas en Angrois. Así o decidiu o xuíz encargado do proceso, Andrés Lago, que vén de pechar a instrución, trasladando o auto ás partes, que poden presentar recurso. O maxistrado exculpa de responsabilidades a todos os altos cargos de ADIF e representantes políticos, seguindo o mesmo criterio da Audiencia Provincial da Coruña, que en outubro do pasado ano levantou por segunda vez a imputación que pesaba sobre a cúpula da xestora das infraestruturas ferroviarias.

Un total de 12 dirixentes da compañía -os que formaban parte do seu Consello de Administración en 2011-, así coma outros cargos e técnicos (un total de 27), foran inicialmente citados a declarar polo xuíz que iniciou a instrución do caso, Luis Aláez, que advertira neles unha carga de responsabilidade polas decisións adoptadas en canto á seguridade na liña, en particular pola ausencia do sistema ERTMS. Nin nas vías nin no tren existía activo ningún sistema de seguridade de apoio que puidese evitar ou paliar o fallo humano do maquinista. Porén, a Audiencia da Coruña considerou que aínda que a ausencia deste sistema podía implicar un perigo, non supuña infracción ningunha nin incumpría a normativa.

O auto recoñece que “é evidente que a seguridade da vía podía ser mellor" e que "de acharse activo o sistema ERTMS as posibilidades de que o sinistro se producise eran inferiores"

De igual xeito, o auto coñecido hoxe recoñece que “é evidente, e non imos dicir agora o contrario, que a seguridade da vía podía ser mellor" e que "é evidente tamén que de acharse activo o sistema ERTMS as posibilidades de que o sinistro se producise eran inferiores, ao tratarse dun sistema de seguridade máis perfeccionado que mitiga en maior medida o risco derivado do factor humano". Porén, lembra que non existe disposición legal ou normativa ningunha que obrigue a que o tren en cuestión e a propia infraestrutura viaria estivese dotada do sistema ERTMS o día do accidente. "A ausencia de tal sistema e as motivacións que levaron á súa desactivación non poden ser obxecto de depuración no ámbito penal, sen prexuízo das responsabilidades, doutra índole, a que puideren dar lugar”, sinala.

"A ausencia de tal sistema e as motivacións que levaron á súa desactivación non poden ser obxecto de depuración no ámbito penal, sen prexuízo das responsabilidades, doutra índole, a que puideren dar lugar”

De igual xeito, o auto recolle a diversidade de opinións entre os peritos xudiciais. Aínda que asegura ter en conta os tres informes periciais, apoia as súas conclusións en que dous dos tres expertos “coinciden en descartar na xénese do accidente máis contribución causal que a que deriva do exceso de velocidade coa que o tren entrou na curva, sendo esa a única causa do sinistro”. O outro perito, o enxeñeiro de Telecomunicacións César Mariñas, ampliaba as responsabilidades a ADIF, sinalando a súa obriga de instalar o ERTMS, o que tería obrigado á imputación dos seus directivos.

A este respecto, mesmo recoñecendo eses problemas de seguridade e que o accidente puido ter varias causas, argumenta que "se aceptamos que todas as posibles causas posúen idéntica equivalencia á hora de fundamentar imputacións penais, daquela a intervención penal faríase extensiva a practicamente todos os posibles supostos". Polo tanto o xuíz ditamina que as dilixencias practicadas permiten concluír que a “causa directa, inmediata e que decididamente desencadeou o desgraciado accidente que tivo lugar o pasado 24 de xullo de 2013 foi o exceso de velocidade”.

"Indefensión" das vítimas

O xuíz conclúe que “causa directa, inmediata e que decididamente desencadeou o desgraciado accidente que tivo lugar o pasado 24 de xullo de 2013 foi o exceso de velocidade”

Péchanse así máis de dous anos de dilixencias, un proceso que comezou a bo ritmo pero que dende hai bastantes meses entrara nunha vía morta, algo que non se viu favorecido polo cambio de xuíz. Neste tempo, as vítimas, agrupadas na Plataforma Alvia 04155, mantiveron a súa demanda de "verdade, xustiza e responsabilidades políticas", incidindo sobre todo na necesidade de crear unha comisión de investigación no Congreso e criticando que o maquinista apareza "como único responsable". "Ningún responsable político dimitiu e para humillación das vítimas algúns foron mesmo premiados", sinalaban.

Este mércores, unha vez coñecido o auto do xuíz, Jesús Domínguez -voceiro da Plataforma- destacaba a sensación de "indefensión". "Pedíramos novas dilixencias e que entrasen na instrución unha serie de probas, coma os tests psicotécnicos do maquinista, pero o xuíz decidiu pechar o caso sen máis, sen facer caso ningún das nosas demandas, sen investigar máis", di. Domínguez destaca igualmente a "estraña coincidencia" que ao seu xuízo se dá entre o anuncio do peche da instrución coa estrea inminente "dun documental no que van saír á luz datos reveladores para o caso", en referencia ao filme a Frankestein-04155 do director Aitor Rei, que participará na Seminci de Valladolid a partir do 24 deste mes.

"Xa esperabamos esta resolución. O maxistrado valente era o xuíz Alaez; imputounos dúas veces, e por dúas veces foron desimputados a petición do Fiscal"

A Plataforma bota en falta que o xuíz atendese "as conclusións do perito independente", César Mariñas, que alertaba dos fallos de seguridade no tren e na vía. "Estamos falando de Alta Velocidade, resulta moi pouco crible que  a conclusión sexa que o único motivo do accidente é que o interventor chamou por teléfono ao maquinista", di. Porén, sinala que "xa esperabamos esta resolución. O maxistrado valente era o xuíz Alaez; imputounos dúas veces, e por dúas veces foron desimputados a petición do Fiscal". "Pedimos que seguise ese xuíz, non lle deixaron", critica.

Jesús Domínguez denuncia a influencia que neste caso tivo "o aparato do Estado". "Falamos de Fomento, de Renfe, de Adif, que son empresas públicas. E falamos do AVE, que é a xoia da coroa. Falamos da Marca España", di. "Témolo moi difícil para que se faga xustiza e paguen todos os responsables", conclúe.

A plataforma de vítimas e familiares convocou unha concentración de protesta o vindeiro venres ante a sede dos xulgados en Compostela

Francisco José Garzón Amo fica polo tanto como único responsable no proceso xudicial, imputado por homicidio imprudente, despois de que admitise que se despistou e non freou a tempo antes da curva de Angrois tras recibir unha chamada do interventor do tren. A plataforma de vítimas e familiares convocou unha concentración de protesta o vindeiro venres ante a sede dos xulgados en Compostela. O acto, baixo o lema Necesitamos que nos acompañedes, comezará as 11 da mañá. 

 

Primeiras valoracións

Coñecida a noticia, a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, sinalou que “aínda están pendentes de depurar as responsabilidades políticas, que as houbo” e lembrou a necesidade dunha Comisión de Investigación no Congreso para depurar as responsabilidades políticas que houber”.  E afirma que “é evidente a xogada de bloqueo que tanto PP como PSOE fixeron na Cámara galega e no Congreso para impedir a Comisión de Investigación”. Rosana Pérez considera “un despropósito e unha inxustiza trasladar toda a culpabilidade do accidente ao maquinista que conducía un Alvia sen ERTMS, o dispositivo de seguridade máis avanzado, nunha curva perigosa na que en poucos metros había que pasar dunha elevada velocidade a frear a 80. Houbo fallos na seguranza e mostra delo foron as medidas de reforzo que a posteriori tivo que adoptar Fomento”.

Pola súa banda, Yolanda Díaz afirmou que “é decepcionante que neste fin de réxime se peche a causa do siniestro do Alvia sen depurar responsabilidades políticas e deixando ás vítimas e as súas familias en total indefensión” e adiantou que "continuaremos pedindo unha Comisión de Investigación que xa solicitaramos dende AGE e que foi denegada sistemáticamente polos gobernos".

Núñez Feijoo cre que a imputación do maquinista en solitario "coincide co sentir maioritario da sociedade"

Pola contra, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, cre que a imputación do maquinista en solitario "coincide co sentir maioritario da sociedade", pois todos os que coñecen o caso -asegurou- "ven claro" que o factor clave "foi o exceso de velocidade". O presidente da Xunta concluíu que "os fallos humanos poden producirse" e comparou este sinistro co hipotético caso dun piloto de aviación que non respectase "os parámetros fixados".

Concentración da plataforma de vítimas, este verán en Compostela © Plataforma Alvia 04155
Autoridades no lugar do accidente © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.