As vítimas do Alvia esixen "verdade, xustiza e responsabilidades políticas"

Concentración da plataforma de afectados do accidente, este venres en Compostela © Plataforma Víctimas Alvia 04155

Ao redor dun cento de vítimas e familiares de vítimas do accidente que hai dous anos acabou coa vida de 81 persoas en Angrois concentráronse este venres na praza do Obradoiro de Compostela. Convocados pola Plataforma de Víctimas Alvia 04155, esixiron "verdade, xustiza e responsabilidades políticas", como se podía ver na súa faixa principal e en multitude de carteis, e como repetiron durante a concentración, celebrada baixo a chuvia nalgúns momentos. 

Unha das súas principais reivindicacións é a creación dunha Comisión de Investigación Parlamentaria no Congreso, un órgano cuxa constitución foi proposta por forzas coma o BNG ou a Esquerda Plural, pero que conta coa oposición de PP e PSOE. Así mesmo, critican o estancamento do proceso xudicial, cunha investigación que "leva case un ano parada co cambio do novo xuíz".

Esixen "responsabilidades políticas", criticando que o maquinista apareza "como único responsable" e subliñan que "ningún responsable político dimitiu e para humillación das vítimas algúns foron mesmo premiados". Láianse tamén do "trato inhumano" recibido por parte do presidente da Xunta "que nos recibiu cos Antidisturbios cando nos negabamos a recibir unhas medallas que non queriamos".

En definitiva, a Plataforma esixe "verdade, transparencia e xustiza" e destaca que o accidente podería ter sido evitado e que "varias decisións do goberno anterior (PSOE) e do actual (PP) comprometeron a seguridade dos viaxeiros" e que "intereses comerciais e políticos antepuxéronse á seguridade das persoas".

A concentración foi acompañada pola presenza de numerosos representantes de forzas políticas e cargos institucionais, comezando polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta), que amosou o seu apoio á vítimas e ás súas familias e criticou a actitude de PP e PSOE, que "están escapando das súas responsabilidades". Tamén estivo presente a viceportavoz de AGE e coordinadora de Esquerda Unida, Yolanda Díaz. O mesmo que o deputado de AGE Antón Sánchez. Polo BNG participaron o portavoz parlamentario Francisco Jorquera, a deputada no congreso Rosana Pérez e Ana Miranda, eurodeputada nesta lexislatura. Tamén asistiu o secretario xeral de Podemos en Galicia, Breogán Riobóo.

Concentración da plataforma de afectados do accidente, este venres en Compostela © Plataforma Víctimas Alvia 04155
Outra imaxe da concentración, esta mañá no Obradoiro © Plataforma Víctimas Alvia 04155
Outra imaxe da concentración, esta mañá no Obradoiro © Plataforma Víctimas Alvia 04155

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.